UNHA ESCOLMA DO PAPEL

Eleccións autonómicas: hai 31 anos

Lois Diéguez, no Parlamento en 1982
photo_camera Lois Diéguez, no Parlamento en 1982

Outubro de 1981: primeiras eleccións ao Parlamento Galego. Uns anos antes, non moitos, fóranse definindo as alternativas partidarias españolas e galegas. Con máis dificultade as nacionalistas, pois este camiño quedara interrompido desde a República e non tivo unha clara continuación. Unha persoa en 1975 ou 1980 apenas sabía de democracia, pois esta quedara esgazada desde 1939, coa ditadura dun asasino, o Xeneral Franco, que tivera aferrollada a liberdade desde a imposición do terror, xenocidio que aínda hoxe non foi condenado polo PP.

Desde 1972 van tomando forza formulacións partidarias que acaban definindo dous partidos, a UPG e o PSG. Coa morte de Franco en 1975 e esgotado o Estado fascista, ábrese a luz dunha democracia ao xeito occidental, é dicir, teórica, formal, controlada polos poderes económicos capitalistas. Os franquistas sentan á mesa cos que levaban loitando desde a Guerra Civil e acaban salvando a cabeza coa solución final da Reforma Democrática. No fondo, unha evolución formal da ditadura á democracia sen miolo. Á diferenza da maior parte dos países con procesos de ditadura, os asasinos de onte libraron e non tiveron que dar contas dos seus abusos. Isto aínda o seguimos pagando hoxe. Do franquismo veñen, pois, os partidos da dereita ou autodenominados de centro: desde a UCD, pasando por AP, e concretado hoxe no PP.

Na década dos 80, o nacionalismo galego foise introducindo na sociedade de forma nítida e activa. Cun antecedente nos anos 70 ao crearse os sindicatos, armando así unha estrutura organizativa que lle deu voz á nación galega. A primeira plataforma nacionalista, unitaria e con forza, asemblearia, foi a AN-PG, e ela protagonizou as loitas máis dinámicas que se deron no país até 1982, cando coa sua autodisolución se funda o BNG. Cota empresarial da SSA, Encrobas, Baldaio, prezos da carne e leite, Central Nuclear de Xove, Celulosas, Loitas obreiras en Ferrol, Vigo..., conflito das 200 millas, Emigración, Decreto do Bilingüismo... milleiros de problemas que acentuaban o carácter colonial de Galiza foron enfrontados con valentía cunha numerosa masa de mozos e mozas principalmente.

Á diferenza da maior parte dos países con procesos de ditadura, os asasinos de onte libraron e non tiveron que dar contas dos seus abusos

E daí vimos. Da loita e da esperanza na procura da dignidade e da identidade negadas. Coa Reforma Política, e eliminada a alternativa de Ruptura Democrática, única que asentaría unha verdadeira formación democrática, viñeron a Constitución Española e os Estatutos de Autonomía, refrendados con resultados máis ben tímidos (72 % de abstención no galego). En 3 ou 4 anos non se pode adquirir unha conciencia política clara se acabamos de saír dunha ditadura. Pero iso dá igual. Con que haxa eleccións xa se cumpre o programa neste tipo de democracias.

O nacionalismo máis activo votou NON á Constitución Española porque negaba, entre outros, os dereitos democráticos das nacións do Estado español. E fíxoo así tamén co Estatuto de Autonomía porque sometía a nosa nación ás directrices de España, á dependencia, tal como hoxe nos proba Feixó, o presidente máis mentireiro que pasou pola Xunta. Batallou despois para estar nas institucións co obxectivo de transformalas nas soberanas que realmente queremos. Así chegaron as terceiras eleccións que se daban na Galiza: as da constitución do primeiro Parlamento e Goberno galego, en Outubro de 1981.

Chamaba así unha nova fronte de acción política: a electoral. A UCD, o PSOE e mesmo o PCE tiñan apoios materiais dos propios sectores económicos que os defendían, sobre todo os dous primeiros. Os novos franquistas herdaban cartos do propio Estado, redes caciquís creadas polo franquismo e que aínda subsisten hoxe; medios de comunicación públicos e privados ao seu servizo; institucións que aínda hoxe se manteñen, como as Deputacións. Cartos dos seus homólogos europeos ou doutras nacións do mundo apoiaron tamén as inversións necesarias para as campañas electorais.

O nacionalismo só tiña a roupa que levaba posta. E como xente popular sen dependencias políticas ou económica de ninguén, enfrontou este novo capítulo da loita política coas súas propias forzas

O nacionalismo só tiña a roupa que levaba posta. E como xente popular sen dependencias políticas ou económica de ninguén, enfrontou este novo capítulo da loita política coas súas propias forzas, mentres Augusto Assía e La Voz de Galicia berraban forte contra nós, acusándonos mesmo de queimar os montes ou de terrorismo. Lembro perfectamente aquela primeira campaña electoral do Estatuto. Non tiñamos experiencia electoral. Nen axuda de nengún medio de comunicación. Daquela estes estaban representados exclusivamente pola televisión, as emisoras de radio e os xornais, que aínda tiñan moita forza. O novo Estado trazara unha fronteira ben delimitada entre soberanía estatal e autonomía das rexións e nacionalidades. E non permitía botarse un centímetro máis aló desa raia.

Os medios de comunicación respondían tamén a ideas e intereses económicos empresariais non precisamente plurais. Cando a economía non está democratizada é imposíbel que os medios de comunicación respondan a un pluralismo real. Son empresas dominadas por quen teñen os cartos, e estes non son precisamente de xente popular. Foron, en xeral, adversarios e diques de contención contra o espallamento das ideas nacionalistas. A conciencia e ideoloxía franquistas non desaparecían loxicamente da noite para a mañá.

Así que houbo que facer un esforzo enorme para estar en todos os recunchos do país. Tiñamos xa plataformas socias reivindicativas (sindicatos, asociacións de veciños e culturais, grupos de traballo, unha certa forza no agro e nas fábricas, moito máis numerosas que hoxe, pois aínda a CE non entrara a saco nas nosas riquezas...) e a AN-PG estaba espallada por toda Galiza cunha presenza social importante. Os candidatos e candidatas levabamos unha rede de compañeiros e compañeiras que axudaban nos mitins e convocatorias. Unha grande parte da militancia activa repartía a propaganda e poñía pancartas ou facía pintadas por todo o país. Era o máis característico do nacionalismo: no sitio máis agachado aparecía sempre un símbolo da coalición electoral, BN-PG/ PSG, unha chamada, unha invitación ao voto, unha reunión.

Supliamos os cartos co noso traballo, e pagando cada un os desprazamentos e calquera tipo de gastos. Non podo esquecer a grande actividade que antes de morrer desenvolvera Carlos Varela, que puxo en acción unha auténtica oficina de propaganda, cos seus debuxos, adhesivos, pancartas e folletos dunha grande beleza, moi atractivos. E aquela idea da película artesanal que a xeito de Telexornal contaba as loitas de Galiza desde unha imaxinada RadioTelevisión Galega. Só comezar a proxección facía rir a xente porque non podía pensar que Galiza tivese uns medios de comunicación propios falando en galego. Daquela aínda non existían. E hoxe hainos debido a ese traballo.

Os demais partidos (AP, UCD, PSOE), aproveitaron ese traballo para se desfacer de nós por non xurar a sacrosanta e xa obsoleta Constitución Española

Artesanía pura con selo da nosa nación. Eran tempos de ilusión, de esperanza, a pesar daquel 23-F con Tejero á fronte, que nos meteu un bo susto e que se aproveitou para unha involución que houbo que combater tamén. Aínda non comezaran a aparecer as leis que foron controlando a democracia instintiva dos primeiros anos da Reforma, regulándoo todo, varrendo co camiño popular que ía collendo. Tamén os resultados, con 3 deputados (6,17 % dos votos), arrefriaran esta ilusión, pero aínda non lle viramos o rostro real ao que se montaba. Logo, despois de traballar un ano no Parlamento para redactar as normas internas e diversas leis, Bautista Álvarez, Claudio López Garrido e mais eu, os demais partidos (AP, UCD, PSOE), aproveitaron ese traballo para se desfacer de nós por non xurar a sacrosanta e xa obsoleta Constitución Española, da única opción que puxo en contradición a coherencia das ideas fronte ao oportunismo político de corte ditatorial. A hipocrisía dunha democracia que hoxe, en 2012, e ante as novas eleccións autonómicas, mostra a súa crise máis profunda, abourada por un partido que anda a desmantelar os avances sociais . Mais a experiencia enriqueceunos e a batalla, a idea, a rebeldía, seguen en nós como o mellor tesouro que pode mudar as desesperantes situacións de involución. Na man da xente máis consciente está o seu aproveitamento.

Lois Diéguez foi deputado no Parlamento galego, na súa primeira lexislatura, pola coligazón BNPG-PSG.
 

Este artigo apareceu no Sermos19, publicado a 12 de outubro de 2012.

Comentarios