O estatuto do 36, o estatuto que para a TVG “acabaría fracasando”

Nunha peza emitida na canle pública galega sobre o 40 aniversario do estatuto de autonomía de 1981 fálase do precedente de 1936, do que se di que “acabaría fracasando” e que “non saíu adiante”, sen unha soa referencia ao golpe franquista que o abortou.

1936 ksado estatuto
photo_camera Cidadás e cidadáns facendo cola para votar [ Foto: Ksado / El Pueblo Gallego, 30 de xuño de 1936]

“O estatuto do 36 non saíu adiante pero podemos dicir que foi a semente do vixente estatuto de autonomía de Galiza”, “Eles [a Xeración das Irmandades] foron os pais do estatuto do 36, que finalmente acabaría fracasando”. Para a TVG, o estatuto de 1936 “fracasou” e “non saíu adiante”, sen máis. Quen vise a peza emitida o pasado día 6 na canle pública galega sobre a entrega polo Parlamento galego da súa medalla á Xeración Nós no 40 aniversario do estatuto do 81 puido escoitar estas afirmacións. Sen contexto nin explicacións sobre que foi o que pasou con aquel estatuto. “Fracasou”, e punto. Nin palabra sobre o golpe de estado que abortou o proceso mais que non foi quen de afogalo.

O día 15 de xullo de 1936 unha ampla representación do autonomismo galego fixo entrega oficial do Estatuto ao presidente das Cortes republicanas D. Martínez Barrio, mais o golpe de estado demoraría a súa tramitación parlamentar. 

Grazas aos esforzos, entre outros, de Castelao e de Emilio González López o texto do Estatuto foi recuperado nos arquivos oficiais de Madrid e é presentado á sesión de Cortes realizada na Abadía de Montserrat en febreiro de 1938 onde se di , en palabras do presidente das Cortes, que “…ha sido presentado a la Mesa, cumpliendo todas las formalidades reglamentarias…”. 

Mais tampouco ese ía ser o momento pois non se constituíu e a comisión parlamentaria para o seu estudo. Tardaría aínda sete anos e sería aprobado na reunión de Cortes da República celebrada en México en 1945, que recoñecen que “Galiza deixou expresada a súa vontade de Autonomía no texto do Estatuto plebiscitado e aprobado polo pobo galego”.

Este recoñecemento non tivo efecto práctico ningún, pero conseguiu a homologación de Galiza coas autonomías catalá e vasca, unha de cuxas consecuencias foi o nomeamento de Castelao como ministro no Goberno de Giral no exilio en 1946. A súa aprobación foi argumento definitivo para catalogar Galiza como nacionalidade histórica no proceso constitucional de 1978 e así procurarse as competencias como tal fixadas no artigo 151.

Comentarios