Conclusión do informe xurídico realizado por Xabier Ferreira

O espolio do Pazo de Meirás fíxose cun contrato "ficticio" susceptíbel de ser anulado

Así o conclúe o informe realizado polo profesor da USC Xabier Ferreira. Os Franco escrituraron o pazo en 1941, mais xa o viñan utilizando desde 1938. Trataríase dun "negocio ficiticio que pode ser anulado". A Xunta pro Devolución do Pazo coñecerá o contido completo do informe na súa reunión desta quinta feira 1 de marzo.

_DSC4615-W
photo_camera Xabier Ferreira e Goretti Sanmartín

Xabier Ferreira e Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña, compareceron esta terza feira en conferencia de imprensa para dar a coñecer os aspectos básicos do informe xurídico.

A principal conclusión é que a compra da propiedade foi fraudulenta e que, por tanto, este BIC (ben de interese cultural) estaría en condicións de pasar a dominio público, o que frustraría a intención dos herdeiros do ditador de obter 8 millóns de euros pola súa venda.

A chave do informe xurídico é que os Franco perpetraron unha fraude en 1941 ao simular unha venda dun ben que facticamente xa pertencía ao ditador desde que en 1938 elementos da burguesía coruñesa pro-fascista -a base de donativos forzosos, descontos das nóminas das funcionarias e expropiacións de terras a moi baixo prezo- se fixeron coa propiedade para lla entregar ao tirano.

A doazón figurou nun documento privado de 1938 de cuxa existencia o gobernador civil da Coruña informou por telegrama a Ramón Serrano Súñez, cuñado de Franco e estandarte das posicións máis filonazis do réxime.

“En dereito existe a figura de contrato simulado cando dúas persoas formalizan perante notario un contrato cando están facendo outra cousa, e diso estamos a falar. No ano 1941 está comprando unha persoa que xa ten o ben e vendendo unha que xa o fixo”, explicou na conferencia de imprensa Xabier Ferreira. A compravenda, portanto, non tería existido e podería ser anulada. A fraude non prescribe, ao estarmos a falar dun ben público que, por esa condición, é "imprescriptíbel, inembargábel e inalienábel”.

Por que Franco realizou ese "contrato simulado" en 1941? De acordo coa tese de Ferreira, para escapar dos efeitos da Lei do Patrimonio Nacional promulgada en 1940. Ao escriturarse a compra-venda o ditador pretendía que o Pazo de Meirás, un ben público, fose tido legalmente como unha propiedade privada.

Para Ferreira, non hai dúbida que o Pazo de Meirás nunca foi facticamente unha propiedade privada, como proba o feito de que durante a ditadura funcionase como a residencia do chefe do Estado, ao ter sido cenario de máis de 30 consellos de ministros e de múltiples audiencias oficiais.
 

O profesor da USC ten a firme convicción de que os tribunais darán crédito á existencia do telegrama a Serrano Súñer -proba de que en 1938 o pazo xa era dos Franco- e que, portanto, o contrato de 1941 ficará anulado, co que a propiedade debería "formar parte do Patrimonio Nacional".

Reunión da Xunta pro Devolución do Pazo

O contido íntegro do informe -ben como outro estudo de carácter histórico- será coñecido pola Xunta pro Devolución do Pazo na reunión que este órgao -formado pola Deputación, máis de 30 concellos e unha constelación de asociacións culturais e da memoria histórica- vai realizar a vindeira quinta feira 1 de marzo.

A decisión de divulgar os elementos máis sustantivos do informe antes desta reunión obedece -explicou Goretti Samartín- á pretensión de contribuír para "asentar a posibilidade de reverter o ben ao ámbito público”, ben como á vontade de facer patente aos ollos das persoas hipoteticamente interesadas na compra do Pazo dos problemas aos que se poderían enfrentar de adquiriren unha propiedade que é "froito dunha apropiación ilícita”.

Comentarios