Erasmo Montenegro, o verdugo de Bouzas

Erasmo Montenegro Costas foi un daqueles armadores de pistola ao cinto.

Erasmo Montenegro.
photo_camera Erasmo Montenegro, á esquerda, nunha imaxe dun xornal

Erasmo Montenegro 2Fai parte daquelas sagas de armadores, conserveiros ou navieiros asociados ao terror do que tanto nos ten falado Dionisio Pereira. A súa xinea é da mesma madeira que os Leiros ou os Álvarez Bastos en Bouzas, que os Cerqueira ou Vieira en Vigo, que os Moldes en Cangas, que os Massó en Bueu, que os Ventura en Moaña ou que os Fanego en Cariño. Os días que seguiron o 18 de xullo de 1936 continuaron a súa loita sen tregua contra os máis, saíron á caza daqueles que organizaron sindicatos, fixeron folgas e  pelexaron por todos. Era a loita de clases por outros medios, así o escribiron no seu voceiro, Industrias pesqueras, e sabían que era o momento, e non o dubidaron e chamaron “á depuración das filas da clase traballadora, procurando a eliminación de todo xerme disolvente que altere a fecunda harmonía entre capital e traballo. E se hai algún sector desa obra depuradora, ningún en forma máis urxente que o sector pesqueiro”.

O vehículo, un Hudson modelo 1930 coñecido popularmente como “O coche fantasma”, é unha institución presente na memoria popular de boa parte da represión na memoria de Vigo

Chamábase Erasmo Montenegro Costas. Fillo e sobriño de armadores, naquela primavera de esperanza dos primeiros trinta galegos, destacaba como directivo da “Sociedad de Socorros Mutuos Maritimos” ou como presidente   da “Sociedad de Armadores de Buques de Pareja “La Marítima” de Bouzas”, unha entidade patronal que se bateu contra sindicatos e obreiros, significando como cabeza naquel combate contra a mobilización operaria no mar. Sempre o primeiro na loita, após o 18 de xullo de 1936 púxose á fronte dunha escuadra fascista que sementou o terror na área de Bouzas, cedendo o seu propio coche para uso dos civís e militares do terror. O vehículo, un Hudson modelo 1930 coñecido popularmente como “O coche fantasma”, é unha institución presente na memoria popular de boa parte da represión na memoria de Vigo, homologábel ao “O coche do reparto” nas terras de Sarria, ao “O coche da rondalla” na área de Trasancos, ou ao “O coche do cangrexo” para a comarca da Mariña e do Eo-Navia.

O seu nome ficará ligado para sempre á represión en Vigo. Así, nunha publicación editada na Arxentina en 1938 e vertida ao galego por Edicións A Nosa Terra baixo o título O que fixeron en Galiza, recollese que “Outro dos asasinos de Bouzas era un tal Erasmo, un tipo gordo e grotesco que leva un cinto coas cores vermella e negra da Falanxe e que protexido pola Garda Civil persegue con saña os esquerdistas escondidos. Eu vino actuar un día en que unhas raparigas estando na praia lle foron denunciar a presenza por aquela contorna dun fuxido. A caza do home polos gardas civís apurrados por aquel repugnante personaxe foi un dos espectáculos máis odiosos que xa presenciei na miña vida”. Na mesma liña, Antonio Monroy, fillo de Adoldo Monroy Figueroa, unha das vítimas de Montenegro, sinala que “El daba as ordes para os asasinatos e poñía tamén o seu coche “O Fantasma” pola noite para ir busca a xente (...); foi o que mandou matar o meu pai, tras ameazalo naquela reunión: «Ay, Monroy, Monroy...» aínda que daquelas non entendera porque llelo dixera (...)”.

Nunca lle pesaron os mortos que tiña ao lombo

Nunca lle pesaron os mortos que tiña ao lombo. Segundo escribiu Gonzalo Amoedo, mentres o seu tío Víctor Montenegro Feixoo, o presidente da patronal pesqueira de Bouzas, facía listas negras, presentaba denuncias ou delataba xentes do mar, o seu sobriño Erasmo asasinaba en diferentes lugares e datas estas persoas, e así foron executados Andrés Castro, Urbano Gándara ou Eladio Maneiro, cadros do Sindicato de industrias pesqueiras da CNT que nun tempo lle discutiron o poder de clase. Seguiu facendo negocios, socio de “Hijos de Benigno Montenegro”, con central en Bouzas, abriu sucursais en Cádiz e Las Palmas, até converter este porto na base onde concentraba o groso da súa flota que seguía saíndo dos estaleiros vigueses, e fixo moitos cartos, cuns traballadores disciplinados polo terror e sen uns sindicatos que os defendesen.

E morreu en Bouzas o 15 de maio de 1970, segundo a laudatoria necrolóxica recollida no exemplar de Industrias pesqueras após “unha longa e penosa enfermidade”. E non foi o único.

Comentarios