Descuberto un lagar rupestre entre Ourense, Amoeiro e Punxín

A Asociación para a Defensa do Patrimonio Galego informa do achado dun lagar rupestre na Golpilleira, entre os concellos de Ourense, Amoeiro e Punxín.
prensa rupestre da Golpilleira (A Asociación para a Defensa  do Patrimonio  Galego)
photo_camera Lagar rupestre da Golpilleira

Trátase dun  lagar que conserva a laxa granítica aplanada dunhas dimensións de 5x5 metros, ademais duns estipites rectangulares para sustentar a prensa e un oco central para recoller as decantacións das filtracións da cuba.

Á beira da laxa atópase un marco composto por unha cruz e tres iniciais coas letras ' P' de Punxín, 'A' de Amoeiro e ' C' de Canedo, que pertence na actualidade ao Concello de Ourense.

O descubrimento, posto en coñecemento do departamento de Patrimonio da Xunta, foi localizado por Javier Torres grazas ás indicacións de Moncho Somoza, veciño da zona

A Asociación para a Defensa do Patrimonio Galego sinala que é difícil datar a peza sen contar cunha intervención arqueolóxica, aínda que a maior parte deste tipo de prensas proceden da Alta Idade Media, aínda que hai outros da baixa romanidade e etapas posteriores.

En canto ao marco, a tipoloxía gráfica permite situalo entre 1836 e 1943, data na que se anexiona Canedo a Ourense, indica a asociación, que salienta a relevancia do achádego.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios