O Sermos302 debrúzase sobre o 82 aniversario dun acontecimento histórico

O Estatuto do 36: unha vitoria que chegou tarde

Ausente na memoria da grande maioría das galegas, obxecto de apaixonados debates nos círculos académicos e materia de interpretacións interesadas no ámbito político, queremos aproveitar o 82 aniversario do Estatuto de 1936 para facer a crónica dun proxecto que, en palabras de Castelao, non recollía as aspiracións do nacionalismo mais representaba un punto de partida para conseguilas.

1936 ksado estatuto
photo_camera [Imaxe: Ksado] Cidadás e cidadáns facendo cola para votar [El Pueblo Gallego, 30 de xuño de 1936)

5Foi unha carreira de obstáculos. A demanda dun estatuto para Galiza vai estar presente na proposta programática das plataformas políticas articuladas en 1930 co obxectivo de definir unha alternativa de ruptura co réxime monárquico, formalmente concretadas no Pacto de Lestrove, onde era patente a influencia da Irmandade da Fala da Coruña, e no Pacto de Barrantes, impulsado polos antigos núcleos da ING.

A existencia destes compromisos explicará a activación do proceso nas primeiras semanas da etapa republicana, do que é exemplo a asemblea celebrada na Coruña o 4 de xuño de 1931. Porén, o entusiasmo inicial daría paso a unha parálise do proxecto, vinculado á definición do modelo territorial recollido no texto constitucional, moi por baixo das expectativas do nacionalismo, a oposición á dereita e á esquerda dunha parte importante das forzas políticas de obediencia española e a resistencia do sector maioritario da ORGA, ao incumprir Casares Quiroga os compromisos aos que tiña chegado no momento da constitución da formación cos nacionalistas coruñeses.

Complicacións

Non estivo exento de complicacións. Arrombada a demanda estatutaria do centro do taboleiro político após a euforia inicial, o Partido Galeguista, fundado en Pontevedra en decembro de 1931, viuse obrigado a despregar todos os esforzos para facer efectiva a reivindicación. A comezos de 1932, no marco dunha campaña de axitación dos nacionalistas na prensa, Henrique Raxoi Leloup, respondendo a unha xestión directa realizada diante del por Castelao, propón ao pleno de Compostela a convocatoria dunha asemblea de concellos, celebrada o 3 de xullo, onde se acordará a constitución dunha comisión redactora do texto estatutario.

[Podes ler a información íntegra no número 302 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios