A memoria incómoda dunha publicación

Os desaparecidos da revista 'Nós' demandan xustiza

Fican moitas achegas por facer á revista 'Nós'. Unha delas leva a percorrer as cunetas e as fosas da Galiza en busca dos seus colaboradores asasinados pola barbarie fascista. Eis unha parte da memoria incómoda do colectivo da Xeración do 16.

Esta sexta feira, 30 de outubro, cando se fan os cen anos da publicación de 'Nós. Boletín mensual da cultura', acompañará Nós Diario unha edición facsímile do primeiro número completo, coas súas 30 páxinas, e mais cun debuxo a cor de Castelao.

mártires Nós
photo_camera Arturo Noguerol, Camilo Díaz Baliño e Roberto Blanco Torres.

A revista Nós é outra iniciativa do nacionalismo fanada polo fascismo. A súa desaparición definitiva non se pode desligar do golpe de Estado de 1936, prohibindo as autoridades do réxime dirixido por Francisco Franco a distribución do seu último número. O acontecido cos exemplares deste, depositados na imprenta de Ánxel Casal en Santiago de Compostela e destruídos e queimados polos fascistas, adianta o final de moitos dos seus colaboradores no marco do proxecto galegófobo da ditadura.

Xosé Ramón e Fernández-Oxea, Ben-Cho-Shey, durante o franquismo memoria da publicación, é o primeiro en reparar na represión que sufriu a revista. Nunha nota recollida na súa colección particular de Nós, depositada no Museo Provincial de Ourense, apuntou o nome dalgúns dos colaboradores da mesma asasinados polo franquismo, omitindo a relación doutras persoas ligadas ao proxecto represaliadas pola ditadura. Neste apuntamento non aparece, logo, o director artístico de Nós, Daniel Castelao, morto no exilio en Bos Aires; un fixo nas súas páxinas como Ramón Otero Pedraio, expulsado durante anos do seu posto de traballo e sometido a sanción económica, nin Florentino López Cuevillas, condenado canda o núcleo dirixente do nacionalismo ourensán polo Tribunal de Responsabilidades Políticas. 

Arturo Noguerol, xerente de Nós

A revista Nós non se explica sen o papel de Arturo Noguerol Buxán. Militante das Irmandades da Fala desde 1917, asinante do Manifesto Nacionalista de Lugo e dirixente da Irmandade Nacionalista Galega (ING) aparece como xerente da publicación desde a súa fundación, sendo sinalado como o auténtico arquitecto económico da revista. O seu labor na mesma é destacado no Libro dos Amigos por Otero Pedraio, quen sinala, “foi no galeguismo o arbitrista, o financeiro, o home de trazas e recursos precisos para sacar adiante unhas eleccións, a edición de un libro”. Separado de Ourense por razóns profesionais e residindo en Ferrol como secretario no Concello de Serantes, detivérono após o golpe de Estado de 1936, sendo asasinado o 12 de setembro de 1936.

A represión franquista cebouse co groso dos impulsores e boa parte dos colaboradores da revista Nós

Ánxel Casal toma o relevo de Noguerol na segunda etapa da publicación, aparecendo como administrador da revista desde 1927. Após un parón imposto a consecuencia da delicada situación económica e tamén da ditadura de Primo de Rivera, Casal retoma a edición da revista no seu obradoiro da Coruña en 1925, continuando o seu labor cando traslada a imprenta a Compostela á volta de 1931. Casal non só se limita á tarefa de impresor senón que xestiona a publicidade, capta fondos e asinantes para garantir a súa continuidade e distribúe o produto por toda a Galiza. Militante nacionalista de primeira hora, afiliado das Irmandades da Fala e do Partido Galeguista, alcalde de Compostela en xullo de 1936, foi executado polos fascistas o 19 de agosto de 1936.

Roberto Blanco Torres está presente en Nós desde os primeiros números. Escritor e xornalista de profesión, comezou a súa colaboración coa prensa escrita nos anos de emigrante en Cuba, traballando na redacción de diversos periódicos galegos como La Zarpa de Ourense, Galicia ou El Pueblo Gallego de Vigo e El País de Pontevedra e formando nas filas do nacionalismo desde 1917. Dirixente das Irmandades da Fala e da Irmandade Nacionalista Galega non participou do Partido Galeguista, malia considerar que os “seus postulados son os máis eficaces para facer dunha multitude un pobo e insuflarlle a súa alma ou espertarlla”. Detido o 22 de xullo de 1936 en Amido, no concello da Peroxa, onde pasa unhas vacacións na casa familiar da súa parella, é conducido ao cárcere de Ourense e posteriormente á prisión de Celanova, sendo asasinado o 3 de outubro de 1936 no concello de Entrimo.

Díaz Baliño, a imaxe gráfica de Nós

Os deseños de Camilo Díaz Baliño ocupan un lugar de relevo na coidada imaxe gráfica de Nós. Delineante da Deputación da Coruña e a partir de 1926 do concello de Compostela, escenógrafo de múltiples proxectos artísticos e deseñador de primeira orde, fai parte do núcleo fundacional da Irmandade da Fala da de Ferrol pero tamén da súa agrupación coruñesa e compostelá. Impulsor do Partido Galeguista e membro daquela vella garda nacionalista que constitúe a medular do movemento no período anterior a 1936, execútano os fascistas canda ao rianxeiro Sixto Aguirre o 14 de agosto de 1936, no lugar de Saa en Palas de Rei.

Nós funciona como unha sorte de intelectual colectivo da Xeración do 16

A revista Nós ten a virtualidade de incorporar ás súas páxinas diversas fornadas do nacionalismo de preguerra. Xosé Francisco Gómez de la Cueva, coñecido polo pseudónimo literario de Johan Carballeira, é un dos grandes valores das letras galegas e do xornalismo da segunda xeración nacionalista, aquela que se incorpora á vida política e social do país na segunda metade da década dos 20. Significado dirixente do Partido Galeguista e alcalde Bueu en xullo de 1936, participa na resistencia ao golpe de Estado, sendo detido o 15 de setembro. Recluído no edifico da Escola Normal de Pontevedra e confinado no campo de concentración de San Simón, foi fusilado en Monte Porreiro o 17 de abril de 1937.

Isaac Forneiro Barandela fixo parte da mesma xeración que Johan Carballeira. Nado en Ourense en 1897, estudou maxisterio nesta cidade e baixo a influencia do seu profesor, Vicente Risco, entrou a militar no nacionalismo, ocupando diversas responsabilidades orgánicas. Apoderado da sucursal do Banco Pastor de Cedeira, colaborou no número 108 de Nós, de 15 de decembro de 1932, cunha escolma de cantigas populares desta localidade, tendo elaborado un traballo finalmente inédito sobre a tradición popular do Santo André de Teixido. Máximo responsábel do Partido Galeguista en Cedeira, participou na organización da resistencia ao golpe militar, deténdoo o 2 de agosto 1936 e fusilándoo o 18 de decembro dese mesmo ano no Castelo de San Felipe en Ferrol. 

A verdade do Pinguiña

Amadeo López Bello é outro produto da fábrica de nacionalistas da Escola Normal de Ourense. Significado dirixente da Asociación de Traballadores do Ensino de Ourense (ATEO), representante do colectivo en diversos congresos internacionais e detido pola súa participación na folga revolucionaria de 1934, foi mestre en diversas comarcas ourensás até que foi destinado con carácter definitivo a Carballeda de Avia. A revista Nós recolleu os traballos da súa autoría de investigación etnográfica A pantasma castigada ou Sucedido por lobos, servindo a súa figura de inspiración a Celso Emilio Ferreiro para un dos personaxes d´A Taberna do Galo, “O Pinguiña”, descrito como “un escolante que era moi curioso das cousas do pobo, cantigas, lendas, refráns, alcumes e outros divertimentos”. Lopez Bello foi asasinado o 29 de agosto de 1936 no Monte do Furriolo, no concello de Verea canda Xulio González Álvarez e Silvio Torres Díaz.

Modesto López Teixeiro, nacionalista e marxista como López Bello, achegou a Nós diversos traballos no ámbito da antropoloxía. O seu primeiro artigo, Investigacións etno-morfolóxicas antre a poboación do Ribeiro de Avia, apareceu editado en maio de 1933 e nel recolle o discurso de ingreso no Seminario de Estudos Galegos, publicando o segundo no número 139-144 de 1935 baixo o título A raza euroafricana, onde cuestiona diversas posicións doutrinais no ámbito antropolóxico, advertindo dos riscos dos usos políticos das razas, con referencia expresa aos fascismos. Ao carón do seu labor como investigador, desenvolveu unha importante actividade como militante da Irmandade Galeguista, como directivo do Ateneo de Ourense presidido por Otero Pedraio e como cadro do sindicato bancario da UXT. Foi paseado o 27 de setembro de 1937, após permanecer detido durante meses no cárcere de Ourense, sendo publicado con carácter póstumo un artigo da súa autoría en 1965 na revista Vieiros.

Manuel Fuentes Canal, compañeiro de López Teixeiro na sucursal ourensá do Banco Hispano Americano e na dirección do sindicato bancario da UXT, foi o máis vello dos irmáns mártires Fuentes Canal. Feito politicamente no nacionalismo sen concesións da década dos 20, no período republicano achegouse ao marxismo de obediencia española sen abandonar os seus compromisos culturais galegos. O seu labor como investigador fica testado nas páxinas da revista Nós, onde deixou unha transcrición das cantigas de Nuno Eanes Cerzeo en 1923, un traballo sobre as vías romanas en colaboración co cronista de Tui, Manuel Fernández Costas en 1926, e unha investigación sobre a igrexa de Santa María de Mixós en Monterrei en parcería con Fermín Bouza-Brei e Xosé Ramón e Fernández-Oxea, Ben-Cho-Shey, en 1928. Fuentes Canal foi asasinado co seu irmán Emilio en Celanova o 16 agosto de 1936.

O centenario da revista Nós debe posibilitar un mellor coñecemento da publicación e vai dar novos argumentos para incomodar o poder. O mesmo poder que vai prohibir á volta de 1936 pola súa función como unha sorte de intelectual orgánico da Xeración de 1916, aquela que nace para espallar a idea da Galiza como nación pero tamén o poder actual, confesional co modelo de organización do Estado que a publicación e os seus promotores enfrontan até as últimas consecuencias. Mentres tanto, busquemos as xentes de Nós nas fosas e cunetas da nosa xeografía, nos diversos destinos do exilio galego, nas actas dos consellos de guerra ou nos arquivos que gardan testemuño das sancións económicas e administrativas.

Comentarios