Era o rei García un mexericas?

O Rei García morría un día coma hoxe -22 de marzo- de 1090, encarcerado no castelo de Luna. 'O final do Camiño' representouno como un rei feble e algo mexericas, ao igual que a maior parte da historiografía. Pero érao realmente? Nunca o poderemos saber de certo, pero a serie sérvenos de escusa para volver atrás na historia e falar con historiadores especialistas na súa época para aproximarnos á súa figura. 

reigarcia
photo_camera O rei García na serie 'O final do Camiño' [Foto: Voz Audiovisual]

O rei García volveu á actualidade grazas á serie 'O final do Camiño', de Voz Audiovisual. Nesta ficción o seu papel é escaso e non sae moi ben parado, mesmo é definido como "rei de Compostela" e non de Galiza. Pero esta escolla de guión responde á corrente historiográfica maioritaria, que o definiu como un home feble e inxenuo que se deixou enganar polos seus dous irmáns. A mesma Victoria Armesto definíao así na súa 'Galicia feudal': "O tempo encargaríase de revelar que, entre os tres fillos do primeiro rei de Castela había dous listos e un parvo: a Galiza correspondeulle o parvo".

Pero esa opinión non é compartida por moitos especialistas galegos. Un deles é o propio asesor histórico da serie e profesor da USC, José Miguel Andrade, que afirmou para Sermos: "Teño que confesar que a min non me gustou o tratamento de mexericas que lle deron a García nalgúns momentos. Deixáronse levar pola historiografía que o definiu como un tipo débil, parvo, que se deixou enganar polos seus irmáns. Son cuestións delicadas, porque os datos históricos non son indiscutibles. E logo está a escolla dos guionistas do perfil que máis lles convén para contar a historia. A min gustaríame ver a un García máis dono de si." 

José Miguel Andrade: "A Galiza tocoulle o irmán derrotado, pero de aí a que foi parvo..."

Con respecto á afirmación de Armesto, Andrade considera que é "unha parvada e sabemos que non foi así. A Galiza tocoulle o irmán derrotado, que non é o mesmo. Dos tres irmáns, un morreu asasinado, outro na cadea -García- e o único que sobreviviu foi Afonso VI, pero de aí a que foi parvo… Foi un rei desafortunado, iso si que se pode dicir, porque foi derrotado. Eses apriorismos, o de presentar un rei paradigmáticamente bo ou malo, son xuízos aleatorios. Non podemos saber como era. Era un rei coma os demais. Eu preferiría persoalmente que fora presentado como un tipo máis firme, menos feble, menos covarde como aparece nalgún momento na serie". 

"Absolutamente falso"

Ermelindo Portela, catedrático de Historia Medieval da USC e autor de 'García II de Galicia: El rey y el reino (1065-1090)'  considera que a consideración de "parvo" é "absolutamente falsa". "Eu levei unha gran sorpresa cando traballei sobre el, porque partía dunha consideración historiográfica do personaxe extraordinariamente negativa. Quen menos chamábao parvo, e de aí para arriba moitas cousas. E iso, contrastado coa realidade das fontes, non encaixa".

Ermelindo Portela: "Foi un home que quixo levar adiante un proxecto político extraordinariamente coherente, que quedou claro en manifestacións tan importantes como a restauración da sede de Braga".

Segundo Portela, na documentación máis próxima ao tempo no que exercer el o poder "non hai nada diso". "Iso é unha visión do personaxe que se vai ennegrecendo co paso do tempo, que empeza á altura do século XIII, porque habería que realzar a figura de Afonso. Pero os documentos que conservamos das súas decisións políticas e o que din as crónicas máis antigas, non ten nada que ver con isto. Máis ben todo o contrario, que foi un home que quixo levar adiante un proxecto político extraordinariamente coherente, que quedou claro en manifestacións tan importantes como a restauración da sede de Braga". 

O catedrático teno moi claro: "A figura de García foi moi maltratada pola historiografía, e o que digo no libro é que logo de levantar esas capas de pintura que se foron poñendo sobre o personaxe, rescátase unha figura notablemente diferente. Foi obxecto de descalificacións progresivas". 

"Pouco interesante"

Sen embargo, o historiador Anselmo López Carreira difire. Considera a García un personaxe "pouco interesante" porque "a sensación que transmite é a imposibilidade de Galiza para ter un reino, porque é un reinado bastante frustrado. Fíxate que a García o enganan os dous irmáns, parece a incapacidade de Galiza para ter un reino. Non sei por que se empeñan en García, porque en realidade tampouco foi rei da Galiza actual, senón de Galiza e do que neses momentos había de Portugal". 

Anselmo L. Carreira:  "En realidade o reino de Galiza non é iso, é todo o cadrante noroccidental da Península, incluíndo León e Asturias"

Carreira afirma non entender por que se lle quere dar tanta importancia a este rei, "porque en realidade o reino de Galiza non é iso, é todo o cadrante noroccidental da Península, incluíndo León e Asturias. Pero parece que hai un interese especial en dicir en que aquilo non era Reino de Galiza. Efectivamente, se collemos só este anaco, incluído Portugal até un pouco máis abaixo de Coimbra, só tivemos ese rei. E que foi rei moi pouco tempo, que foi destronado e metido en prisión polo seu irmán Afonso. Por iso a min non me parece moi interesante centrarme nel". 

E desenvolve así a súa tese: "A historiografía está empeñada en que só tivemos un rei que reinou moi pouco tempo, era un mexericas e foi enganado e morto en prisión. Pero o Reino de Galiza chegou até o territorio dos vascos, porque os condes vascos tiñan que renderlle pleitesía ao rei de Galiza que estaba en León. Hai un cronista musulmán que di "os vascos son cristiáns de Galiza".

Portela: "O proxecto de García, dalgún xeito, continúase na monarquía portuguesa". 

Continuidade en Portugal

Pedímoslle ao catedrático Portela que faga un esforzo ucrónico e nos conte que podería ter pasado se o reino de García tivese éxito. E entra no xogo: "Se cadra o reino de Portugal que se consolidou tería incorporado Galiza, que era como estaba nese momento. Esa tería sido a continuidade do proxecto de García. Ou, non o sabemos, podería ter sido unha Portugal con Galiza incorporada ou un reino de León conxunto, con Portugal. A comezos do século XIII Portugal estivo a piques de reunirse de novo". En calquera caso, remata, "o proxecto de García, dalgún xeito, continúase na monarquía portuguesa". 
 

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios