O espello de honra da Casa de Austria

Esta sexta feira, nunha nova entrega nas páxinas de Nós Diario, podes saber como diversos artistas gustaron de representar os símbolos da Galiza da man de Héitor Picallo. O coleccionábel de heráldica está dispoñíbel de terzas a sextas feiras, fornecendo coñecementos sobre o escudo do Reino da Galiza. Podes conseguir capítulos que perderas a través da nosa loxa online.

picallo, galiza, heráldica, héitor picallo, coleccionábel
photo_camera Gravado correspondente a Galiza nas Honras Fúnebres de Carlos V.

No presente capítulo imos ver como diversos artistas gustaron de representar os símbolos da Galiza, cabo doutros principais, en determinados momentos históricos que teñen que ver co cambio xeracional. Isto é, cando un determinado rei ou raíña ofrece os seus emblemas coa intención de sinalar unha transmisión hereditaria ou un cambio de goberno. Tres son os casos que queremos amosar: O primeiro ten que ver co matrimonio de Xoana de Castela e Filipe de Habsburgo, o segundo coa abdicación de Carlos V e o derradeiro coas honras fúnebres deste monarca.

O Espello de honra da Casa de Austria (Ehrenspiegel des Hauses Österreich), conservado na Biblioteca Estatal de Baviera, considérase que foi redactado por Clemens Jäger (1500-1561) e iluminado por Jörg Breu “O Mozo” (1510-1547). O primeiro volume ve a luz en 1555 e nos folios 9v e 10r, de xeito apaisado, aparece a árbore xenealóxica dos descendentes de Xoana de Castela e Filipe de Habsburgo. Alén do nome de cada un dos membros, ao carón gráfase o respectivo escudo de armas, que para o caso de Xoana é bastante exuberante e está constituído por doce cuarteis (ao igual có do seu marido) coas armas dos reinos de Castela, León, Aragón, Sicilia, Granada, Toledo, Navarra, Valencia, Galiza, Mallorca, Sevilla e Murcia.

Se este símbolo que aparece no volume primeiro resulta interesante, moito máis é o recollido no segundo (editado en 1559). Xa no folio 1r, a xeito de portada, contemplamos unha estampa xenealóxica e política interesantísima.

Nela identifícase a Maximiliano I de Habsburgo sentado no solio imperial, no que presiden as armas da casa de Austria. Ao seu carón, tamén nos respectivos tronos, pero a unha altura máis baixa (non só para simular o poder, senón máis ben a transmisión xenealóxica e hereditaria), sentan Filipe e Xoana de Castela, á esquerda e dereita do observador.

No 'Espello de honra da Casa de Austria' Galiza é representada en varios cuarteis de diferentes brasóns.

Na parte superior dos solios reais gráfanse en cadanseus 12 cuarteis as armas dos respectivos estados. Nos del son claros os emblemas de Estira, Brabante, Borgoña, Austria e outros; nos dela reprodúcense exactamente os mesmos citados no volume I desta obra, tal e como se recolle liñas arriba. As tres figuras contan cos respectivos cetros e os globos crucíferos (globus cruciger). Aos pés de Xoana e Filipe píntanse, axeonlladas, as imaxes dos seus fillos varóns: Carlos V e Fernando I de Habsburgo.

Este último será o herdeiro do imperio austro-húngaro, como xa comentamos, e aqueloutro dos reinos hispanos e dos dominios dos países baixos. Velaí que Carlos recolla do seu avó Maximiliano o escudo cos emblemas de todos eles.

Concretamente fican representados en 20 cuarteis que, identificados por orde, son: Castela, León, Aragón, Sicilia, Granada, Toledo, Navarra, Valencia, Galiza, Sevilla, Murcia, Mallorca, Borgoña, Brabante, Luxemburgo, Güeldres, Holanda, Borgoña (novamente), Zelandia e Flandres. Os sucesores nos respectivos imperios levan mantos coas aguias bicéfalas e, diante de cada un, sobre coxíns, os correspondentes globos crucíferos e cetros.

Unha última representación do brasón de Xoana de Castela (co emblema galego incorporado) distínguese no folio 357r. Neste folio xunto co 356v bosquéxase unha completa árbore xenealóxica dos antepasados dela e do seu cónxuxe, así como tamén dos descendentes do matrimonio. Para concluír o apartado debemos avisar que en todos os cuarteis Galiza simbolízase tan só cun cáliz de ouro provisto de tapa (sen remate crucífero) e en campo de azur.

Se o que che apetece agora é ler a reportaxe íntegra terás que agardar até mañá, 25 de setembro, cando atoparás o coleccionábel de heráldica no quiosque co teu Nós Diario. Tamén tes a opción de mercar a edición dixital do xornal, coa obra de Héitor Picallo, na nosa loja a partir desta madrugada. Para evitar perder novas do teu interese e andar ás voltas no futuro, pica aquí.

Comentarios