Emilia Docet e a volta ciclista a Galiza

CARDOa
photo_camera CARDOa

Vai para oitenta e seis anos que se celebrou a primeira volta ciclista a Galiza. Comezou o nove de agosto de 1933, cun percorrido de 1096 quilómetros repartidos en sete etapas. Organizada polo semanario vigués Stadium, a proba contou co apoio de moitas entidades e da poboación.

Sen titulo

Participaron nela trinta e tres corredores, deles oito galegos, e só remataron 19, cousa que non é de estrañar se temos en conta que a sexta etapa, de dous centos e trinta e sete quilómetros, precisou dez horas e cuarenta e sete minutos para se desenvolver.

Entregáronse, ademais das copas e de cento quince pesetas diarias a cada corredor en concepto de dietas, sete premios, o primeiro de tres mil pesetas, cantidade respectábel se temos en conta que, na altura, un quilo de carne custaba tres pesetas.

Entre os trofeos, un moi especial: a copa do Partido Galeguista para o corredor galego  que se clasificase en primeiro lugar. A nadadora viguesa do Clube Marítimo Emilia Docet que, no mes de febreiro fora elixida Miss España , foi nomeda presidenta do Volta e participou como tal na comitiva da Volta en algunha das etapas e na entrega de premios.

O gañador absoluto foi o valenciano Cardona e o primeiro galego, gañador da copa do Partido Galeguista, foi Ferradás, no posto número dezaseis.

Comentarios