Exixen investigar "a verdade" sobre o asasinato do político Ánxel Casal no 85 aniversario do crime

Nun acto de homenaxe a este político "fundamental na loita polos dereitos do pobo galego" pediron a inclusión do expediente dentro da Lei de Memoria Democrática para aclarar o contexto no que decorreu o ataque.
Homenaxe a Ánxel Casal na praza do Toural. (Foto: BNG) #ánxelcasal #homenaxe #bng #toural #compostela
photo_camera Homenaxe a Ánxel Casal na praza do Toural. (Foto: BNG)

O BNG de Compostela lembrou esta cuarta feira á figura do último rexedor republicano da cidade, Ánxel Casal, cando se alcanzan os 85 anos desde o seu asasinato. Na homenaxe, o grupo político aproveitou para reclamar que o crime entre dentro da Lei de Memoria Democrática de maneira que se poida "esclarecer a verdade sobre o asasinato do político".

A este respecto, nun acto no que participaron as edís do Bloque en Compostela, Goretti Sanmartín e Navia Rivas, destacouse que Casal foi "fundamental para o galeguismo previo ao Golpe de Estado, tanto a nivel político como cultural".

De feito, enxalzouse como actor básico na "loita polos dereitos do pobo galego".

Traballar na memoria

Tamén ao fío da recuperación da memoria, as promotoras do acto instaron ao Goberno español a activar "a presentación da demanda para recuperar as estatuas do Mestre Mateo -Abraham e Isaac- que están en posesión da familia Franco e que poderían saír do patrimonio público de non actuar.

Por outra parte, tanto ao lembrar ao alcalde como ao facer repaso do franquismo, puxeron de manifesto a "necesidade de que se produzan máis políticas públicas de memoria".

Así, Sanmartín pediu ao Concello de Compostela que active a comisión da memoria impulsada polo BNG, que ten por diante traballos como a retirada da simboloxía franquista e a recuperación dos nomes daquelas persoas que padeceron a represión, como por exemplo a republicana Consuelo Otero Rial. A modo de homenaxe ao rexedor asasinado, tamén informou de que se intentará retomar o premio de literatura que levaba o seu nome.

Pola súa parte, o historiador e escritor Carlos Babío -autor de obras como Meirás: Un pazo, un caudillo, un espolio- destacou a "loita social" como chave para incrementar a atención na memoria.

Comentarios