Eusebio Lago Campos, os crimes dun fascista en Cabral

Fai 73 anos, falabamos de 30 de xaneiro de 1947 era executado na parroquia viguesa de Cabral, Eusebio Lago Campos. Significado militante falanxista, membro dos grupos paramilitares que aterrorizaron a zona e alcalde pedáneo, a súa persoa deu nome durante décadas a unha rúa en Vigo. As súas vítimas seguen agardando descanso.

Enterro de Lago Campo (El Pueblo Gallego)
photo_camera Enterro de Lago Campo (El Pueblo Gallego)

Estaba feito da mesma madeira que Manuel Mariño, un dos irmáns “Caducos” que mandaba paramilitares da morte por Cabral para sementar o crime en pacto co demo da terra. Partillaba causa con Xosé Maceiras Casales “O Maceiras”, verdugo como o seu irmán Feliciano, operario traidor a súa clase, perxuro da causa do comunismo e falanxista para matar e enriquecerse. Formaba a carón de Xosé Novas Currás, de alcume “O Meira”, para manchar o nome das xentes de ben masacradas na súa localidade natal elaborando listas negras. Coincidía na loita co “Cordobés”, “O Chino”, “O Mingos”, “Os Velosos”, “O Cuco”, “Manolo da Mirlota”, “Os Carbineiros” ou “Os Baos”.

Respondía por Eusebio Lago Campos pero en Cabral calaban o seu nome porque metía medo. Significado militante da Falanxe Española, alcalde de barrio e importante comerciante que aproveitou as circunstancias para aumentar o seu patrimonio foi un dos principais responsábeis da represión na súa parroquia. Segundo escribiu Xoán Carlos Abad Gallego, nun dos seus documentados traballos sobre a represión en Vigo,“moitos veciños sitúano como o verdadeiro lugartenente do maior represor da zona, Fernando Mariño “O dos Caducos” e que ademais tíñase aproveitado, era o alcalde barrio, para enriquecerse a base da extorsión e confiscación de produtos  de diversos xénero”.

Respondía por Eusebio Lago Campos pero en Cabral calaban o seu nome porque metía medo

O seu nome estaba riscado en vermello polo pobo. Diversos operativos da resistencia armada antifascista, ligada a guerrilla da área de Vigo atentaron en diversas ocasións contra a súa vida. Unha testemuña, recollida por Abad Gallego nunha das súas investigacións sinalaba que “o tal Eusebio era reo de tal castigo xa que aterrorizara a parroquia de Cabral tomando parte activa na represión, ao ser, na opinión de moitos o “vasalo” ou brazo executor dos temidos irmáns “Caducos”, que foran durante a guerra, os verdadeiros cerebros da represión na zona”. As repetidas tentativas por axustizar a Lago Campo, apoiadas polos contactos e enlaces que a resistencia tiñan na zona, remataron por dar resultados.

30 de xaneiro de 1947 executárono nunha popular taberna do Carballal, coñecida como a do “Marqués”, propiedade de Ángel Rodríguez Soto. Lago Campos entrou no local acompañado polos veciños do barrio Ángel Bastos González “Pisas” e Juán Fernández Balado “Silviño” que nun determinado momento abandonaron o local e deixárono só. Ao pouco, accederon ao local dúas persoas armadas con pistolas, que após solicitarlle aos acompañantes de Lago que se apartaran dispararon contra o alcalde de Cabral. As consecuencias deste axustizamento deste fascista non tardaron en sentirse entre o Vigo democrático, procedéndose a detencións masivas e familiares de persoas vinculadas á loita antifascista.

A figura de Lago Campos rematou por converterse durante anos nunha referencia do martiroloxio fascista en Vigo. O proceso, comezado no acto de enterramento celebrado o dous de febreiro de 1947 , coa presenza das autoridades máis importantes da cidade e da organización falanxista, onde tomou a palabra o gobernador civil e xerarca falanxista Luís Ponce de Léon. As honras na súa lembranza terán continuidade anualmente nos actos que se mantiveron até a morte do ditador, significándose a concesión do seu nome a unha rúa no lugar de Figueiras en Cabral, retirado a mediados dos anos 80.

Comentarios