As dúas vidas do monxe galego Baquiario

Fixo parte daquela xeración de ouro que alumeou o espertar cultural galego nas centurias do baixo Imperio. Acusado de formar nas filas do partido priscilianista veuse obrigado a renegar da mesmo para salvar a vida, producindo unha importante obra doutrinal que o situou á cabeza do pensamento europeo do momento. Viaxeiro impenitente percorreu todo o mundo coñecido desde as costas atlánticas até Palestina, nunha rota moi habitual para a oligarquía galega do momento, sendo considerado o grande impulsor do monacato na península ibérica. 

Martirio
photo_camera Imaxe do cadro de Stefan Lochner 'O martirio dos doce Apóstolos'. (Foto:Nós Diario).

As orixes de Baquiario ofrecen poucas dúbidas. Se ben algúns autores considerárono irlandés e presentárono como discípulo de San Patricio, polo seu papel chave no desenvolvemento do monacato en toda Europa continental, o monxe galego aclarou o seu lugar de nacemento nos seus propios escritos. A este respecto, no Libellus de fide, unha publicación redactada na primeira década do século V, onde rebateu as acusacións de priscilianista, responsabilizou das mesmas a súa orixe e afirmouse orgulloso do seu país. Neste sentido, cualificar a galegas e galegas de priscilianistas naquela altura foi unha practica habitual, polo hexemonía deste movemento no país e, tamén, pola nacionalidade do seu impulsor.

Un galego sen complexos

As razóns expostas polo monxe son moi claras. Así, escribiu “semella que o que me fai sospeitoso, non son as miñas palabras senón o meu país natal, e eu, que non me avergoño da miña fe tampouco me avergoño da terra na que nacín”. “Que lles importa a miña patria de aquí abaixo, sendo así que por mandato do ceo se me prohibe chamar pai  a ninguén neste mundo?.Por que lles intriga tanto a miña patria?, continua Baquiario quen sinala “Se por culpa dun herexe”, en relación a Prisciliano, “debe condenarse a todo un pobo, condenade a aquela discípula gloriosa da verdade, Roma da cal xurdiron agora non unha, senón dúas ou tres herexías”.

Os dados sobre a biografía de Baquiario son moi escasos. As principais fontes para o estudo do monxe galego é a súa propia produción bibliográfica e os escritos do presbítero marsellés do século V Gennadius, recollidos no seu famoso de  De Viris Illustribus, onde achega 100 traballos sobre outros tantos personaxes. Así, sabemos que nos primeiros anos do século V acudiu a Roma para defenderse diante do papa Inocencio I das acusacións de priscilianista e que continuou na cidade á volta de 410, xa que na súa obra  Reparatione  describiu en primeira persoa a toma da mesma por Alarico.

Un priscilianista militante

A súa militancia priscilianismo semella probada. Se ben os seus traballos que chegaron a nós centráronse en desmontar calquera proximidade con este movemento, nestes non houbo unha condena da proposta teórica de Prisciliano. Ao tempo, a influencia deste noutros escritos de Baquiario foi evidente, como aconteceu nas dúas cartas dos manuscritos de San Gall 190 descubertos por Morin. Baquiario foi denunciado por priscilianista polos bispos da Bética e veuse obrigado a abandonar Galiza no marco da grande persecución contra os lideres deste movemento iniciada á volta de 380.

Baquiario retornou a Galiza trás esta estadía romana, véndose obrigado a exiliarse de novo após a chegada dos suevos. A súa fuxida diante da chegada dos pobos xermánicos ofrécenos dados chave para contextualizar o personaxe ,ao responder ao mesmo patrón de conduta doutros membros das elites galaico romanas, como Idacio da Limia, que se opón ao asentamento na Galiza dos suevos na medida que someten a cuestión o seu estatus social. Así, as cousas Baquiario debeu facer farte daquela  aristocracia galaica latifundista ligada a administración do Imperio e moi influinte nas súas decisións.

Un viaxeiro impenitente

As propias referencias intelectuais, hábitos e convencións de Baquiario responderon ao comportamento deste sector social. Outro proba evidente disto foron as súas recorrentes viaxes a Xerusalén, seguindo unha rota que veu sendo habitual entre aquela oligarquía galega e pola que tamén transitaron outros contemporáneos del como Idacio da Limia, Exeria, Paulo Orosio ou os irmáns Avito. Baquiario partillou relación con Xerome de Estridón e o bispo de Alexandría Teofilo, deixando evidencia da súa proximidade na obra doutrinal. Malia non dispor de dados concluintes, a practica totalidade da historiografía situou a súa morte arredor de 425.

O monxe viaxeiro galego legounos unha cumprida produción doutrinal. Aos traballos xa referidos como Libellus de fide, obra que acadou un certa repercusión como demostraron as diversas versións da mesma chegadas a nós, debemos engadir De reparatione lapsi e De fide, recuperadas nunha versión de Enrique Flórez, onde amosou a súa grande erudición e o seu importante coñecemento dos autores do seu tempo.

O fundador do monacato

A significación histórica de Baquiario está determinada polo seu papel na organización do monacato no espazo peninsular. A este respecto, as novas achegas historiográficas tenden a matizar esta consideración, tan común fai unhas décadas, como consecuencia da súa celebre carta ao diácono Januario escrita á volta de 400 onde se empregou por primeira vez a verba mosteiro.

Nesta liña, un dos máis importantes estudosos do período suevo, o historiador Pablo Díaz apuntou á formalización da vida monástica na área galega a partir dos antigos modelos de organización característico das comunidades priscilianistas, significando que “se aceptamos a posibilidade de que se dese forma “monástica” ás practicas escépticas preexistentes, incluídas aquelas influídas polo priscilianismo, o esquema a aplicar só pode ser o mocanato oriental”.

Comentarios