O Estado propón que os Franco poidan retirar de Meirás bens sen inventariar e electrodomésticos

Deixa aberta a posibilidade de entregar outros inventariados de ser posíbel de "precisar mellor" se teñen "conexión" como BIC
Pazo de Meirás (Imaxe: M.Dylan).
photo_camera Pazo de Meirás (Imaxe: M.Dylan).

O Estado propón que os Franco poidan levar do Pazo de Meirás electrodomésticos e bens sen inventariar, aínda que tamén deixa aberta a posibilidade a outros "bens móbeis inventariados" na medida que fose posíbel "precisar mellor o seu grao de conexión" como Ben de Interese Cultural (BIC) ou en relación tamén a "usos futuros" do inmóbel.

Así se recolle nun escrito remitido ao Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña coas conclusións da Dirección Xeral do Patrimonio do Estado remitidas á Avogacía Xeral.

O mesmo dá resposta ao requirimento efectuado polo xulgado para que, por parte da Administración Xeral do Estado, se determinasen os bens que tiñan que ser entregados aos Franco por ser obxectos de estrito uso persoal ou que, polas súas características, "nada achegan á significación do pazo como Ben de Interese Cultural (BIC) e cuxa retirada en nada comprometa os posíbeis usos definitivos" do inmóbel.

Tomando como referencia o inventario realizado o 11 de novembro do ano pasado, tamén a solicitude do xulgado, por técnicos da Consellería de Cultura e de Patrimonio Nacional, a Dirección Xeral do Patrimonio do Estado expón que se poida entregar aos demandados "todos os electrodomésticos e os mobles non inventariados contidos no pazo".

"Exceptuados os fondos bibliográficos e as alfombras e elementos téxtiles de todo tipo, así como que, adicionalmente, poderase valorar a entrega, a petición formulada polos demandados de forma singularizada respecto de bens concretos, doutros bens móbeis inventariados a medida que fose posíbe precisar mellor o seu grao de conexión co BIC e cos usos futuros do mesmo", engade.

Así mesmo, precisa que tanto Patrimonio Nacional como a Secretaría de Estado de Memoria Democrática "manifestaron de forma expresa a súa conformidade con este criterio". Pola contra, afirma que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade "non formulou matizacións, precisións ou correccións respecto desta formulación no prazo no que se lle solicitou manifestase o seu parecer".

Por outra banda, en resposta datada o 15 de decembro após unha pregunta parlamentar do deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, sobre o posíbel intento de traslado por parte do Franco de bens antes de que se producise a entrega do pazo de forma provisional, a Administración do Estado resume os pasos dados a este respecto e afirma que se realizan "cantas actuacións son necesarias e empréganse cuantos medios precísense para garantir os obxectivos establecidos".

Comentarios