España protesta perante a ONU por lle apremiar a buscar @s desaparecidos baixo o franquismo

O Grupo de Traballo de Nacións Unidas exixiu maior responsabilidade do goberno español neste tema. A embaixadora española apelou á Transición "como vontade de esquecemento e perdón''.

Exhumación dunha foxa en Ponteareas
photo_camera Exhumación dunha foxa en Ponteareas

O presidente do Grupo de Traballo (GT) da ONU sobre desaparicións forzosas ou involuntarias da ONU, Ariel Dulitzky, presentou perante o Consello de Dereitos Humanos da ONU o informe no que exixe máis compromiso do goberno español aliás de criticar ao executivo que recoñeza cada vez menos dereitos ás vítimas do franquismo.

“Desde a volta da democracia déronse pasos importantes se ben tímidos para asegurar a verdade, a xustiza, a reparación e a memoria fronte ás desaparicións forzadas cometidas durante a Guerra Civil e a ditadura”, sinalou.

Porén, indica o informe, o Grupo de traballo considera que o Estado español debe asumir a súa responsabilidade e un rol de lideranza para asegurar que estas se desenvolven. Dulitzky lembrou que “a desaparición forzada non é só un crime internacional, senón que é rexeitábel ética e politicamente”. O GT marcou como prioridade o buscar as persoas desaparecidas durante o franquismo.

Transición

Na súa quenda de resposta a embaixadora española perante a ONU, Ana María Menéndez, criticou o que cualificou de excesivo ámbito competencial do GT da ONU, “tanto desde o punto de vista material como temporal”. Menéndez afirmou que “non é correcto” que o grupo se atribuíse competencias para o exame de “feitos do pasado” que aconteceron antes mesmo da creación da ONU.

A embaixadora botou man da Transición española para dicir que todos os actores daquela etapa “tiñan a vontade de reconciliación, co convencemento de que só a través do esquecemento e o perdón era posíbel a reconciliación”.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios