O estoupido republicano federal de Sarria de 1870

Sarria ardeu en 1870. A frustración provocada polas políticas reaccionarias dos primeiros Gobernos do Sexenio ergueu a veciñanza, mobilizada pola forte organización republicano federal da vila. A resposta das forzas da orde provocou a morte de varios veciños.

 

duamier
photo_camera ‘Motín”, cadro do pintor francés do século XIX Honoré Daumier. (Foto: Nós Diario).

30 de novembro de 1870, os republicanos federais destituíron  ao Goberno local e fixéronse co control de Sarria. O levantamento deu continuidade ás protestas iniciadas na localidade no mes de febreiro contra o cobro do imposto persoal. O tributo, criado para substituír os odiados consumos, non só non resolveu os problemas que estes viñan xerando senón que aumentou a carga fiscal da Galiza.

El pensamiento español deu conta, xa no seu número do 28 de febreiro, nunha nova onde informou sobre “sobre a subversión republicana”, que “en Sarria(Lugo) houbo desordes ao presentarse un comisionado con 25 soldados para cobrar o imposto atrasado, enfrontándoselles 300  homes armados de fouces”.

O conflito de Sarria mantívose aberto nos meses seguintes, pero non foi até outono cando acadou a máxima tensión. Precisamente, como resposta ao levantamento de 30 de outubro, o alcalde da localidade pediu a intervención das forzas da orde “diante do descontento social existente e para facer efectivo o cobro do imposto persoal”.

Tres veciños mortos

Os enfrontamentos sucedéronse durante as dúas primeiras semanas de novembro, rematando o día 14 co asasinato de varias persoas a mans da Garda Civil e do rexemento infantería de Murcia. A primeira das vítimas foi un veciño da parroquia de Betote, finando aos poucos días dúas veciñas do mesmo lugar que ficaran feridas na protesta.

Arredor de 60 persoas quedaron feridas neses sucesos, sendo detidas máis de 300 persoas. Segundo informou a alcaldía de Sarria ao gobernador nos días seguintes ao masacre, “acometida así a forza por máis de 300 sediciosos, os xefes da tropa dispuxeron romper fogo contra os sediciosos, conseguindo dispersalos en breve tempo e deixando no campo un morto, dous feridos de gravidade, outros moitos cuxa vida non corre risco, sendo tamén detidos 30 destes”.

A información ofrecida polo rexedor de Sarria coincidiu coa achegada neses mesmos días por diversos medios escritos madrileños como La discusión, La correspondencia universal ou La época, que deron conta da nova, destacando a gravidade da traxedia e denunciando nalgúns casos o actuar das forzas da orde seguindo os mandatos das autoridades locais e provinciais.

O republicanismo federal

A revolta de Sarria non se pode desligar da frustración provocada pola actuación gobernativa dos Executivos do Sexenio  nos sectores populares e da axitación do republicanismo federal nos ámbitos rurais.

As expectativas abertas co derrocamento de Isabel II, no marco dunha acción combinada entre unha parte do estamento militar e dos sectores civís agrupados arredor das xuntas revolucionarias, fecháronse en seco cos primeiras medidas do gabinete de Sérrano e Prim, coherentes coa axenda liberal de mercado, lei e orde.

Unha expresión evidente desta orientación política, foi a reforma fiscal de Figuerola, primeiro ministro de Facenda do Sexenio, que se limitou a avanzar nas liñas trazadas na Lei tributaria de 1845, dirixidas a unificar o mercado estatal, asentar unha especialización económica no marco peninsular, fortalecer o poder da clase social emerxente e favorecer a penetración do capital europeo.

A  planificación das protestas levadas adiante en Sarria ao longo de 1870 e que tiveron continuidade ao ano seguinte, a mobilización dun número tan importante de persoas, a extensión do movemento a cando menos 14 parroquias, segundo afirmou o alcalde ao gobernador de Lugo, o propio intento de asaltar en dúas ocasións o cárcere do partido xudicial para liberar aos compañeiros detidos ou a simpatía dos xornais republicanos coa protesta, evidencian a existencia dunha estrutura organizativa que coordina, impulsa e dirixe a protesta.

Comentarios