Hai 40 anos, en Balaídos

4 de decembro de 1977: o día en que a Nación de Breogán retornou aos estadios

O 4 de decembro de 1977, aínda aberta a coitelada de catro décadas de ditadura, os xogadores do Celta saltaban ao campo de Balaídos portando unha gran bandeira galega confeccionada para a ocasión nunha factoría de pantalóns. Ao tempo, soaba por megafonía Os Pinos, descoñecido para gran parte dos presentes. A primeira vez desde a II República que a simboloxía nacional regresaba a un estadio de fútbol. E facíao pola porta grande.

 

Celta bandeira balaídos Imaxe de Celta Historia
photo_camera Unha aliñación do Celta coa bandeira en Balaídos. Imaxe de Celta Historia

Aquela tarde de domingo o Celta recibía o Granada en Balaídos. Os celestes batallaban polo ascenso a Primeira división e o partido contra os granadinos presentábase como unha cita chave. Era 4 de decembro de 1977 e pola mañá ducias de miles de persoas manifestáranse en Vigo na defensa do autogoberno e da autonomía para Galiza. Por volta de 300.000 manifestantes, segundo calculaba a prensa da época. Horas despois da marcha e a reivindicación política na rúa a cita do día na cidade era co fútbol, elemento que durante décadas se utilizara como opio, construído na ditadura como espazo refractario a todo o que fose reivindicación. Mais aquela non foi unha tarde de fútbol normal, para sorpresa de moitos.

“Foi algo que sorprendeu a todo o mundo. Unha cousa son as manifestacións e outra o que pasou en Balaídos, foi un fito”.

“Queriamos que ese 4 de decembro a reivindicación do autogoberno de Galiza non se limitase a unha manifestación, senón que se sentise durante toda a xornada”. María Luz García Docampo era unha das integrantes da plataforma organizadora da xigantesca mobilización que tivo lugar en Vigo e, canda o xornalista Suso Cano, a encargada de falar co Celta para que en Balaídos se plasmasen tamén as arelas de autogoberno do pobo galego.

A bandeira e o Himno

Minutos antes de comezar o encontro, os xogadores do Celta saltan ao campo portando unha gran bandeira galega. A primeira vez, após o golpe de 1936, que a enseña nacional centraba o protagonismo nun gran recinto deportivo. “A bandeira fíxose nunha factoría do Porriño grazas a Manolo Soto [futuro alcalde de Vigo], que tiña contactos alí. Pagouna o Celta porque foi moi cara, nós non podiamos asumir o custo”, lembra Docampo.

Houbo pois complicidade do club coa proposta feita desde a plataforma? “Na xuntanza que tivemos con eles nun principio mostráronse sorprendidos. Nunca tal se fixera. Mais axiña se involucraron. De feito, insistiron en que a bandeira galega tiña que ser ben grande,  para que se vise claramente desde calquera lugar do estadio”.

“O tema de conversa o luns era que os do Celta saíran ao campo coa bandeira galega”

Os xogadores avanzaron até o centro do campo portando a bandeira branquiazul, momento no que por megafonía se anunciou que se ía interpretar o Himno Galego. “Hai que poñerse naqueles anos, aínda estabamos en semi-democracia e con 40 anos de ditadura nas costas: moita xente non sabía o Himno”, explica. Houbo rostros de sorpresa, de estrañeza e tamén de fonda emoción, houbo quen era a primeira vez que o escoitaba e quen o cantou a viva voz. “A reacción da xente foi espectacular, aplaudindo, os xogadores  tamén, foi algo moi emocionante. O Himno Galego! Que soase así, nun estadio cheo de xente… foi algo incríbel ”.

O impacto non se limitou ao propio Balaídos, tamén nos barrios da contorna aos que polo ar chegaban os sons de Os Pinos había momentos máxicos. García Docampo lembra como un amigo seu que vivía nun piso en Fragoso tan pronto escoitou os primeiros acordes saíu correndo ao balcón, coa sorpresa a ocuparlle todo o rostro, procurando a orixe e o por que deses sons que el si que sabía que eran os do Himno.

No estadio tamén había presenza da dotación habitual das forzas de seguridade, apostadas en diferentes partes do campo. E como viviron eses momento? “Sorprendidos, creo, tamén expectantes ante o que podía pasar”, sinala.

Impacto

“Foi algo que sorprendeu a todo o mundo. Unha cousa son as manifestacións e outra o que pasou no estadio de fútbol, foi un fito, poñer o ramo a unha xornada histórica”, afirma, consciente do impacto do factor sorpresa.

Entre os máis sorprendidos cando comezou a sonar o Himno, a dotación policial que estaba destinada en Balaídos

“O Celta chegaba a sitios onde non chegabamos os que estabamos na allada”, recoñece. Naqueles anos non eran tantos que estaban na allada, expresión para se referir aos que estaban implicados politica e snidicalmente. “Eu traballaba nunha factoría en Coruxo e alí ao día seguinte ninguén falaba da manifestación agás dous ou tres que eran os máis politizados, o resto falaban de que os do Celta saíran coa bandeira galega ao campo, iso dá idea da transcendencia do acto”.

Semi-democracia

Un ano antes, o 5 de decembro de 1976, a ikurriña conquistara nun campo de fútbol a súa legalización de facto. Ese día, os xogadores da Real Sociedade e do Athletic de Bilbao saíran ao campo acompañando os seus capitáns, Kortabarría e Iribar, que portaban a Ikurriña, ilegal naquela altura.

Un ano despois de Atotxa, decembro de 1977, o escenario político e social variara. Xa decorreran as eleccións xerais de xuño, polo que oficialmente o franquismo dábase por morto. Mais como lembra García Docampo, “estabamos nunha semi-democracia”. Algo que se palpaba no propio ambiente, no día a día. A Plataforma que organizaba a mobilización do 4 de decembro polo autogoberno (“estabamos nela as organizacións da Táboa democrática”) tiña a súa sede na Rúa Colón, no que fora unha tenda, Ropal, cedida para a ocasión. “Tiñamos os escaparates cheos de convocatorias, cartaces, bandeiras galegas… e a xente que pasaba aínda o facía mirando de esguello, en parte con medo”.

Coda

O Celta gañou o partido contra o Granada (2-0) e ese tempada (1977/78) volveu ascender a Primeira División. O 4 de decembro de 1979, dous anos despois daquel partido, ducias de miles de galegos maniféstanse en diferentes vilas e cidades contra o ‘Estatuto da Aldraxe’, rexeitando un texto que recortaba e rebaixaba as aspiracións de Galiza. Un ano despois, 21 de decembro de 1980, aprobábase en referendo o Estatuto de Autonomía, cunha abstención de 72%.  Esa mesma tempada (1980/81), o Celta xogaba na Segunda División B.

Comentarios