MEMORIA E HISTORIA

Elvira Varela Bao, “O terror que pasamos queda no corpo para sempre”

Elvira Varela Bao, “O terror que pasamos queda no corpo para sempre”

Cando xullo 36, Elvira Varela Bao tiña dez anos. Daquel tempo lembra a detención da súa nai, a mestra Elvira Varela Bao  e  a persecución a seu pai, o capitán da mariña Bernardino Varela. O medo que pasaron a partir de entón é para ela, “inenarrábel”. A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña réndelle homenaxe coa distinción de Republicana de Honra. 

Elvira Varela Bao
photo_camera Elvira Varela Bao

Elvira Varela Bao móstrase sobrecollida por ter sido nomeada “Republicana de Honra” pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Afirma que a distinción lle vén por ser “filla de” mais a pouco que fale da súa biografía agroman episodios que ben a fan merecentes da distinción. Entre outros, o ter mantido a memoria de seus pais, a mestra Elvira Bao e o capitán da mariña, Bernardino Varela, membros das Irmandades da Fala e comprometidos coa legalidade que o golpe militar do 36 reventou. 

Da súa infancia, ese tempo que ella desexa feliz para todos os nenos e nenas, quédalle o medo diario, o terror diante da posibilidade de que a represión invadira a súa casa en calquera momento. “Tiña dez anos e rompéronme a vida.Separáronme de onde nacera, de onde vivia. Tivemos que ir a San Roque porque os falanxistas viñan a diario a nosa casa. Marchamos para alá a afastarnos. A casa da familia tiña unha horta cun muro de cinco metros e alí estabamos máis tranquilos” recorda, do tempo no que as catro da mañá podían recibir unha visita que lles metese un medo no corpo que logo sería incapaz de borrar. 

“Ese medo, ese terror é inenarrábel. Cóntase e non se pode crer” di e, a seguir, lebra a súa nai, os dez anos nos que viviu sen saír da casa, despois de ter pasado máis de tres meses na cadea, acusada de ser amiga da bibliotecaria Juana Capdevielle, muller do gobernador civil da Coruña, e de transmitir o ideario republicano ao seu alumnado. “Non ía nin ao mercado, facíanlle os recados e a compra. Logo había quen dicía menos mal que é prudente, que nin a azotea se asoma!” recorda, dun tempo no que a súa nai foi tratada “como unha terrorista”. 

A Elvira Bao prendérona a comezos de agosto, poucos días despois do inicio do golpe de estado. “Daba clases no Sanatorio de Oza e collérona nada máis saír de alí. Meu pai chamara para que non saíra mais, entretanto, xa o colleron a el. Viñeran a casa e preguntáranlle se tiñamos armas. Meu pai mostroulles os libros e díxolles “estas son as armas que teño”. Mais logo, con moita inocencia, ensinoulle un bastón de estoque que fora de seu pai e tiña agochado detrás dunha vitrina con louza para que nós non nos mancaramos. Foi razón para levalo” narra Elvira Varela, daqueles tráxicos días que marcaron toda a súa biografía. Seu pai estivo quince días na cadea despois de telo no cuartel na cuadra onde gardaban os cabalos. 

Sen imaxe da nai na cadea

Dos tres meses e medio que Elvira Bao pasou na cadea, a filla non ten imaxes. Ela, que nunca se afastaba dos seus dous fillos e até os levaba aos actos públicos aos que asistía, non quixo que a viran detrás das reixas. Elvira Varela lembra que naquel tempo, ela máis o irmá durmían na cama co pai, abrazados polo medo e a angustia pola ausencia da nai. 

Elvira Bao nunca pediu o reingreso no corpo de mestras, coidaba que de oficio se ían dar conta da inxustiza e repararían os males. Nunca aconteceu. A partir de entón tiveron que sobrevivir como puideron. A súa filla, Elvira Varela, non puido estudar e formouse de maneira autodidacta. Coa nai montaron unha pequena escola na casa na que daban clases particulares a nenos e nenas. “Fixen todo por fóra, sen título ningún. Tamén meu pai dicía que non quería que nos troquelaran o cerebro. Era moi optimista e contaba con que aquilo non podía durar” e así, evoca cando as amizades viñan a visitar a Bernardino Varela para que lles insuflara o ánimo cando decaía. “Xa veredes como comemos as cereixas, dicía, e non era, logo viña xa veredes como comemos as castañas, e tampouco... morreu no 45 vendo uns mapas e sinalando os movementos. Nas últimas comentaba vaime coller a invasión -de Normandía- na cama. El non viu o final que tanto desexaba” explica Elvira Varela Bao. 

“O terror queda no corpo. Por mal que estemos, non ten a ver con todo aquilo. Agora os nenos son nenos. Todo o cariño que recibimos deles fixo que non quedaramos máis mancados” agradécelle máis unha vez a súa nai e seu pai, de quen garda unha imaxe sólida, de persoas xustas e xenerosas. 
Elvira Bao foi presidenta da Agrupación Republicana Feminina e tanto ela como o seu home Bernardino Varela eran membros das Irmandades da Fala. Na súa lembranza, a filla Elvira Varela Bao ten participado en infinidade de iniciativas de recuperación da memoria histórica. “Para que aquilo nunca máis se repita”.  Republicana de Honra 2013 nomeada pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, durante esta semana ten unha axenda completa de actos que rematarán coa Cea da Repúblcia na que lle farán entrega da distinción o venres 12 de abril. “O mérito é deles, que sofreron as inxustizas. Eu só son a súa filla” comenta de novo, mália que a súa biografía esté marcada desde a infancia pola represión que comezou naquel verán de 1936. 

Máis en MEMORIA E HISTORIA
comentarios