40 ANOS DA MORTE DE FRANCO

"Estase a perpetuar a memoria dos represores"

Esta sexta feira cúmprese o corenta aniversario da morte do ditador e Madrid acolle homenaxes aos ditador. Entrementres, centos de persoas continúan soterradas en cunetas e foxas comúns.

Castelao
photo_camera [Castelao, Atila en Galiza]

O Estado español é, despois de Camboia, o territorio do mundo con maior número de persoas desaparecidas e sen identificar por procesos de represión política. Aproximadamente son 114.226 as mulleres e homes que continúan soterrados en foxas comúns, de acordo coas cifras que manexan as asociacións para a recuperación da memoria histórica. 

Após a morte do ditador, Francisco Franco, hai corenta anos, non houbo unha Lei de Memoria Histórica até o ano 2007. A Transición non foi un proceso de ruptura, senón de adaptación o que permitiu que países como Galiza estivesen gobernados durante case dúas décadas por dirixentes políticos do antigo réxime, como Manuel Fraga mentres que a investigación dos crimes da ditadura caeu no baleiro. 

"Por aquí [Boimorto] pasou hai anos un cineasta austríaco que non comprendía isto", sinala Xosé Luís Rivas, Mini. "Aquí a sociedade é ignorante do que aconteceu" e do feito de que se "eliminou a todo aquel que estorbaba". acrecenta. 

Impúxose, en verbas de Luís Bará, concelleiro en Pontevedra e unha figura central na recuperación da memoria de Galiza, "o silencio" e "o esquecemento" o que perpetúa, asegura, "a memoria dos asasinos", dos "represores". "Non hai país no mundo que permita a actividade e a homenaxe dos protagonistas da represión". 

Despois de Camboia o Estado español é o territorio do mundo con maior número de persoas desaparecidas e sen identificar por procesos de represión 

Entre outros actos, Bará refírese á misa que acollerá este 20 de novembro o Val dos Caídos, ou o desfile fascista que percorrerá, desde a Praza de Oriente, as rúas da capital española. "Hai que empurrar para que isto remate", sinala, ao tempo que propón unha nova lexislación que repare a ferida e restaure a memoria. 

Algo que na Galiza se tentou levar a cabo en 2006 cando, declarado o Ano da Memoria, botaba a andar un proxecto hoxe "decapitado", "anulado", esquecido e mesmo para moitas persoas, nomeadamente as máis novas, descoñecido. 

Cartografía da represión na Galiza 

Nomes e Voces foi un proxecto de investigación desenvolvido de maneira mancomunada entre as tres universidades galegas cuxo obxectivo era "estudar a represión franquista durante a Guerra Civil e a ditadura, e ofrecer á sociedade os datos relativos ás persoas que sufriron algún tipo de persecución por mor da súa ideoloxía ou da súa posición favorable á democracia republicana", explican no portal web aínda disponíbel para consulta. 

Na Galiza foron rexistradas máis de 400 foxas comúns, nalgunha delas como a Ría de Vigo, os restos das persoas asasinadas nunca poderán resgatarse

Un proxecto "pendente de rematar", di Luís Bará, naquela altura director xeral de Creación e Difusión Cultural na Consellaría de Cultura do goberno bipartito. 

Nomes e Voces pescudou as identidades das persoas asasinadas, torturadas, condenadas, fusiladas, perseguidas, exiliadas; mais tamén desenvolveu unha Cartografía da represión na que se identificaron máis de 400 foxas comúns. Algunhas foron excavadas, porén tiveron que facelo ao abeiro da iniciativa privada, através de asociacións, pois a lexislación aprobada en 2007 impedía que fose a administración pública quen promovese a súa abertura. Un paradoxo. 

Mapas e informes facendo un percorrido pola xeografía da represión fascista na Galiza entre os anos 1936 e 1939, á espera de que, algún día, a súa memoria saia á luz. "Esta é a historia negra deste país", asegura Xosé Luís Rivas, Mini que lembra o traballo desenvolvido no concello de Boimorto para "traer de volta tres, só puideron ser tres mais agora están enterrados no cemiterio, coa mamá, que é onde ela quería que estivesen", conta. 

"Esta é a historia negra deste país"

E non sen dificultade. "Hai alcaldes do PP e algúns do PSOE que non queren que se faga" que "tentan convencerte" para non levar a cabo exhumacións e mesmo propietarios das terras que impiden que se fagan. 

"O franquismo non marchou, Franco deixou todo atado e ben atado"

"A lei debería contemplar unha expropiación temporal para poder excavar", di, pois, "aramos sobre os mortos desta terra", subliña lembrando os versos de Lorenzo Varela. 

Mini é taxativo, "O franquismo non marchou, Franco deixou todo atado e ben atado, tanto que segue a se admirar a autoridade", afirma. "A democracia é unha entelequia, un paripé que facemos cada certo tempo, mais sabemos ben como se manexa a xente e iso sábese ben nas aldeas". 

"Foron 40 anos de franquismo e outros 40 de post-franquismo", sentencia. "Esta é a única verdade". 

Nesta xornada houbo tamén varias accións contra a simboloxía franquista na Galiza

Accións

No 40 cabodano da morte do ditador tamén houbo accións en Galiza contra a simboloxía fascista, impulsadas por Agora Galiza. Así, pintaron de rosa escudos franquistas presentes ene dificios de Amio (Compostela) e tamén plaxas de homenaxe a combatentes do exército franquista.

Comentarios