Domingo, 19 de febreiro: Marcha da Memoria nas Encrobas: 40 anos dunha loita que marcou Galiza

Os organizadores convidan a asistir levando paraugas negros ou aparellos de labranza. O motivo? Ser retratados por Xosé Castro ‘Pepucho’, o fotógrafo que coa súa cámara inmortalizou aquela loita da veciñanza contra unha empresa e un réxime.

Encobras
photo_camera As fotos son de Xosé Castro

As Encrobas, o topónimo dunha parroquia de Cerceda que deveu en sinónimo de loita, dignidade ou resistencia. Este domingo, 19 de febreiro, hai convocada unha ‘Marcha da Memoria’, unha homenaxe a 40 anos de loita. O obxectivo é que acude o maior número de xente posíbel, e que leve paraugas e aparellos de labranza. O motivo é que alí serán retratados por Xosé Castro Pepucho, o fotógrafo que deixou coas súas fotos hai 40 anos constancia daqueles feitos.“É autor das imaxes que todas conservamos na nosa memoria e que non queremos esquecer daquela loita”, como sinalan os organizadores.

O punto de encontro é o campo de fútbol das Encrobas (na estrada Mesón do Bento-Cerceda). “Na breve ruta pola zona cercana a Pau Rañón haberá distintas intervencións de persoas e colectivos implicados nos anos 70...teremos tempo a conversar, camiñar e lembrar xuntas de labregos, como hai catro décadas”.

497305427_295x166As Encrobas é un dos conflitos con máis repercusión (social, política, cultural) dos vividos en Galiza. Comezou no momento no que Lignitos de Meirama SA – que facía parte do grupo empresarial no que estaban Fenosa e Banco Pastor, propiedades de Barrié de la Maza,Conde de Fonosa e egrexio franquista - compra os dereitos de explotación dunha mina nas Encrobas. Comeza o proceso de expropiación de terras, leiras e hortas á veciñanza en 1975, ao abeiro dun decreto franquista. Expropiacións que teñen lugar nunha zona de gran riqueza agraria. Ao tempo, danse os primeiros pasos para construír a central térmica de Meirama.

Prenden os protestos veciñais, que son duramente reprimidos pola Garda Civil,o que dá lugar a enfrontamentos que soliviantan unha Galiza que comezaba saír do franquismo. A solidariedade para cos veciños das Encobras esténdense por todo o país.

“A nosa Terra é nosa e non de Fenosa” convértese nun lema que fai época. Case 60.000 persoas maniféstanse na Coruña contra os plans de Fenosa e as forzas de seguridade cargan con dureza contra os participantes na mobilización. O 15 de febreiro de 1977 a empresa tenta tomar posesión dos terreos nesta parroquia, protexida por máis de 200 efectivos da Garda Civil. Fanlle fronte os veciños, entre elas moitas mulleres e persoas de idade avanzada, que non recúan embora as cargas e golpes. Hai ducias de feridos e detidos e o día deixa unhas imaxes (obra de Xosé Castro) que chegan mesmo á prensa internacional. O acontecido obrigou a empresa a cambiar de estratexia e optar por unha nova negociación coa veciñanza. 

Comentarios