Os nomes do terror

Eliseo Fernández: "A Garda Civil foi a peza angular do proceso represivo"

Eliseo Fernández Fernández (Ferrol, 1967) é autor dunha abondosa bibliografía sobre os movementos sociais, a II República e a represión. Conversamos con el en relación co seu traballo sobre o papel da Garda Civil no operativo represivo na Galiza e que se publica no coleccionábel Os nomes do terror. 

Eliseo Fernández
photo_camera Eliseo Fernández

Refírese no seu artigo á compoñente política que ten a garda civil desde a súa creación como unha ferramenta básica para pór en marcha o Estado unitario no século XIX, até que punto ese carácter político condiciona ao corpo armado ao longo da súa historia?

A organización administrativa do Estado ten un carácter político máis acentuado do que normalmente se pensa. E esa faciana política está moito máis presente no caso dun corpo de seguridade como é o da Garda Civil, que nace como un máis dos elementos unificadores do Estado  no século XIX. Inicialmente a Garda Civil tivo unha función constitutiva do Estado unitario, e posteriormente e até hoxe mesmo mantivo unha función preservadora dese Estado e tamén de mantedora do status quo no eido social. As funcións de carácter policial estiveron sempre nun plano paralelo ás funcións políticas da Garda Civil, e estas últimas gañaron protagonismo en determinados momentos históricos como foi, por exemplo, a sublevación de 1936.

Sinala na súa investigación a que “só a Garda Civil tiña infraestrutura e medios, posuía adestramento e aptitude, e sobre todo e o máis fundamental, amosaba a actitude precisa para se converter no eixo sobre o que pivotar unha política represiva”, a que se refire con iso da “actitude precisa”?

A Garda Civil mantivo ao longo da súa historia unha actividade constante de control sobre a disidencia e de represión das protestas populares. Exercendo esta actividade a Garda Civil tiña deixado  na Galiza a súa marca de ferro en feitos sanguentos como por exemplo os da Coruña en 1901, en Sobredo, en Sofán, en Sedes, en Nebra e tantos outros. E mediante a súa rede de cuarteis por toda a xeografía galega mantivo por décadas a vixilancia e o combate xordo contra organizadores agrarios e obreiros que puideran participar na consecución de cambios sociais.

A Garda Civil tiña deixado  na Galiza a súa marca de ferro en feitos sanguentos como por exemplo os da Coruña en 1901, en Sobredo, en Sofán, en Sedes, en Nebra

En certo sentido pódese afirmar que a política represiva estaba na xenética da Garda Civil, que era un elemento fulcral da súa actividade. A maioría dos integrantes deste corpo tiñan interiorizada esa función. Cando a represión se converteu en política de Estado despois do golpe, non foi necesaria un cambio de orientación nas funcións da Garda Civil (como a que puideran ter que facer as forzas militares ou as milicias); O Goberno dos sublevados só tivo que deixarlles maior liberdade e estimular a súa faciana represiva. Non é esaxerado dicir que existía unha boa disposición da Garda Civil para desenvolver tarefas represivas. Velaí o exemplo dalgúns integrantes da Garda Civil que se tiñan presentado como voluntarios para sufocar o levantamento de outubro de 1934 en Asturias, e cuxos nomes coinciden posteriormente con algúns dos máis sinalados represores a partir de 1936. Pola contra, os membros do corpo que non participaban dos excesos de forza na Garda Civil foron tamén perseguidos, como aconteceu con Juan Rincón Téllez, un garda civil que tiña denunciado as torturas dos seus compañeiros en Ferrol en outubro de 1934 e foi procesado pola xustiza militar.Foi por iso que a Garda Civil se converteu na peza angular do proceso represivo iniciado na Galiza o 20 de xullo. A garda civil foi a ferramenta que o novo estado xurdido do golpe utilizou para administrar a violencia estatal sobre os seus opoñentes. Esta represión tiña unha intencionalidade, que era a de someter polo terror a unha poboación que se tiña colocado en posicións que poñían en cuestión o reparto da riqueza e a cohesión do estado unitario. E a violencia represiva foi executada, controlada ou supervisada pola Garda Civil, como representante do novo Estado.

