Aquel Día da Patria Galega de 1966

Dia Patria Galega 1968
photo_camera Faixa do Día da Patria Galega 1968

Era 1966 e Galiza fervía con Castrelo de Miño. A decisión de FENOSA, beneficiada polo franquismo coa concesión da explotación integral do Río Miño, de construír  un encoro no val de Castrelo, atópase cunha forte oposición popular que vai vivir os seus fitos máis destacados ao longo do ano. O 15 de Maio arredor de 250 persoas xúntanse en Ourense para despedir o poeta Celso Emilio Ferreiro que partía para a emigración, desenvolvendo o primeiro mitin celebrado no País após o golpe de estado de 1936, onde Ramón Otero Pedraio denuncia “o feudalismo eléctrico de Fenosa”. A mediados de Xuño faise público un manifesto asinado por 1.500 galegas e galegos no que se denuncia as consecuencias desastrosas da construción do encoro e o desastre económico que significaba para Galiza. O documento, recollido en boa parte da prensa galega e da emigración, estaba apoiado por representantes das diferentes esferas da vida social do País, sinalándose a presenza de diversas xeracións de nacionalistas. O 30 de Xuño, convocadas polas campás da igrexa parroquial, a veciñanza de Castrelo de Miño coñecedora da presenza de topógrafos militares na Casa do Concello acoden á mesma, procedendo posteriormente á queima dun barracón de obras da empresa. Un grupo de 7 veciñas e veciños serán detidos, sendo procesado 4 deles por sedición polo Tribunal de Orde Público, ficando finalmente absoltos tras a defensa de Amádeo Varela, antigo militante do Partido Galeguista e na altura afiliado á UPG. 

A decisión de FENOSA, beneficiada polo franquismo coa concesión da explotación integral do Río Miño, de construír  un encoro no val de Castrelo, atópase cunha forte oposición popular que vai vivir os seus fitos máis destacados ao longo do ano

O 25 de Xullo, coincidindo co Día da Patria Galega, a Unión do Povo Galego decide convocar a unha parte da súa militancia a unha xuntanza no merendeiro da Rocha, precisamente no mesmo local onde 2 anos antes se formalizará a súa constitución. Segundo testemuña Luís Soto nas súas memorias,  ao encontro asistirán Xosé Luís Méndez Ferrín, Luís Soto, María Xosé Queizán, Bautista Álvarez, Raimundo Patiño, Luís González Blasco, Encarnación Otero, Amadeo Varela, Xosé Antonio Arxona, un estudante de Lugo ( que viña a ser Arturo Reguera), e unha rapaza de Madrid, (neste caso Natalia Escrig Rei). O decisivo papel que  a UPG estaba a xogar na orientación e no apoio á loita das xentes de Castrelo de Miño así como a penetración en novos sectores sociais,  sitúana no punto de mira das forzas represivas do réxime que comezan a rastrexar e facer seguimento da mesma, como testemuñan os propios documentos  policiais do momento. A reunión desenvòlvese xa coa presenza de axentes de seguridade, na zona da Rocha, apostándose na súa contorna diversos vehículos da policía, entre os que destacaba a presenza dos “Citroen Tiburón”, vehículos que adoitaban a utilizar os membros da Brigada Político Social.

Unha vez rematada a xuntanza, comeza a executarse o dispositivo represivo contra a militancia nacionalista. Bautista Álvarez, Amadeo Varelo e Luís Soto que se dirixían a Castrelo de Miño a manter unha xuntanza cos labregos son interceptados pola policía e vense imposibilitados de chegar á zona. O primeiro no Castiñeiriño, o segundo en Ourense, sendo o seu despacho rexistrado ao día seguinte e obrigado a prestar declaración e o terceiro en Lalín. Luís Soto, fundador da UPG e exiliado en México, que viaxaba con pasaporte deste País, é detido o 26 de Xullo na Coruña, trasladado á comisaría, remata por ser expulsado do Estado Español ao que non pode regresar até dous anos despois. Na mesma cidade é detido o pintor Raimundo Patiño, en Vigo Natalia Escrig, cuxa casa paterna é rexistrada e en Lugo Arturo Reguera e Luís González Blasco. Os interrogatorios das forzas de seguridade, na totalidade dos casos, buscan información sobre as actividades e a organización da Unión do Povo Galego así como do nacente tecido cultural que estaba a levar adiante unha acción galeguizadora. A enxurrada represiva mobiliza a unha parte da opinión nacionalista, sinalándose a posición de Ramón Otero Pedraio e Valentín Paz Andrade que a máis de ofrecer a súa solidariedade póñense a disposición da nova organización para facer xestións diante das autoridades.

Bautista Álvarez, Amadeo Varelo e Luís Soto que se dirixían a Castrelo de Miño a manter unha xuntanza cos labregos son interceptados pola policía e vense imposibilitados de chegar á zona

Era 1966 e o nacionalismo volvía as cadeas franquistas. A Unión do Povo Galego, a organización política que naceu para darlle continuidade á loita das Irmandades da Fala e do Partido Galeguista e levar a práctica o pensamento de Daniel Castelao, sufría o primeiro golpe do aparello represivo franquista. Esta caída só sería unha das moitas que tivo que enfrontar ao longo da ditadura. Ao pouco, falamos de decembro 1967, varios militantes serán detidos en diversas localidades galegas por repartir propaganda,  clandestina, rematando 4 deles diante do TOP. Outro tanto acontecería en 1969, coincidindo co estado de excepción, que remataría coa detención e o desterro de diversos afiliados e afiliadas en Galiza e Madrid. E así, a seguir en 1972, folgas obreiras en Ferrol e Vigo, 1973, desmantelamento do aparello de propaganda no Morrazo e Vigo, 1974, detencións arredor do 1º de Maio e do Día da Patria Galega, 1975, caída de Agosto, asasinato de Moncho Reboiras, cadea e máis exilio, como o de Portugal ou Franza. E tamén en 1976 e 1977 e máis, a democracia nunca chegou a Galiza.
 

Comentarios