Erich Andres, un fotografo nazi na Galiza

A contribución da Alemaña nazi será decisiva no trunfo do fascismo español. O goberno de Hitler achegou axuda económica e militar ao franquismo ao tempo que aproveitou o conflito bélico para ensaiar o seu novo programa de guerra, que será aplicado durante a II Guerra Mundial. A presenza de Erich Andres e doutros fotógrafos nazis na Galiza explícase dentro dese operativo. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 343 do semanario en papel Sermos Galiza.

Un autorretrato do fotógrafo
photo_camera Un autorretrato do fotógrafo

8A propaganda é un eixo central da estratexia de guerra. A guerra de 1936 a 1939 non só serviu á Alemaña nazi para probar a eficacia do seu aparello militar, senón que actuou como campo de probas de novas tácticas que serían levadas adiante durante a II Guerra Mundial. As pontes áreas, exemplificadas no traslado dos corpos da lexión e regulares á península, e os bombardeos masivos contra a poboación civil, caso dos acontecidos en Durango e Gernika, son algunhas mostras da nova guerra que viña.

A fotografía acada unha nova dimensión neste contexto e xoga un papel decisivo en construír a realidade que Hitler pretendía ofrecer ao mundo: unha Alemaña forte, vitoriosa nos campos de batalla e cun arsenal capaz de derrotar calquera potencia do momento. O papel dos fotógrafos na articulación dunha certificada estratexia de propaganda terá continuidade no conflito mundial coa participación de moitos dos protagonistas que deixaron testemuño gráfico da guerra española dos tres anos.

Jaeguer

A Alemaña nazi desprazou ao Estado español algúns dos seus mellores fotógrafos. Un caso paradigmático é Hugo Jaeguer, retratista persoal de Hitler e autor de referencia do réxime, cuxa presenza na Galiza ficou documentada pola reportaxe realizada en Vigo da despedida da Lexión Condor, corpo voluntario alemán que loitou canda os franquistas. Jaeguer, nado en Munich en 1900 e finado na mesma cidade en 1970, era un convencido seguidor da doutrina nacionalsocialista e afiliado de primeira hora do partido nazi. Porén, será mundialmente coñecido polas súas imaxes da fronte do leste e moi particularmente do gueto xudeu de Varsovia, publicadas décadas despois de ser tomadas na revista Life.

As fotografías tomadas por Jaeguer en Vigo, cunha inconfundíbel coloración que naquela altura non era unha práctica normal, detéñense nos actos de homenaxe na cidade aos voluntarios alemáns, fixando os desfiles polas principais rúas da cidade, o tributo institucional dos rexedores locais franquistas e mesmo o embarco dos soldados no porto rumbo ao seu país.

2.500 fotografías

Erich Andres foi outro dos axentes do aparato de propaganda nazi desprazados ao Estado español. Nado en Leipzig en 1905 e morto en Hamburgo en 1992, após formarse como tipógrafo, dedicouse á fotografía, acadando algún premio de relevo e colaborando con diversos medios de prensa, pasando a traballar posteriormente para o goberno alemán primeiro como fotógrafo da axencia de noticias do réxime e posteriormente na Compañía de Propaganda da Luftwaffe. As súas imaxes tomadas na península entre 1936 e 1937 recollen unha completa panorámica da retagarda franquista e das frontes de batalla até sumar arredor de 2.500 instantáneas. Porén, a obra máis abondosa correspóndese cos anos da II Guerra Mundial, significando entre elas as imaxes da cidade de Hamburgo destruída tras os bombardeos da aviación aliada. Recluído nun campo de concentración americano tras o remate do conflito, continuará a súa actividade profesional até practicamente os anos oitenta, volvendo fotografar algúns dos escenarios da década dos corenta.

Unha parte moi importante das imaxes peninsulares de Erich Andres serán tomadas na Galiza en agosto de 1936. Após a súa chegada ao país polo porto de Vigo, dá comezo á pescuda dos tipos e dos espazos que lle permitirían construír o seu relato propagandístico, significando as súas fotos dos actos fascistas, dos corpos paramilitares da retagarda, da preparación da retagarda para o esforzo de guerra ou de aspectos etnográficos tan caros no discurso do eixo.

As imaxes dos desfiles xuvenís, tan característicos na construción visual dos fascismos italiano e alemán, as diversas tomas do cuartel da Falanxe de Vigo ou de diversos grupos de dereitistas armados –algunha das cales corresponde con significados represores da cidade–, son testemuña de primeira orde para documentar o conglomerado do novo réxime e un estudo dos vitimarios. Probabelmente unha das razóns que explica o escaso suceso destas imaxes na cidade en relación coas de Hugo Jaeguer é que nas do primeiro aparecen tomas que certifican a vinculación co aparello represivo de destacados nomes da burguesía local.

[Podes ler a información íntegra no número 343 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios