Unha historia diferente da dinastía dos Borbóns

Os exilios voluntarios e forzosos dos reis de España

A actualidade no xornalismo sempre manda, e hoxe historias que criamos superadas e só presentes nos libros, recuncan para ocupar primeiras planas e pór en xaque a xefatura do Estado do Reino de España. Non é a primeira vez que isto acontece. 
Fernando VII
photo_camera Fernando VII

Écoñecida a historia do primeiro rei da dinastía francesa dos Borbóns, o Felipe V que chega acompañado duns degoiros centralizadores que levan por diante o que restaba de autogoberno no reino de Aragón. Na loita contra do outro pretendente, o teutón Carlos, un Felipe e un Carlos, coma hoxe, por facerse co Reino de España, nos primeiros anos do XVIII, Galiza non sae de todo ben parada, porque alén das manifestacións de apoio ao aspirante francés, non faltaron algúns que deron azos ao do recuncho xermano e isto sentou mal no bando gañador. Como demostrou A. Eiras, a cuestión da fidelidade nas elites galegas xogouse en termos de “patriotismo de peto” e das posíbeis ganancias que ofrecía cada alternativa. 

A inicial aposta pro francesa logo vira en dúbidas, porque a saída de tropas galegas fóra do país déixao desprotexido diante dos ataques do Portugal austracista e iso xera inquedanza, e porque as guerras son caras e hai que financialas con empréstitos as máis das veces forzosos, cousa que non fixo graza ningunha a uns podentes, leigos e relixiosos, obrigados a rascaren nas súas faldriqueiras, por suposto coa perspectiva de recuperar con xuros o achegado. Quizais fose só para facer presión e diminuír as esixencias, mais as verbas do arcebispo Monroy a Felipe V non deixarían de xerar ardentía: o pobo hoxe está co francés, mais xa se sabe que “tan facilmente como segue, deixa”. 

Algúns berros en Compostela a prol do arquiduque Carlos e manifestos que insinúan a posibilidade de que un maltrato felipista cara a Galiza leve a esta a unirse a Portugal, (“E se Galiza se casa con Portugal [...] non sería en tal caso Rei poderoso de España, e o de Castela tan cativo...?”), farían tremer a estrutura de alianzas do francés, e levarían a situar a Galiza no lugar dos territorios de fidelidade sospeitosa (Suárez e Lago, “Conflictos y lealtades en el Reino de Galicia, 1700-1714”, 2011). 

Fernando VII

Do, hoxe, pouco lembrado primeiro Borbón, cómpre pasar ao que quizais representa como poucos, na memoria histórica, o prototipo de rei “felón”, como o bautizou a historiografía liberal após 1833, Fernando VII (La Parra, Fernando VII. Un rey deseado y detestado, 2018). No medio queda outro de mellor memoria, Carlos III, alcumado “mellor alcalde de Madrid” por aquilo de que tentou converter a cidade nunha verdadeira capital europea, e que deixase de ser unha poboación con máis pretensións que realizacións efectivas. Fernando tivo unha infancia difícil que marcou o seu carácter, desconfiado e intrigante, nunha Corte na que o favorito Godoy, que o era tanto de Carlos IV como da súa muller e curmá, María Luísa de Parma, facía e desfacía, unha figura maltratada pola historia mais hoxe valorada como un tardo ilustrado obrigado a navegar nas augas revoltas dunha monarquía que esmorece. 

Fernando, sábese ben, goza dun exilio dourado entre 1808 e 1814, uns anos nos que milleiros dos seus súbditos pelexan contra das tropas napoleónicas mentres que o “Desexado” faille aloumiños ao Emperador nun intento por emparentar coa súa familia, e lle desexa a vitoria contra dos “díscolos” españois que se escornan por facerse matar no seu nome. O de felón, entre outros motivos, vén de aquí.

Con todo, a propaganda logo de 1814, a construción da figura do rei da que fala La Parra, fai que a imaxe fernandina entre o pobo sexa positiva, cando menos até 1827 coa revolta do Agraviats, sempre os cataláns Malcontents, manda truco, entre outras razóns porque é considerado un monarca franco, “campechano”, espontáneo, aberto, de gustos populares, dado aos xuramentos e que goza da comida, da bebida e da compaña feminina, sexan ou non coas súas esposas. A imaxe resúltanos familiar, porque non faltarán apoloxistas do “juancarlismo” contemporáneo que a repliquen logo de 1975 case coas mesmas palabras. E razóns non lles faltaban, até o punto de que agora o rei emérito tamén semella vai gozar do seu particular exilio.

