Dúas cartas e un mitin: a fin da ORGA

A derrota electoral nas eleccións de decembro de 1933 levou a unha recomposición das forzas de esquerda na Galiza. O fracaso fixera explícitas as debilidades do republicanismo galego e as súas contradicións, tanto no que atinxía á cuestión social como a cuestión nacional. Ao cabo, a fráxil unidade cimentada no Pacto de Lestrove, comezara xa a se debilitar desde os primeiros tempos republicanos. 
Mitin de Azaña e Casares Quiroga na Coruña. (Foto: El Pueblo Gallego)
photo_camera Mitin de Azaña e Casares Quiroga na Coruña. (Foto: El Pueblo Gallego)

En agosto de 1931, o anarcosindicalista coruñés Manuel Montes Don publicaba en Solidaridad Obrera unha carta aberta en nome do comité local da CNT da Coruña baixo o título ¿Se acuerda usted señor Casares? recriminando a Santiago Casares Quiroga as políticas represivas do primeiro Goberno republicano.

A carta era representativa do afastamento do republicanismo galego dunha parte importante das súas bases sociais tradicionais, situadas na militancia anarcosindicalista galega, que tiñan mantido un forte apoio electoral ás candidaturas republicanas no primeiro terzo do século

O deseño dun marco de relacións laborais á medida da UGT polos primeiros Gobernos republicanos tiña levado a un incremento da competencia sindical, e a CNT non dubidou en mudar o seu apoio inicial á República cara a posicións críticas; isto deu lugar a toda unha serie de conflitos laborais tinxidos de carácter político, como foron a folga pola interrupción das obras do ferrocarril Zamora-Ourense-A Coruña, a folga do sector pesqueiro vigués ou a folga xeral polos despedimentos nos estaleiros ferroláns. Ao cabo, o anarcosindicalismo mesmo rematou por protagonizar varias folgas insurreccionais en maio e decembro de 1933, con escaso seguimento. 

Unha carta de Antón Vilar Ponte

Non menos significativa foi a carta que o galeguista Antón Vilar Ponte enviou á sección local coruñesa do Partido Republicano Gallego en febreiro de 1934.

Nela poñía en cuestión a utilidade que tivera a ORGA tanto para a República como para Galiza, e por iso remataba o escrito pedindo a disolución do devandito partido. Entre os problemas que sinalaba estaba a tolerancia do partido con respecto a certos gromos de caciquismo e o incumprimento do seu compromiso fundacional a prol do estatuto de autonomía, chamando a atención sobre a actitude dalgúns concelleiros coruñeses, que se tiñan ausentado dunha sesión do concello, e como consecuencia resultara aprobado unha resolución en contra da autonomía de Galiza. Despois de enviar aquela carta, Vilar Ponte deuse de baixa e rematou por se incorporar ao Partido Galeguista.

A debilidade do republicanismo era subliñada por Vilar Ponte, remarcando que pouco tiñan contado con el na toma de decisións, malia ser deputado nas Cortes. O que viña a expresar era en certa medida unha crítica ao cesarismo de Casares Quiroga, e a viraxe que este tiña dado ao republicanismo galego cara á integración nunha forza republicana de carácter estatal sen un pronunciamento claro das organizacións locais; unha viraxe que tiña coincidido coa participación persoal de Casares nos gobernos republicanos. A premonición rematou por cumprirse e, pouco tempo despois, boa parte do republicanismo galego participaba na fundación de Izquierda Republicana, en abril de 1934. 

O mitin republicano do 28 de maio de 1934 na praza de touros da Coruña tivo, pois, unha grande importancia no artellamento da nova forza na Galiza. As organizacións republicanas galegas asumiron a preparación deste mitin na cidade onde o novo partido tiña unhas mellores perspectivas e facíao baixo o patrocinio do líder local Santiago Casares Quiroga, que era ao tempo un dos grandes valores do partido a nivel estatal; ao seu carón participaron as dúas grandes figuras do partido, Manuel Azaña e Marcelino Domingo. Por medio do acto querían ofrecer unha demostración de forza que servise como punto de partida para a expansión organizativa, e ao tempo puidera tamén servir para consolidar o liderado de Casares.

Malia que chegaron militantes republicanos desde moitas localidades galegas e que mesmo acudiron algúns autobuses de Asturias, o mitin non foi por onde os organizadores querían. Segundo algunhas fontes os congregados estaban preto de 15.000, mais entre eles figuraba tamén un numeroso grupo de anarcosindicalistas e comunistas que acudiran coa vontade de manifestarse contra os republicanos. Desde o comezo do mitin xurdiron voces e apupos que impedían falar aos oradores, mais foi cando Casares Quiroga tomou a palabra, cando a situación se complicou: houbo berros de “Casas Viejas”, golpes entre os asistentes e lanzaron laranxas contra o palco.

A morte de Francisco Ínsua

A liorta rematou cun tiroteo en que morreu o militante anarcosindicalista Francisco Insua, por disparos dun membro do servizo de orde; aínda que o mitin continuou e parte dos oradores puideron falar, a impresión que causaron os feitos non tiña nada que ver coa que inicialmente se tiña previsto. Só foi despois do movemento de outubro, coa formación da Fronte Popular e baixo outras bases, cando foi posible refacer dalgún xeito a unidade da esquerda.

Comentarios