O complexo militar-clerical na maquinaria da represión

Deus como pretexto: Así foi o papel da Igrexa na represión

A igrexa oficial non foi neutral diante do golpe militar franquista, participa activamente na súa preparación, financiamento e xustificación, e ademais é unha ferramenta fundamental da represión. Se ben isto é así de xeito xeneralizado compre modular e matizar por territorios, por ordes relixiosas e mesmo por casos particulares de xeito que a intensidade na que se aplica o castigo divino contra os disidentes deberan ser analizadas en detalle. Aquí só nos podemos limitar a apuntar trazos xerais e pór algúns exemplos de mostra.
Crego con militares fascistas polo centro de Vilagarcía nos primeiros días do golpe militar de 1936. (Foto: Arquivo O Faiado da Memoria)
photo_camera Crego con militares fascistas polo centro de Vilagarcía nos primeiros días do golpe militar de 1936. (Foto: Arquivo O Faiado da Memoria)

O arcebispo Muniz

Hai tamén multitude de relixiosos que empatizaban coa súa veciñanza e se poñían ao seu carón mais os bispados, a Falanxe e as propias autoridades militares interviron para neutralizalos. No caso da diocese de Santiago de Compostela, co arcebispo onubense Tomás Muniz de Pablos á cabeza, a presión era enorme sobre os sacerdotes para que prestaran o apoio necesario nos masacres. E sobre todo, para evitar que testemuñaran a favor dos perseguidos.

Lémbrese as instrucións a ese respecto do arcebispo que emitiu o 8 de setembro de 1936 e que comeza dicindo “se han acercado a esta curia eclesiástica varias personas escandalizadas de la facilidad con que algunos parrocos extienden certificados de catolicismo y religión a favor de funcionarios que estuvieron afiliados al comunismo u otras entidades marxistas”, ou a do 11 de novembro na que dá conta da petición que lle fan para que “reprimamos a las actividades de algunos párrocos y sacerdotes que bajo el pretesto de hacer favores andan de acá para allá recomendando o pidiendo recomendaciones”... “actividades siempre reprobables y hoy sumamente peligrosas” advertindo que o prelado non vai facer nada para evitar que os cregos insubmisos sexan punidos senón que, pola contra, el mesmo tamén os sancionará.

O que se evidencia aquí é a desobediencia nalgúns casos dunhas ordes expresas a prol de colaborar no xenocidio. Envíaselle un formulario ás parroquias para esixirlles un inventario de “agravios” para poñer a disposición do novo réxime listaxes negras que servirían para orientar os labores coercitivos das bandas paramilitares existentes así como para os procesos militares en marcha. O curioso da linguaxe da máxima autoridade relixiosa na Galiza que asinaba estas ordes é que apelaba ao apoliticismo para pedir a obediencia ao fascismo, apoliticismo que non vía contraditorio con el ser membro do Consello Nacional do Movemento e procurador en Cortes de 1943 a 1946.

Baixando máis ao concreto, por pór un caso dunha comarca desta diocese compostelá, a de Tabeirós-Terra de Montes, imos profundar un pouco máis no xa abordado en colaboracións anteriores dedicadas a ese territorio e nas que xa se da conta da compenetración entre as milicias falanxistas e a igrexa citando o caso de Aquilino López Picón, crego da Madanela (Forcarei) e militante falanxista.

No imaxinario dos máis vellos de Soutelo queda a imaxe de Aquilino co seu látego ao cinto e abusando das mulleres do lugar. Pero é a documentación da causa instruída por Bouza Brey contra a cúpula da Falanxe a finais do 36 -aproveitando as liortas internas- a que nos fornece dos datos precisos do funcionamento desta trama mafiosa.  Esta causa 8/37 contra Bao Lagares achéganos por exemplo a confesión deste lembrando a implicación dos cregos na recadación de tributos de sangue. Aquí topamos acreditada a participación do ecónomo de Tabeirós Manuel López Costa na toma desta decisión que logo se encubriría como caritativa: “era preferible a pasear a las personas y dejarlas muertas en las cunetas”, como literalmente di o crego de Quireza dando conta da visita de falanxistas co sacerdote López Costa á cabeza para persuadilo da posta en marcha da maquinaria impositiva. Insistíndolle logo Aquilino en que “los curas debían facilitar relación de los individuos de cada una de las parroquias”, diante do que rematou por facer dita listaxe, cedendo ás súas presións.

Cando se destapa esta engrenaxe corrupta de lucrarse a conta de pór prezo á salvación, o que Dionisio Pereira dou en chamar o “imperio da roubacha”, sexa polas vidas perdoadas, sexa polo diñeiro raspiñado, son detidos moitos dos implicados. Entre eles Aquilino López Picón, quen tivera acochado na súa reitoral ao propio paseador Ramón Bao Lagares en busca e captura polos roubos. Compre dicir que el, xunto con outros encausados, deciden ir ao fronte por ver de librarse das acusacións de delincuentes comúns que recaía sobre eles, e incorpórase como capitán á 2ª Bandeira da F.E.T. en Guadalajara.

Con todo, a pesares do seu breve paso polo cárcere e por ter probada a súa participación na banda de atracadores na que rematou por converterse aquela primeira camada de dirixentes falanxistas, non veu manchada a súa carreira como crego (rematará ao fronte da parroquia de Santa Cristina de Cobres en Vilaboa), nin como falanxista, ostentando diversos cargos sindicais e políticos.

Gostarías de proseguir coa lectura? Este capítulo de 'Os nomes do terror' agarda por ti no Nós Diario de hoxe, que atoparás nos quiosques, librarías e para a súa lectura na nube desde a nosa tenda online. Se aínda non es subscritora ou subscritor, a que estás agardando?

Comentarios