venres 30/10/20

A estatua de Millán Astray ficará no almacén, advirte a Ceuta Inés Rey

A alcaldesa da Coruña lembrou ao Goberno da Cidade Autónoma de Ceuta ─que solicitara formalmente a cesión da talla─ que a Lei de Memoria Histórica é "igual para todos".

corunha_millan_astray
A Praza das Atochas da Coruña, antes Praza de Millán Astray (coruna.gal)

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, replicou ao Goberno de Ceuta que "ninguén está por encima da lei", tras recibir a petición formal para a cesión da estatua que foi retirada en 2010 da praza herculina, agora denominada Praza das Atochas, e que, na actualidade, permanece nunha dependencia municipal.

O Concello coruñés non só impedirá o traslado desta estatua, senón que poñerá en coñecemento da Xustiza o que, remarca, parece unha vulneración da Lei de Memoria Histórica, pola que "os escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación persoal ou colectiva do alzamento militar, da Guerra Civil e da represión da Ditadura, deberán ser retiradas dos edificios e espazos públicos".

O Goberno coruñés recordou ao da Cidade Autónoma de Ceuta que a Lei de Memoria Histórica é "igual para todos".

"Se a estatua de Millán Astray foi retirada da nosa cidade, de ningún modo se vai a ceder a ningunha outra administración para a súa exhibición. Desde o Goberno local da Coruña defendemos a aplicación da Lei de Memoria Histórica e calquera outra Administración que pense que está por encima da lei está equivocada", avisou.

"Reparar a memoria histórica"

A rexedora asegura que non é o único caso para "reparar a memoria histórica" da cidade, e recordou "o espolio dos bens públicos" levado a cabo na cidade pola ditadura franquista, como é o caso da Casa Cornide, pola que "o Concello da Coruña continúa a loitar para que se lle devolva aos coruñeses o que é seu".

Tamén lembrou que o Concello coruñés foi parte da denuncia que recentemente se resolveu de forma favorábel a que os herdeiros do ditador Francisco Franco devolvesen o Pazo de Meirás.

comentarios