A familia dun represaliado de Tui reclama o traslado dos seus restos do Val dos Caídos á Galiza

A familia de Domingo Páramos Núñez, asasinado polos falanxistas en 1936, pediu onte no pleno do Concello de Tui axuda para poder recuperar os restos de quen foi o "ferreiro de Caldelas" do Val dos Caídos. De implicarse, o concello sería o primeiro da Galiza en solicitar os restos.
Domingo Páramos Núñez (Foto: Cedida)
photo_camera Domingo Páramos Núñez (Foto: Cedida)

“O meu nome é Eva, son neta de dous homes honrados, traballadores, demócratas, empresarios e que sentían da clase obreira. Ambos os dous foron asasinados”. 

Así comezaba a intervención de Eva Páramos Viñas no pleno decorrido onte no Concello de Tui. No apartado de rogos e preguntas, Viñas expuña a historia destes dous tudenses: Gumersindo Rodríguez Costas e Domingo Páramos Núñez

Costas, avó de Viñas por parte de nai, era panadeiro e membro do sindicato xeral de traballadores da CNT, foi asasinado en xullo de 1936 “por unha bala que sabía anatomía e non quixo matar a un home bo, polo que morrería no hospital de Pontevedra, poida que envelenado; infelizmente a recuperación do seu cadáver semella imposíbel, temo que quizais estea debaixo dalgunha construción”, sinala Viñas en conversa con Nós Diario

Pola contra, sabe exactamente onde están os restos do seu avó paterno, no Val dos Caídos

Núñez, “o ferreiro de Caldelas” e quen fora edil tudense durante a República , foi “arrincado da súa casa unha mañá de setembro de 1936, levárono ao seminario de Tui, que converteran en cárcere e ‘seleccionárono’ para levalo ao Alto do Confurco”. Despois sería enterrado nunha fosa común en Mondariz. “Ao meu avó sentenciárono moito antes da guerra, denunciou unha partida de carne en mal estado que entraba en Tui para o consumo”, conta Viñas. 

Xa nos anos 60, a viúva de Núñez recibiu un comunicado da Xefatura do Estado onde se lle informaba que os restos do seu marido foron trasladados ao Val dos Caídos. Moitos anos despois, nos anos 90, a súa neta (Viñas) e outro familiar acudirían ao lugar para poder certificar a localización dese nicho onde está o ferreiro enterrado, “mais os gardas de Patrimonio non me deixaron entrar, simplemente dixeron que ‘non se podía pasar’”, explica.

Por todo isto, Eva Páramos pediu onte –en nome dos 68 familiares de Núñez–  ao pleno do Concello de Tui que “me axuden a encarrilar institucionalmente á petición de que me devolvan os restos de meu avó”, xa que “ninguén che di exactamente por onde tes que comezar”. 

Ao seu lado, é “como familiar adoptivo de Núñez”, segundo apunta en conversa telefónica con Nós Diario, Manuel Vázquez, membro da asociación tudense Levada Libre, tamén estivo presente nesta petición. 

Pola súa banda, o alcalde socialista de Tui, Enrique Cabaleiro, sinalou a este xornal que “tanto o grupo de Goberno o resto da corporación apoiamos sen ningún tipo de fisura que a familia poida recuperar o corpo deste veciño” e axudarán no que sexa preciso.

Deste xeito, dáse o primeiro paso no camiño para que Domingo Páramos Núñez poida descansar no cemiterio "que lle corresponde e que el mesmo construíu coas súas propias mans", apunta a súa neta, o de Caldelas de Tui.

Comentarios