Desmontando a pegada franquista

O BNG vén de presentar unha demanda ante o Consello de Dereitos Humanos das Nacións Unidas para que investigue o Estado español pola existencia de fundacións ligadas á ditadura franquista. Dedicadas a históricos personaxes do fascismo ibérico, estas son as sete que contan na demanda redactada pola portavoz nacionalista en Europa, Ana Miranda, e o historiador Carlos Babío. Eis un extracto da información publicada ao respecto no número 361 do semanario en papel Sermos Galiza.
f1_2-3_TemaPrimeira
photo_camera [Imaxe: Cedida] Detalle do Pazo de Meirás.

m1_2-3_TemaPrimeira“En la presente hora de eclipse total de nuestra patria, que no deja de ser el resultado –profetizado por D. Blas– del proceso histórico comúnmente denominado Transición española […] la Fundación Blas Piñar quiere poner a disposición de todos los españoles […] el patrimonio intelectual y moral de Blas Piñar […] en la esperanza de que sea garantía de un nuevo renacer de España Una, Grande y Libre”. Promover “o pensamento e obra” do primeiro parlamentario da extrema dereita despois da restauración democrática do 78 “inspirada nos ideais de Deus, Patria e Xustiza” é o obxectivo confeso da institución, con sede en Madrid. A Fundación Blas Piñar atópase entre as sete denunciadas polo BNG ante o Consello de Dereitos Humanos das Nacións Unidas e o seu Exame Periódico Universal, que máis ou menos cada cinco anos revisa a materia nos Estados membros.

As fundacións ultras españolas están directamente relacionadas co franquismo. A máis coñecida é, xustamente, a Francisco Franco, multisubvencionada polo Estado español e orientada a “difundir e promover o estudo e coñecemento sobre a vida, o pensamento, o legado e a obra de Francisco Franco Bahamonde na súa dimensión humana, militar e política”. Como nos demais casos, herdeiros familiares pero tamén ideolóxicos encárganse da xestión. “Non todas as fundacións teñen a mesma repercusión pero si os mesmos obxectivos: facer apoloxía do franquismo e dos franquistas e do período que vai de 1939 a 1975”, explica a este semanario o historiador Carlos Babío, redactor da demanda xunto á portavoz do Bloque en Europa, Ana Miranda.

Entre as de máis actividade pública está a Fundación José Antonio. Constituída en 1996, o seu manifesto expón, na caracteristicamente recargada prosa de inspiración falanxista, a súa “vocación”: “A Fundación José Antonio é un ideal de fe, un proxecto de talento, ou non será. […] Así se lexitima a acción cultural, a construción da res pública, a dialéctica vigorosa entre a persoa e a súa cultura”. Edita unha gaceta mensual en liña cuxo último número dispoñíbel, correspondente a este mes de agosto, inclúe artigos como “José Antonio, foi de dereitas?”, a”A tese de doutoramento de Gustavo Bueno”, “Para valados, os vaticanos ou Falanxismos fronte a anarquismos”. Finalmente difunde a obra teórica de José Antonio Primo de Rivera y Sáenz de Heredia, fundador de Falange en 1933 e, dalgún xeito, da versión española do fascismo histórico.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 361 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios