Os Nomes do Terror

Dionisio Pereira: “A patronal pesqueira foi implacábel cos seus inimigos de clase”

Dionisio Pereira (A Coruña,1953) é un das voces autorizadas nos estudos da memoria na Galiza. Autor dunha abondosa bibliografía arredor dos movementos sociais e político no período republicano e sobre a represión franquista e autor dunha investigación sobre o papel da patronal pesqueira na represión que se distribúe a quinta feira no coleccionábel Os nomes do Terror

 

 

Dionisio Pereira
photo_camera Dionisio Pereira

Leva moito tempo estudando a realidade do movemento obreiro na Galiza mariñeira, como explica a súa fortaleza e a súa capacidade de loita no período republicano e moi particularmente naquelas semanas previas a 18 de xullo de 1936?

Un tempiño levo, si, aínda que con intervalos para outras investigacións. Non se debe esquecer que, na altura da IIª República, a industria pesqueira e os seus derivados é o único sector económico verdadeiramente estruturado do país, dende as tarefas extractivas ate a transformación do peixe e as industrias asimiladas. O sector entra nesta etapa logo dun medre acelerado nos anos 20, nos que se incrementa de xeito exponencial a flota e a produción de conservas de peixe, concentrando, daquela, moita man de obra na beiramar tanto masculina como feminina. A demanda de tripulantes e de persoal para as industrias auxiliares e de transformación, non deixou de medrar dende finais do século XIX e o que nun comezo era unha man de obra procedente da pesca artesanal, fragmentada no local e submisa no social, transmutou de xeito paralelo á implantación dunha pesca intensiva, mecanizada e máis esixente no traballo a bordo e nas fábricas de conserva, nunha clase mariñeira e nun proletariado feminino máis concentrados e combativos, logo dunha longa experiencia conflitiva que ten os seus alicerces na derradeira década do século XIX.

Daquela, na última etapa da IIª República, coa pesca industrial ou de transición xa moi desenvolvida, a Federación Regional Galaica de la Industria Pesquera (CNT) contou con máis de 18.000 mariñeiros e traballadoras da conserva e da salga, con presenza en 48 portos do noso litoral e unha taxa de sindicación situada entre o 25-30% do total dos pescadores. Resumindo, esta federación libertaria foi herdeira dunha tradición de loita que agromou, mesmo, nun segmento onde o traballo asalariado non era maioritario, pois a retribución era, e segue a ser, á parte, mediante quiñóns, mais no que a opresión e a desigualdade social percibíase con claridade.

A CNT contou con máis de 18.000 mariñeiros e traballadoras da conserva e da salga afiliados, con presenza en 48 portos do noso litoral e unha taxa de sindicación situada entre o 25-30% do total dos pescadores

Nalgunha das súas publicacións teste achegado de xeito demorado aos números da represión nas filas do sindicalismo mariñeiro, de xeito sintético podíanos  explicar o seu alcance e a que lóxica  respondeu?

Compre advertir, que nos referimos a unhas cantidades que deben ser cualificadas como de mínimos, porque aínda non coñecemos o volume de persoas que foron obxecto de expedientes de responsabilidades civís ou políticas, ou estiveron detidas con carácter de gobernativas. Dito isto, máis de 300 mariñeiros foron asasinados e máis de 1.000 padeceron Consellos de Guerra ou outro tipo de represalias; deles, máis de 20 foron asasinados e, logo, fondeados nas rías, de maneira que non apareceron máis. A explicación de conxunto, obviando casuísticas individuais, non é outra que se pretendeu esnaquizar ese tecido asociativo cuxa grande combatividade puxo en cuestión o dominio dos armadores e fabricantes, quer no económico, quer no político, na maioría das poboacións da beiramar e singularmente nas Rías Baixas. Ao cabo, compre dicir que bótase de menos unha investigación a fondo e de ámbito galego, sobre a represión padecida polas mulleres do mar.

O que acontece na maioría da Galiza mariñeira non se entende sen coñecer a confrontación social no mundo do mar que xa viña de lonxe

Conserveiros, salgazoneiros e armadores, case sen fisuras, adheríronse desde o primeiro momento a trama golpista e posteriormente xogaron un papel decisivo no asentamento do novo réxime, cal é na súa opinión a causa desta adhesión incondicional?

