Exixen suprimir a Peñamaría del Llano do rueiro coruñés "por represor"

Os colectivos da memoria histórica demandan que a rúa que leva o nome deste alcalde da Coruña pase a chamarse doutra forma dado o historial do político durante a Guerra Civil. Así, lembran o papel de Peñamaría na "represión franquista" na comarca de Valdeorras. Consideran que a retirada desa honra serviría para cumprir coa legalidade.
Sergio Peñamaría, primeiro pola dereita, entregando a medalla de ouro da Coruña a Pedro Barrié de la Maza en 1962. (Foto: El Pueblo Gallego)
photo_camera Peñamaría, primeiro pola dereita, entregando a medalla de ouro da Coruña a Pedro Barrié de la Maza en 1962. (Foto: El Pueblo Gallego)

Algúns colectivos en defensa da memoria histórica reclamaron ao Concello da Coruña que acometa a retirada do nome do que fora alcalde, Sergio Peñamaría del Llano, do rueiro da cidade. Aluden ao pasado franquista deste político para xustificar a súa exixencia.

Os grupos inciden en que a supresión desta honra implicaría o cumprimento da Lei de Memoria Histórica ante a "represión franquista" cometida na comarca de Valdeorras polo rexedor coruñés durante a Guerra Civil.

A través dun comunicado, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) solicita ao goberno de Inés Rey que mude o nome, que podería dedicarse precisamente aos 'Mártires de Valdeorras' en recordo daquelas persoas que foron vítimas. 

De feito, o pleno municipal do Barco de Valdeorras aprobou o pasado 7 de outubro unha proposición, apoiada por todos os grupos (PSOE, PP, BNG e Riada Cidadá), nesta liña.

A mesma aparece recollida na nova solicitude. Este colectivo sostén que Peñamaría del Llano, alcalde da Coruña entre 1959 e 1963, participou en actos de represión mentres era voluntario no exército sublevado e, posteriormente, como tenente da Lexión no ano 1939 na comarca do interior galego.

Así mesmo, aluden ao seu papel como "fiscal militar en xuízos sumarísimos contra antifacistas con numerosas penas de morte", así como "os servizos" prestados á ditadura e á familia Franco.

De feito, atendendo a un escrito publicado por Manuel Monge en Nós Diario no pasado decembro, a deste rexedor da Coruña "é outra das biografías secuestradas ou silenciadas".

"Sergio Peñamaría de Llano, nado na Fonsagrada en 1914 e finado na Coruña en 2004, é presentado no relato oficial como un 'hombre bueno'", comentaba nun artigo sobre a memoria.

Comentarios