A asociación Levada Libre organiza o ciclo

'Días da Memoria' no sur de Galiza

O Condado, o Baixo Miño e a Louriña, na raia que traza con Portugal o tramo final do Miño, sufriron con especial intensidade a violencia fascista a partir de 1936. A asociación cultural Levada Libre traballa por recuperar a memoria democrática e, a partir do serán deste sábado, programa para cumplir co obxectivo un ciclo de actos e conferencias: Día da Memoria.
 

voltadamoura-1000x500
photo_camera O monumento ás vítimas do fascismo na Volta da Moura.

Ás 19.30 horas deste sábado 3 de marzo, no instituto San Paio de Tui, organiza a representación de A Lola, de Manuel Ayán, polo grupo de teatro Avelaíña. A quinta feira 8 de marzo, coincidindo co Día Internacional da Muller Traballadora, Xosé Álvarez ofrecerá a palestra República e educación. Será no Centro Cultural Castelao de Salceda de Caselas ás oito do serán.

Dous días máis tarde, o sábado 10 de marzo ás cinco da tarde, na Volta da Moura -entre os termos municipais de Salceda de Caselas e Tui-, reconstruíran o monumento de recordo ás vítimas da represión fascista e ás súas viúvas. No lugar, os franquistas asasinaron nove cidadáns porriñenses. Foi en 1936. Música, poesía e a plantación de tres oliveiras contribuíran á rehabilitación do monolito -estragado por vándalos.

Días da memoria concluirá a quinta feira 15 de marzo no Porriño. Será ás oito do serán na antiga escola unitaria, onde María Torres falará sobre a participación viguesa e a achega do Porriño á Segunda Guerra Mundial.

Comentarios