Dodro inaugurará a 'rúa Moncho Reboiras' coincidindo co 47º aniversario do seu asasinato

O activista político e sindical galego foi asasinado o 12 de agosto de 1975 a mans da Policía franquista.
Moncho Reboiras. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Moncho Reboiras. (Foto: Nós Diario)

A 'rúa Moncho Reboiras' xa ten data de estrea: a vindeira sexta feira 12 de agosto, contra as 11 horas. Desde ese día a coñecida até o de agora como 'carretera de Imo', que foi a aldea natal do dirixente nacionalista Xosé Ramón Reboiras Noia, pasará a levar o seu nome.

A data escollida non é casual, xa que coincide co 47º aniversario do seu asasinato a mans da Policía franquista por mor do seu activismo político e sindical desde a clandestinidade, que o puxo no punto de mira do réxime ditatorial.

Esta proposta foi oficialmente aprobada no pleno do Concello de Dodro decorrido o pasado 9 de xullo, a petición do BNG e coa única oposición do PP, que considerou que a de Reboiras "non é a figura máis axeitada" para homenaxear no rueiro local.

"Nin a súa morte nin a súa traxectoria tiveron transcendencia para a nosa veciñanza, e [dada] a súa vinculación con loita armada, suporía traspasar unha liña que nunca debemos traspasar", xustificaron os populares.

Porén, a estas palabras retrucaron desde o grupo municipal do BNG: "E se fora seu irmán o asasinado en lugar de Moncho Reboiras? Ao PP a democracia só lle serve para colocarse e para usala no seu beneficio".

"A nosa historia non é un cómic que se estuda nos centros de ensino. É o sentir do pobo, do pobo galego, polo que loitou Reboiras", enfatizou entón o concelleiro nacionalista Xoán Bautista Mariño Abuín, que pediu tamén que este recoñecemento "sirva para concienciar as novas xeracións".

Reboiras, no cinema

Mariño Abuín lembrou aliás que a aldea de Imo, onde agora terá unha rúa o histórico dirixente nacionalista, foi o lugar escollido para a pre estrea do documental Moncho Reboiras. Acción e Corazón, dirixido por Alberte Mera, subdirector de Nós Diario, nun acto decorrido no verán de 2020 "desbordando todas as previsións do Concello de Dodro, organizador da proxección, pese á pandemia do Covid-19".

Comentarios