AS MULLERES NAS IRMANDADES DE COMPOSTELA

Encarna Otero: “As irmandiñas tamén fan política”

A historiadora Encarna Otero ofrece mañá quinta feira na Facultade de Filosofía un relatorio sobre “As mulleres na Irmandade de Compostela”, na que reivindica o seu papel neste movemento. 

encarnaotero-olgagallego
photo_camera Encarna Otero con Olga Gallego [Álbum de Mulleres - CCG]

Esta é a última palestra das Xornadas “As Irmandades da Fala en Compostela”, organizadas pola AC. O Galo, que tivo lugar a semana pasada e tivo que ser adiada pola celebración do 25 de novembro. Otero, malia recoñecer que “en Compostela, a diferenza da de Coruña, nunca tivo moito protagonismo feminino, nin unha sección feminina como tal organizada”, si afirma que “houbo mulleres activas e algúns homes que desde o principio viron no feminismo unha liña de traballo importante”, sobre todo no caso de Porteiro Garea. “A min paréceme incrible que a estas alturas aínda haxa autores de libros publicados recentemente que se atrevan a dicir que nas Irmandades non había mulleres”, espeta.  

En Compostela a historiadora afirma que atopou tres referenzas de mulleres que participaron nas Irmandades: Olimpia Valencia, Pura Lorenzana e María Miramontes, “que chega a Santiago en 1931, sendo militante das Irmandades e continuando o seu proxecto iniciado na Coruña das 'Escolas do Ensiño Galego'”. 

Encarna Otero: “A min paréceme incrible que a estas alturas aínda haxa autores de libros publicados recentemente que se atrevan a dicir que nas Irmandades non había mulleres”

No caso de Olimpia Valencia, “participa no Cuadro de Teatro, e mesmo actuou no Teatro Principal”.
Mentres, “Pura Lorenzana tiña claramente o carné de militante, pronuncia unha conferencia no Salón Teatro en 1929 no que reclama o nacionalismo como alternativa política para Galiza”, mantén Encarna Otero, quen salienta que “as irmandiñas tamén fan política, non son señoras de, nin irmáns de, teñen a súa propia capacidade de traballo”. 

No relatorio, Otero tamén falará das mulleres que traballaron no Seminario de Estudos Galegos, que foi montado polas Irmandades, e doutros actos con participación feminina, como “un dos primeiros mítins en maio de 1917 para apoiar as loitas agraristas, cando falaron tres tabaqueiras da Coruña” ou noutro en 1920 no que interviu Elvira Bao. 

Porteiro Garea “tivo xa un claro posicionamento feminista desde que era estudante”

Asemade, a compostelá tamén destaca que na asemblea nacionalista que ten lugar en 1919 na cidade, “danse máis pasos no camiño dos dereitos da muller, no que se reclama a igualdade absoluta de dereitos, e se pide crear ensino especial para as mulleres”. 

Porteiro Garea, “feminista”

Especial fincapé fará tamén na figura de Porteiro Garea, un dos fundadores das Irmandades e líder en Compostela, quen “tivo xa un claro posicionamento feminista desde que era estudante”. Mesmo participou nunha polémica cando estudaba en Madrid sobre a falda-pantalón, cun posicionamento claro a favor desta prenda por ser “filla lexítima do feminismo”, mentres que a prensa da época consideraba que “conducía a malos costumes”. 

Cando se establece en Compostela e era catedrático de Dereito, sinala Otero que na súa sección na Gaceta de Galicia, “posiciónase claramente a favor do feminismo e do sufraxismo e sabemos que estaba completamente conectado cos movementos progresistas que acontecían en Europa naquel tempo”.