A actuación da Garda Civil na represión nos axuda a comprender un pouco máis o que significou a represión franquista, pois contribúe a darlle todo o seu sentido. Refírome a algo semellante ao que aconteceu noutros ámbitos da historia: hai pouco tempo o historiador italiano Davide Turcato publicou un libro chamado Making sense of anarchism, arredor da vida do anarquista italiano Errico Malatesta en que darlle sentido ao anarquismo significaba para el fuxir da tendencia a considerar irracional este movemento social e á teima de considerar a súa propagación polo mundo como unha serie de iniciativas isoladas e faltas de calquera tipo de proxecto. Salvando os abismos existentes entre os idealistas libertarios e os sublevados asasinos de 1936, dar sentido á represión franquista consistiría en certa medida en afondar na intrahistoria da organización da represión que sucedeu ao golpe militar de 1936. Non foron problemas persoais, ataques de ciumes, envexas por bens ou disputas entre veciños… houbo de todo iso, mais enmarcado e elevado á enésima potencia pola execución dun proxecto sistemático de sometemento do contrario político por parte dos sublevados. É por iso que penso que a Garda Civil é o elemento chave que sitúa a represión executada por moi diversos axentes nun plano -quizais existente nos opacos arquivos da represión- de longo alcance de control e sumisión das clases traballadoras e das nacionalidades.

Penso que esta reflexión cobra sentido diante das dificultades de abordar o asunto da represión franquista. Unha das cousas que aconteceu coa desmemoria do 36, ese fenómeno de anatemización do que foi unha parte da historia do noso país, é que non só nos roubaron as respostas. O máis triste é que tamén en certa medida nos roubaron as preguntas: que diante da dificultade de coñecer a historia das vítimas, de coñecer o padecemento da milleiros de familias, as veces esquecemos tamén interrogarnos e facer unha reflexión histórica sobre asuntos clave: ¿Quén levou adiante a represión?. ¿Qué era o que pretendían con esa violencia asasina?. ¿Cómo foi a sociedade que se construíu sobre o fenómeno da represión?. ¿Qué é o que hoxe fica entre nós de todo aquel conglomerado?

Coa desmemoria do 36 non só nos roubaron as respostas, o máis triste é que tamén en certa medida nos roubaron as preguntas

A presenza de mandos da Garda Civil nas conspiracións contra os Gobernos republicanos foi unha constante, cal foi a súa implicación na trama golpista de xullo de 1936 na Galiza?

No seo da Garda Civil existía un rexeitamento da II República e -por qué non dicilo- do exercicio democrático dos seus dereitos polas clases populares. En consecuencia, moitos gardas civís participaron nas conspiracións dirixidas a dar un golpe de Estado que rematara coa República. Altos cargos da benemérita na Galiza participaran xa en abril de 1936 nunha conspiración que pretendía levar adiante unha sublevación antirepublicana: Florentino González Vallés encabezou esta conspiración contra a República coa colaboración de moitos mandos do instituto na Galiza e malia que a súa tentativa foi descuberta, ao máximo ao que chegou o goberno foi a cambiar o destino dalgúns deles, mais non foi quen de poñer fin e anular as súas actividades conspirativas.

Cando se produciu o golpe militar, tanto estes gardas civís conspiradores como a maior parte dos membros do corpo participaron nos combates sostidos nalgunhas localidades da Galiza, integraron as columnas de pacificación e posteriormente tomaron parte de xeito destacado na violencia represiva articulada polo Estado.

Son moitos os axentes da benemérita cun papel de relevo no conglomerado represivo, mais pola súa significación que nos pode dicir dun mando da garda civil do que ven de falar anteriormente como Florentino González Valles?

