A Galiza ignorada

Dona Xoana, a causa dunha Galiza de seu

Pasou á historia como A Beltranexa pero para nós será sempre a raíña que puidemos ter e nos roubou o malfado da historia.A excelente señora para os galegos e portugueses, a monxa tola para os cataláns e aragoneses, dona Xoana exemplifica nun tempo histórico a vontade do noso pobo de conformar unha Galiza arredada de Castela, achegada a Portugal e ligada ao espazo atlántico. Eis un extracto da información publicada ao respecto no número 345 de Sermos Galiza.

foto_1.Xoana
photo_camera Gravado de dona Xoana.

mini_1 (1)Será sempre para nós dona Xoana. Sometida á roda da manipulación historiográfica que precisaba xustificar a unión dinástica de Isabel e Fernando, chegou até a nós como A Beltranexa, apelativo imposto polo relato que a tentou converter nunha raíña ilexítima, resultado dunha relación extraconxugal da súa nai, Xoana de Portugal, co valido de Henrique IV Beltrán de la Cueva.

Non tardou en ser combatida polo mesmo bloque oligárquico que enfrontou o reinado do seu pai, Henrique IV, e apoiaría posteriormente a causa dos seus tíos Afonso e Isabel, conformada polos grandes da nobreza propietaria da terra de Castela, os señores eclesiásticos e o papado, que chegou mesmo a declarar nulo o matrimonio dos seus pais. Apoiada polo reino portugués, nunha operación de diplomacia matrimonial, remataría por casar co monarca Afonso V, que non dubidaría en facer valer os seus dereitos ao trono, nun contexto internacional claramente adverso para a súa causa, con Aragón, Inglaterra e Roma apoiando a Isabel e Fernando.

O apoio galego a dona Xoana exemplifica a existencia dun movemento na nosa sociedade de carácter nacional popular que respondía á vontade de tronzar a dependencia do país dunha Castela hexemónica na área peninsular que aspiraba a reforzar o seu dominio mediante a conquista doutros reinos. Non foi a defensa da lexitimidade da raíña Xoana fronte a súa tía Isabel o elemento central que dinamizou a protesta galega nas décadas finais do século XV, senón o convencemento de que a primeira representaba os intereses da maioría social galega. A alternativa dunha Galiza arredada de Castela, unida a Portugal e ligada ao espazo atlántico veuse formalizando de xeito reiterado no país desde 1230 e volveu expresarse con grande apoio social e posibilidades de éxito no contexto das excepcionais circunstancias abertas no espazo ibérico no marco da loita sucesoria que seguiu a morte de Henrique IV.

Primavera de 1475

As hostilidades entre o partido oligárquico e castelán representado por Isabel a Católica e a opción galega-portuguesa de Xoana I comezan á volta da primavera de 1475, acompañando Pedro Madruga a infanta na súa coroación e sendo nomeada a súa compañeira Teresa de Távora como camareira real. Porén, mentres a súa causa non atopaba apoios no espazo castelán e se sucedían os fracasos militares nesa área das tropas de Afonso V, Galiza sumábase masivamente á causa de Xoana comandada por Soutomaior, que non paraba de sumar éxitos políticos e militares.

Á volta de 1476 estaba en mans de Pedro Madruga a práctica totalidade do sur de Galiza, sinalándose localidades como Vigo, Pontevedra, Redondela, Tui, Baiona, Caldas, Padrón, as terras do Morrazo e do Salnés e amplas zonas do bispado de Ourense. Ao tempo, Pedro Álvarez de Soutomaior prestaba o seu concurso nalgunhas das accións de guerra máis importantes libradas fóra da Galiza, como o cerco de Zamora ou a batalla de Toro, onde segundo as crónicas portuguesas aparece como o principal conselleiro de Afonso V.

A derrota galega

A derrota galega confirmaríase a comezos de 1479. A dura ofensiva lanzada polos Reis Católicos contra Pedro Madruga, cuxos capítulos máis significados foron a intervención na Galiza da armada naval de Ladrón de Guevara actuando contra Pardo de Cela en Viveiro e contra Soutomaior en Baiona, Vigo e Pontevedra ou o cerco terrestre da localidade polas tropas do arcebispo Fonseca, non funden a resistencia, que comeza a debilitarse a partir de 1477 coa retención de Soutomaior polo conde Benavente e posteriormente cos acordos de paz entre Portugal e Castela.

[Podes ler a información íntegra no número 345 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Máis en Información do Reino
Comentarios