As forzas da orde na execución da disidencia

O exemplo do Grove (II)

Na casuística do Grove temos todas as tipoloxías do que aconteceu arredor de 1936: Perseguidos, inmolados con nocturnidade e á luz do día; sobreviventes do seu propio asasinato; sacas colectivas, requisas e roubos; listas negras; consellos de guerra; cadeas perpetuas; fusilamentos; resistencia armada e guerrilleiros no monte; presos en campos de concentración; torturas, desafiuzamentos e rapina en sede xudicial; fuxidas masivas en barco; agochos no monte e no mar; párrocos pistoleiros; delacións en confesionario; redadas; abatementos en aplicación da lei de fugas; desercións, exiliados, abusos físicos e sexuais… toda a maldade posíbel vivímola entre nós. Trescentas vítimas directas dos sublevados, e moi escasa pescuda arredor dos perpetradores. Pero temos tamén singularidades, anomalías mesmo na trama sinistra dos verdugos. Imos ver algunhas das protagonizadas polas chamadas forzas da orde pública e asimilados, quer dicir, militares, gardas civís, falanxistas e cívicos. 
O párroco, José Bretal, a canda un grupo de falanxistas, na inauguración dun monumento aos caídos no Grove. (Foto: Arquivo Antón Mascato)
photo_camera O párroco, José Bretal, a canda un grupo de falanxistas, na inauguración dun monumento aos caídos no Grove. (Foto: Arquivo Antón Mascato)

A toma do Grove polos militares

O 18 de xullo de 1936 son chamadas a concentrárense en Vilagarcía as forzas da Garda Civil e do Corpo de Carabineiros, polo que durante os primeiros días da sublevación militar non hai forza pública no Grove. Cento cincuenta homes, o día 20 trasládanse a Pontevedra para tentar a resistencia (des)armada aos sublevados; non chegan a pasar de Combarro (Poio). Un destacamento militar mandado polo comandante Santiago Revilla diríxese ao Grove entrando o día 25 de xullo, a media tarde, para facérense co control da situación “donde era fuerte y organizado el estado revolucionario”. Seguindo ordes do xefe militar, ao seu paso pola rúa Principal, un soldado efectúa un disparo con resultado de morte do mariñeiro José González Prieto, “O Gharaghea”, de 42 anos, que lonxe de intentar calquera resistencia ás forzas sublevadas, botárase diante dun dos camións militares para salvar un neno de catro anos, José Prieto Soutullo, que atravesaba correndo a rúa inconsciente do perigo do camión que se lle botaba enriba.

Este episodio deu lugar a momentos de excitación e conatos de resistencia que tiveron como resultado arredor dunha ducia de homes feridos por disparos de fusil e algúns estoupidos de bombas de man. José González Prieto foi a primeira vítima mortal, o comandante Santiago Revilla, o primeiro responsábel, dos militares sublevados, dunha morte no Grove.

Entre as forzas da orde regulares que actuaron na vila do Grove no exercicio da represión, son tres os nomes que salientan sobre os demais: o cabo Blas Aranda, o sarxento Salomón Pérez Cienfuegos e o tamén sarxento da Garda Civil González Leiro, este iniciador de cantos atestados se artellaron nos primeiros meses da represión, e nos que destaca a aversión sobre os traballadores do mar e os dirixentes do sindicato de oficios varios La Fraternidad; neles carga as informacións aínda afirmando que non os coñeceu persoalmente, pero que “actúa por lo que se deduce de informes recogidos en este puesto”. Responsábel asemade de tundas, delacións falseadas.

Non libraron dos seus informes os principais dirixentes da Fronte Popular: Ángel Cadavid Camaño e Jacobo Otero Goday, de Izquierda Republicana, dos que afirma que “son los culpables del envenenamiento de las masas comunistas del Grove, su cultura les permitía apoderarse de la voluntad del pueblo”. Ambos os dous resultan condenados con pena de morte, sendo o primeiro fusilado e conmutada, no segundo caso, pola de cadea perpetua. Na realidade eran dous médicos, cultos, socializantes e grandes propietarios, que encabezan a contestación ao seu rival político, o “alcalde das ditaduras”, Álvarez Lores.

Na mesma xeira temos a figura do garda Blas Aranda, “mutilado de guerra, en sus partes, por metralla de explosivo”, e de moi mal carácter a quen “se lle dabas os bos días, mallábate por te atrever a falarlle; e se non llos dabas, mallábate na mesma por non falarlle”, odiado como poucos pola veciñanza do Grove, o ‘Cabo Veneno’, fixo boa amizade co antigo xefe sindical da Falanxe en Lavadores, o concello coa maior carga porcentual de asasinados no país, Jaime Soto Martínez. 

Os asasinados de García Moldes

En maio de 1948, dous individuos con farda verde e azul respectivamente, achéganse á mesa do café no que le o xornal Francisco García Moldes; alguén, cómplice necesario, baixa o machete da luz, momento no que un disparo de pistola abate a vida do dirixente do Partido Galeguista, unha bala na testa dá cabo da vida “da mente política mellor organizada de cantas tivemos naqueles tempos, un activista político e cultural”.

Durante tres semanas, cada día, o irmán de García Moldes, Antonio, xuíz no Grove, envioulle a Jaime Soto, unha carta anónima escrita en diferentes máquinas e enviada desde lugares distintos, na que lle dicía que aquela morte non ía quedar sen vinganza. 

Queres saber como continuou este episodio negro da historia do Grove? Atoparás o texto completo no caderno 'Os nomes do terror' que forma parte do Nós Diario de hoxe, á venda en librarías, quiosques e na nosa tenga online para a súa lectura na rede. Para non deixar ningún capítulo atrás podes elixir un dos modelos de subscrición que ofrecemos agora mesmo!
 

Comentarios