Non quero ser categórico, mais penso que Florentino González Valles foi o máximo espoñente do carácter represivo da garda civil nos tempos que seguiron ao golpe militar de xulio de 1936. A súa figura ten varias notas que fan relevante e profundamente significativo o seu papel. En primeiro lugar está o feito de que fora un alto mando que encabezara algunha das conspiracións previas ao golpe. Tamén cabe resaltar a súa intervención en Madrid no enterramento do garda civil Atanasio de los Reyes, no que tivo lugar un enfrontamento con forzas ao mando do tenente da gara de asalto José del Castillo; este garda de asalto foi posteriormente asasinado e a súa morte foi vingada na persoa de José Calvo Sotelo, marcando un período álxido da loita pola rúa nos últimos tempos da República.

En canto se produciu o golpe militar González Vallés foi nomeado gobernador civil da Coruña e ocupou tamén o posto de Delegado de Orden Público da provincia, dando forma á estrutura represiva que causou centenas de mortes en execucións extraxudiciais en toda a provincia; a súa presenza imprimiu á represión un fortísimo pulo en toda a zona baixo o seu mando. Da súa orientación política da boa conta o feito de que instituíse na provincia o saúdo brazo en alto mesmo antes de que fora asumido polo propio goberno dos sublevados. Despois dunha sanguenta actuación na provincia da Coruña foi tamén comandante da garda civil en Lugo e baixo o seu mando tiveron lugar novos feitos represivos, como foi o caso da masacre de Montecubeiro en agosto de 1937. Por último, cabe sinalar que a súa figura representaba tamén outra das características do novo réxime, como era a corrupción: un dos seus fillos xestionaba a salvación de persoas perseguidas a cambio de diñeiro. Cabe mesmo pensar que fora o propio González Vallés o organizador dese entramado corrupto, pois existen diversas informacións que sinalan a benignidade da súa actuación con algúns destacados membros da masonería coruñesa, o que pode suxerir que esta benevolencia estivera relacionada con entregas de diñeiro por parte dos masóns perseguidos, que tiñan unha boa posición económica.

Asistimos nas últimas décadas a un cambio de percepción na sociedade sobre a garda civil, mesmo a un esquecemento da súa actuación represiva nas diferentes etapas do franquismo, a que cree que se debe?

O cuestionamento da Garda Civil foi unha constante na opinión pública ao longo da historia, orixinada tanto polas súas actuacións contra as protestas populares e como polos excesos nas tarefas de mantemento da orde pública. Xa nos anos 30 os republicanos no Goberno desistiron de tentar suprimir este corpo e só tentaron ofrecer como alternativa branda á garda de asalto; tampouco nos anos da transición houbo un cuestionamento da esencia escasamente democrática do corpo da garda civil, un carácter que malia todo ficou demostrado co seu papel protagonista no golpe de Estado do 23 de febreiro. Creo que non existía unha democratización real deste corpo armado e sen embargo si que houbo unha sobreprotección de novas actuacións controvertidas. Foi perseguido o filme  El caso Almería, como tamén se censurou incluso El crimen de Cuenca, e por moito tempo se ocultou a implicación da garda civil na guerra sucia contra ETA. Dalgún xeito a Garda Civil mantivo a súa estrutura e as súas tradicións -por máis que algunhas delas foran antidemocráticas- sen calquera tipo de consideración sobre a súa implicación no golpe militar e na represión sobre os vencidos. Despois, ao abeiro da súa participación na loita antiterrorista comezou unha campaña que aínda hoxe continúa, con películas e telefilmes incluídos, de xustificación e apoio á Garda Civil, lonxe do rigor e da discusión razoada. Até tal punto chegan as cousas que se hoxe García Lorca tivera publicado o seu romance sobre a Garda Civil probablemente remataría xulgado na Audiencia Nacional ou acusado publicamente dun delito de odio.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios