As eleccións de 1918, a primeira batalla electoral do nacionalismo

Celebráronse nun contexto político marcado pola fonda crise do réxime da I Restauración. O nacionalismo galego instituíuse como proxecto político autónomo ao concorrer ás eleccións a Cortes xerais e formulando unha alternativa de ruptura con ese réxime.

Foto Cambó
photo_camera Rodrigo Sanz, Lois Porteiro, Francesc Cambo e Xesús Culebras. Compostela, 1917.

Aínda que ficaron na memoria popular como as eleccións do ano da gripe, para nos sempre serán as primeiras eleccións ás que concorreu o nacionalismo galego. Celebráronse nun contexto político marcado pola fonda crise do réxime da I Restauración, cuestionado na súa lexitimidade social, a consecuencia da corrupción, da adulteración das normas democráticas e do modelo de representación, e  abaneado por un grave problema económico, derivado da orientación exportadora da política do Estado, favorecida pola neutralidade durante a grande guerra, que se concretou nunha vaga de fame e no aumento da carestía da vida . Viñeron precedidas dunha grande convulsión social e política, cuxos capítulos máis recoñecíbeis son a asemblea de parlamentarios de 1917, promovida polo nacionalismo catalán, e a folga xeral dese mesmo ano, pero tamén dunha continuada mobilización da sociedade galega, do que dan conta os conflitos da subsistencias, as loitas agrarias e operarias e a activación de novas alternativas políticas, nomeadamente as Irmandades da Fala.

Os nacionalistas foron acusados polos partidos da quenda de subverter a unidade do Estado, de intervir  ao ditados dos intereses cataláns e de actuar na vangarda de posicións revolucionarias.

O nacionalismo lanzouse á loita electoral. A súa proposta programática, da que dan conta os manifestos de Lois Porteiro Garea ou de Antón Lousada Diéguez, debedores das demandas da asemblea de parlamentarios, das propostas das asembleas agrarias de Monforte e Ribadavia e dalgunhas reivindicacións das organizacións operarias, viñan a ser unha resposta ao estado de cousas na Galiza do momento. Significaban no plano político unha impugnación ao réxime da Restauración de orientación rexeneracionista, representaban na esfera económica unha proposta reformista, dirixida a melloras as condicións de vida das maiorías sociais de Galiza, coherente coas propostas do movemento popular, condicionando, todo isto, a unha mudanza de fondo, que implicaba un novo status da nosa nación. A esixencia dun novo marco de relacións entre Galiza e o Estado español, situábase por primeira vez no centro do taboleiro político, asociando a solución dos problemas galegos a consecución dun novo encaixe no espazo peninsular.

O nacionalismo galego instituíuse como proxecto político autónomo ao concorrer ás eleccións a Cortes xerais e formulando unha alternativa de ruptura co réxime da I Restauración.

A batalla electoral foi durísima. O nacionalismo, sometido a un fogo cruzado a dereita e esquerda, era acusado polos primeiros de subverter a unidade do Estado, de actuar ao ditados dos intereses cataláns e de posicións revolucionarias, mentres os segundos denunciaban as relacións co catalanismo, un movemento considerado como reaccionaria polas posicións de Cambó. Ao tempo, moitos dos seus actos de propaganda, foron boicoteados e prohibidos, sinalándose a actuación dos axentes da Garda Civil, do lerrouxismo e dos partidos da quenda, que non dubidaban en recibir aos candidatos ao berros de “Viva España”, “Abaixo o ouro catalán” ou “Falade en cristián”. Así sucedeu en Celanova, onde Lois Porteiro foi vítima dun atentado, n´A Estrada, coa Garda Civil ameazando con disparar aos oradores, pero tamén en Narón, Caldas de Reis ou Ferrol. A compra do xornal El Noroeste, coa axuda económica dos cataláns, non foi quen de amolecer a campaña da prensa do réxime, destacando pola súa agresividade La voz de Galicia, que a máis de criticar a posición lingüística dos irmandiños non dúbida en responsabilizados dos tráxicos sucesos de Narón.

As eleccións retrataron as debilidades do nacionalismo e a natureza do réxime da Restauración As expectativas iniciais foron rebaixadas no momento de formalizar as candidaturas, presentándose exclusivamente nos distritos de Celanova, A Estrada, Lugo, Noia e Pontedeume, apoiando persoas afíns en Betanzos ou Lugo, desistindo por diversos motivos n´A Coruña e Monforte e véndose incapaces de cubrir outras partes do territorio galego. Porteiro Garea será derrotado en Celanova polo bugallalista Senén Canido, Lousada Diéguez, a pesar de gañar nas mesas d´A Estrada perde fronte a Vicente Riestra, Rodrigo Sanz non consegue superar en Pontedeume a Waiss e Vázquez Enriquez sofre un severo castigo en Noia diante de Eduardo Gasset. Alén das debilidades organizativas das Irmandades da Fala, o proceso electoral deixou claro que a maquinaria caciquil dos partidos da quenda mantiña o seu ferreño control en Galiza, denunciando os irmandiños, mesmo diante do Tribunal Supremo, as múltiples irregularidades cometidas, do que son bo exemplo as actas de Celanova ou d´A Estrada, onde Lousada Diéguez aparece nas mesas de Silleda ou de Boborás sen ningún voto computado.

Fai cen anos, nas eleccións do vinte e catro de febreiro de 1918, o nacionalismo galego cruzou o seu particular Rubicón, instituíndose como proxecto político autónomo ao concorrer ás eleccións a Cortes xerais e formulando unha alternativa de ruptura co réxime da I Restauración. Malia os cativos resultados electorais, a participación electoral obrigou a posicionarse sobre a problemática galega ás forzas de obediencia estatal, situando a cuestión nacional, na súa tripla esfera política, económica e cultural no centro do debate, sendo significativa a forte discusión arredor do uso e dos dereitos da lingua galega. Ao tempo, ao presentarse a carón do catalanismo, na altura a vangarda da loita nacionalista no Estado e diana dos ataques do españolismo, aspecto que forneceu de munición ás forzas sistémicas, permitiu visualizar a Galiza como unha realidade nacional, situando o seu problema na mesma dimensión que o catalán e favorecendo unha visión plurinacional do espazo español. A análise dos resultados electorais obrigou ás Irmandades da Fala a un proceso de clarificación no plano ideolóxico, cuxos resultados máis inmediatos serán concretados en novembro de 1918 no manifesto nacionalista.

Comentarios