Entrimo homenaxea os seus catro veciños deportados a campos de concentración nazis

Este sábado, nun acto organizado polo Concello e a Asociación pola recuperación da memoria histórica, inaugurarase un monolito en lembranza de : Abilio Alvarez Bernardo, Avelino Pérez Rodriguez, Higinio Rodriguez Dominguez e Jaime Vázquez Estévez.

imaxe actual mauthausen
photo_camera Unha imaxe actual do campo de Mauthausen (Foto: Wikipedia)

Centos de galegos e miles de españois acabaron nos campos de concentración nazis. Só no campo de Mauthausen morreron 108 galegos. Entre os galegos que perderon a vida neses campos había 2 veciños de Entrimo, na comarca da Baixa Limia:  Abilio Alvarez Bernardo, do lugar de Olelas, e Avelino Pérez Rodriguez, de Terracha.

Este sábado Entrimo lembra e homenaxea os seus catro veciños que estiveron nos campos de concentración: ademais de Abilio e Avelino, Higinio Rodriguez Dominguez, da Pereira e Jaime Vázquez Estévez, de Bouzadrago. ·O acto está organizado pola AAsociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) e o Concello de Entrimo e no mesmo vaise inaugurar un monolito de honra na praza do Concello de Entrimo

O acto contará con familiares dos deportados e representantes de diversas asciacións e colectivos pola memoria histórica, así como xentes df culturae alumnado do Instituto de Bande.

“Abilio, Avelino, Higinio e Jaime sufriron as penalidades do exilio nos campos de Francia. Fuxindo da represión franquista, foron recluídos nos campos de refuxiados das praias francesas. Recrutados polos franceses ao comezar a II Guerra Mundial, foron apreixados polo exército alemán e levados ao campo de concentración nazi de Mauthausen onde sufriron todo tipo de horrores, e mesmo Abilio e Avelino perderon a vida”, sinala a ARMH nun comunicado. .

Quen eran?

Abilio Álvarez naceu en Olelas o 25 de xuño de 1916. Emigrou a Tarragona, onde traballou de mineiro. Figura como membro do PSUC (Partido Socialista Unificado de Catalunya) de Reus. Durante a Guerra Civil entrou no Instituto de Carabineros, pasando formar parte das Brigadas Mixtas do Exército da República.

A principios do ano 1939, durante a Retirada, fuxiu cara Francia polos Pireneos. Integrouse na 39 CTE (Compañía de Traballadores Estranxeiros) formada nos campos de St. Cyprien e Barcarés que estaba destinada na rexión de Lorena. Capturado na fronteira con Suíza polo exército alemán foi encarcerado en dous campos de prisioneiros de guerra (Stalag). O 27 de xaneiro de 1941 entrou no campo de concentración de Mauthausen co número 5404. O 30 de xaneiro de 1942 foi trasladado ao castelo de Hartheim, a 40 km do campo central, onde foi gaseado, rexistrándose a súa morte o 2 de febreiro de 1942.

Avelino Pérez naceu na Terrachá o 10 de outubro de 1899. Pasou os seus primeiros anos en Entrimo, onde casou con María Fernández. Tiveron dúas fillas, Aurora e Emilia. Emigrou a Madrid, traballando de camareiro nos coches-cama dos trens que facían o percorrido entre a capital de España e Francia.

Nos inicios da Guerra Civil figura como integrante das Milicias Cívicas de Izquierda Republicana. En Francia, despois de pasar polos campos de refuxiados, estivo integrado na Compañía de Traballadores Estranxeiros (CTE) nº 86. O 20 de xuño de 1940 foi capturado polo exército alemán, e despois de pasar polos stalags o 25 de xaneiro de 1941 entrou en Mauthausen co número 4724. En febreiro foi levado a Gusen co número 10021, onde foi rexistrada a súa morte o 5 de agosto de 1941. Causa da morte rexistrada: bronconeumonía.

Higinio Rodriguez naceu o 9 de novembro de 1916. Seguramente acabou residindo no barrio do Grau de Castelló, pois este é o lugar de residencia que aparece nos documentos da deportación. En Francia formou parte da 31ª Compañía de Traballadores, con destino no departamento de Marne. Foi detido polo exército alemán o 20 de xuño de 1940. Chegou a Mauthausen o 27 de xaneiro de 1941. O seu número era o 5719, e foi clasificado como Rotspanier. O 11 de marzo de 1944 foi transferido a Gusen, co número 13493. Foi liberado o 5 de maio de 1945 polo exército de Estados Unidos en Gusen.

Jaime Vázquez naceu en Bouzadrago o 14 de outubro de 1905. Saíu do estado español polos Pireneos, cara a Francia, en febreiro de 1939. Despois de pasar polo campos de refuxiados ingresou na Compañía de Traballadores Estranxeiros número 34. A Compagnie 34 formouse no campo da praia de Saint Cyprien, en abril de 1939. Na CTE Jaime Vázquez rexistrouse coa profesión de canteiro. Capturado polos alemáns o 6 de xuño de 1940, pasou polos stalags até que ingresou en Mauthausen o 3 de marzo de 1942 co número 3756. O 11 de marzo de 1944 trasladárono a Gusen, co número 15735. Liberado en maio de 1945, viviu en Francia até o seu regreso a Entrimo nos anos 60, falecendo o 14 de maio de 1983. Está enterrado no cemiterio da Pereira.

Comentarios