Basicamente, porque as patronais vinculadas ao negocio marítimo entenderon que o réxime republicano non lles aseguraba a continuidade das relacións de produción nas que eran hexemónicos e, a carón doutros sectores reaccionarios, durante a Fronte Popular xa comezaron a conspirar contra a República para achanzar o camiño para un golpe. De feito, moita xente de mar estaba convencida de que a durísima “guerra da sardiña” desenvolvida na primavera de 1936 nas Rías Baixas, nun contexto de depreciación do peixe decidida pola Patronal viguesa, pretendía máis que nada abanear a República. Por outra parte e dende un principio, os militares golpistas deixaron ben claro coa ilegalización dos sindicatos mentres as asociacións patronais continuaban abertas, a súa determinación para eliminar o contrapeso sindical nos peiraos e facilitar o retorno ao “ordeno y mando” imposto polos armadores.

Sinala no seu artigo que “a represión tivo un inequívoco carácter “de clase” ou que “unha parte significativa da Patronal organizada alentou aos militares para que se aplicase a “xustiza de clase”, até que punto o acontecido en 1936 non é outro capítulo máis da loita de clases por outros medios?

O que acontece na maioría das vilas mariñeiras galegas e tamén no ámbito marítimo dos tres grandes portos da pesca industrial, Vigo-Bouzas, Coruña e Marín, non se entende sen coñecer a confrontación social no mundo do mar que xa viña de lonxe. De feito, no capítulo galaico da historia da loita de clases, ocupan lugares senlleiros a referida “guerra da sardiña”, o nivel organizativo acadado na Coruña polo “Despertar Marítimo”, o conflito das motoras sardiñeiras de Moaña que durou un ano entre 1933 e 1934, e o amarre das parellas de arrastre de Bouzas acontecida en 1932 e que polarizou en sentido clasista a cidade de Vigo e contorna durante seis meses. É un intre decisivo da loita de clases nos peiraos, porque resolveu mediante a violencia extrema a conflitividade neste espazo e deu pé á militarización da actividade marítima e á implantación dunhas relacións laborais regresivas, logo do golpe militar. Foi, ao cabo, unha represión de clase, na que sinalados armadores e fabricantes se implicaron directa ou indirectamente nas represalias.

Máis 300 mariñeiros foron asasinados e máis de 1.000 padeceron consellos de guerra ou outro tipo de represalias, deles, máis de 20 foron fondeados nas rías, de maneira que non apareceron máis

O caso do armador de Bouzas, Víctor Feijoo Montenegro, é paradigmático, mais a pouco que afondemos en moitas vilas da beiramar, aparecerán apelidos significados debruzados nos castigos. Un inciso: aínda está por estudar a intervención dos militares nestes, a carón dos armadores; en Moaña, nas memorias de Luís Pérez “Nacidas” se destaca a presenza de mariños do Polígono Naval de Marín, nas sesións de tortura que os armadores argallaban na que fora sede do sindicato Fraternidad Marinera, entre eles do capitán de navío Francisco Bastarreche. Porén, só pretendemos enxergar os verdugos como suxeitos políticos defensores duns intereses determinados, o que non exclúe a complexidade do comportamento humano. Así, no seu “lusco fusco” particular, o devandito Montenegro e os controvertidos irmáns Massó, impediron males maiores e protexeron a certos colaboradores de ideario liberal e galeguista, tal que Paz Andrade, Manuel Gómez Román ou Federico Ribas. Con todo, a conclusión non pode ser outra que a patronal dos principais portos pesqueiros foi implacábel cos seus inimigos de clase individuais e colectivos, aproveitando todos os recursos que puña ao seu alcance a autoridade militar emanada do golpe para desactivalos.

Agás no caso do complexo pesqueiro carécese na Galiza de estudos a fondo sobre o papel das diferentes patronais na organización da represión, porén cos dados que temos até que punto é extrapolábel o papel da patronal pesqueira a outros sectores empresariais?

A pregunta non ten unha resposta taxativa, porque hai poucos traballos sobre a patronal doutros ramos económicos, que albisquen as súas relacións co movemento militar e coa ditadura posterior. En todo caso, Eliseo Fernández, Víctor Oia e eu mesmo temos constatado, que nas principais cidades galegas a visíbel relación entre os conflitos laborais do período republicano e a represión mortal neste espazo urbano, confirma a vontade das novas autoridades de rematar pola brava coa loita de clases na Galiza. Neste contexto debe considerarse o papel das distintas patronais. O devandito non quere dicir, sen embargo, que a represión na Galiza urbana só estea relacionada coa confrontación clasista, pois hai capas medias que apenas participan na loita de clases e tamén resultan moi prexudicadas polo seu compromiso antidinástico.

Comentarios