Un monarca 'campechano'

Se a Fernando houbo que inventarlle unha imaxe que o fixese querido, cun papel destacado dos grandes gurús da comunicación do intre, os milleiros de cregos adestrados nestes traballos, non moi diferente foi o proceder desde a Transición até hai catro días co seu descendente, o sucesor a título de rei nomeado polo ditador ao que unha Constitución plebiscitada lavou a cara e o seu pecado orixinal. Unha prensa de ollos fechados e bocas agradecidas e caladas nin vía nin escoitaba nin investigaba ao invocar unha sempre superior razón de Estado..., até que comezou a facelo e a representación derrubouse. 

Non se trata de facer unha lectura na que de aquelas orixes derivan estes espazos lamaguentos, mais si de reflexionar sobre a madureza dunha democracia alicerzada nunha monarquía por ninguén votada e nunca sometida ao escrutinio público. Ignoro se nalgunha outra Casa Real hai, a día de hoxe, un rei emérito autoexiliado baixo investigación xudicial por presunta fraude fiscal e un “xenrisimo” na cadea, mais poida que nisto España si sexa líder mundial.

Rematar co absolutismo fernandino foi imposíbel. Como outros tantos que merecían unha morte ben diferente, o rei finou na cama rodeado do seu equipo médico habitual. A que queda á fronte dos destinos do Reino é súa viúva e sobriña, a italiana María Cristina. Estes casoiros entre parentes, dito entre paréntese, axudan a explicar algúns disparos nos pés, e enchen de razón a Felipe VI na escolla da súa parella, porque só o sangue da plebe é quen de osixenar o duns Borbóns contaminados con séculos de endogamia. 

María Cristina de Borbón

A María Cristina tamén lle construíron unha imaxe ad hoc que até pasou por presentala como liberal, do que non tiña ren (Cifuentes, María Cristina, 2020). Cristina era “isabelina”, defendía os dereitos á sucesión da súa filla, a continuidade da súa liñaxe coroada, como todos, tamén don Juan e o seu fillo o Emérito, e non lle quedou outra que buscar aliados nos liberais para loitar contra das pretensións de don Carlos, o seu tío. Dela falouse como “nai dos españois” por permitir o retorno dos milleiros aos que o seu marido obrigara a exiliarse, e fíxose unha apoloxía na prensa do seu talante conciliador e patriótico. Pasaba ademais por ser boa moza e gozar dos praceres da vida, e isto foi o que a perdeu, porque apenas enviuvar casa en segredo con Fernando Muñoz, un sangue vermella que colorea o azul cristino, co que vai ter un bo feixe de fillos e fillas. 

María Cristina, como lle ocorrera ao seu marido en 1808, tamén marcha ao exilio en 1840, logo de que un golpe dos progresistas a convenza de que é mellor pór quilómetros de distancia con España. Retornará en 1844, para entón con Isabel xa entronizada, e dedicarase co seu home á súa paixón favorita: amorear cartos participando en canto negocio lucrativo máis ou menos lícito aparece na España do intre. É ben certo que todo se pega, e que as amizades perigosas co mundo empresarial e dos negocios vai nos xenes dalgúns aos que non abonda o soldo como xefes de Estado: “a avaricia seca a alma”.

Isabel II

O reinado da primeira soberana Borbón, Isabel II, foi complexo e, no fondo, tristeiro, como xa dixo Pérez Galdós. I. Burdiel (Isabel II. Una biografía, 2010) analizouno e demostrou que a raíña moveuse entre políticos e eclesiásticos interesados en controlala e poñela do seu carón. A súa aireada e movida vida sentimental, logo de verse obrigada a casar co seu curmán homosexual Francisco de Asís, xogoulle unha mala pasada, no fundamental, por ser muller, porque de ter sido varón todo se tivese agochado commeilfaut.  Entre Narváez, O’Donnell e sor Patrocinio lévana por mal camiño até que desde 1866 bótase nas mans duns moderados de tintura autoritaria que ameazan con estragar os avances liberais. 

Unha inédita coalición de republicanos, demócratas, progresistas e “centristas” conxúrase entón e promove un levantamento que derruba a monarquía borbónica, cunha Isabel II que foxe cara a Francia. É 1868, a “Revolución Gloriosa”, que abre unha xeira na que as Cortes elixirán un rei -Amadeo- e logo proclamarán a I República. É posíbel que no actual Reino de España outra coalición someta a referendo esa institución que nunca pasou por semellante proba do algodón?

Comentarios