Nós Diario distribúe, o vindeiro día 31, un facsímile do número desaparecido

O derradeiro número da revista Nós, que o fascismo quixo destruír, recuperado

O derradeiro número de Nós -talvez o maior proxecto de modernización da cultura galega do século XX- non puido ser distribuído entre o público. A barbarie fascista queimou o traballo e asasinou o editor. Oitenta e seis anos máis tarde, porén, Nós Diario recupera aquela publicación con vocación de "rectificar a historia".
É a primeira vez que o público ten acceso a este número de Nós. (Foto: Nós Diario)
photo_camera É a primeira vez que o público ten acceso a este número de Nós. (Foto: Nós Diario)

Un traballo sobre a nova poesía galega, con Manoel Antonio ao fondo; achegas a un dicionario de artistas da Galiza dos séculos XVI ao XIX; un ensaio sobre “Esprito político e forma cultural da nova Galicia” de Fernández del Riego; o primeiro capítulo dunha novela titulada O sorrir de Daniel, de Otero Pedraio; poemas de Aquilino Iglesia Alvariño, Outeiro Espasandín ou Gonzalo López Abente; un artigo sobre o santo Graal de Vicente Risco; unha peza teatral de Álvaro das Casas... Todo iso e moito máis foi o que non viu a luz, o que contiñan as páxinas do último número da revista Nós que non chegarían a ser lidas polo público. 

Os exemplares do que ía converterse no derradeiro número da publicación cultural das Irmandades da Fala, unha revista que traía as ideas e os estándares editoriais europeos á Galiza, estaban, no verán de 1936, impresos e almacenados na imprenta de Ánxel Casal, agardando o momento de ser distribuídos. 

A Asociación de Escritores de Galiza, constituída en marzo de 1936 no salón de sesións da casa do Concello de Compostela e con sede provisional na imprenta Nós, decidira dedicarlle este número a Ánxel Casal, cuxo labor como impresor e libreiro resulta fundamental  para explicar a difusión do ideario galeguista naquela altura. Da súa imprenta saían tamén os exemplares de A Nosa Terra, lembrada neste derradeiro número de Nós por Víctor Casas, que celebra os vinte anos da súa saída como órgano das Irmandades.

Casal, ademais, colaboraba habitualmente con outras iniciativas republicanas e sindicalistas que lle fixeron gañar o respecto e o recoñecemento de todas as forzas progresistas do momento.  

Mais non puido ser. Chegou o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 e con el, a barbarie. Unha manchea de fascistas entraron no local de Casal, daquela alcalde de Santiago, e queimaron todo o que estaba dentro. O último número de Nós nunca chegaría ás mans do seu público. 

Ánxel Casal foi detido e asasinado en agosto de 1936. Desaparecían ao tempo a revista e o seu editor. Chegaba ao seu fin un dos proxectos máis emblemáticos do galeguismo, o que tiña como obxectivo a modernización e europeización da cultura galega. 

Non obstante, polo menos dous dos exemplares daquel número lograron salvarse: un que o cóengo Xesús Carro -que tamén conseguiu salvar parte dos fondos do Seminario de Estudos Galegos- lograra recuperar da imprenta antes de que fose espoliada e que acabou en mans do xornalista, escritor e investigador Xosé Ramón Fernández Oxea, “Ben Cho Shey”. Outro que, non sabemos como, chegou ao arquivo de Eleuterio González Salgado, xornalista e membro das Irmandades da Fala e do Partido Galeguista; “o noso Leuter” como adoitaba referirse a el Otero Pedraio.

Rectificar a Historia

Nós Diario ofrecerá como agasallo, o vindeiro 31 de decembro, un facsímile deste número que nunca vira a luz e que agora poderá ser lido por todos os galegos e galegas grazas á xenerosidade de Xosé Lois Carrión, neto de González Salgado e depositario dun deses dous únicos exemplares conservados. 

Xoán Costa, conselleiro delegado de Sermos Galiza S.A., incide na vocación de “rectificar a Historia, recuperando a expresión de Carvalho Calero, porque a historia debe ser rectificada para podermos coñecer o que sucedeu realmente e para poder ofrecer unha visión acaída do que significou a revista Nós no seu tempo. Moitos dos artigos que aparecen neste número tratan temas que aínda hoxe son actualidade e que non foron superados nos seu contido polas investigacións máis recentes”. 

“Nós supuxo a superación de todas as limitacións que se lle impuñan á cultura galega naquela altura”, continúa Costa. “A revista inauguraba unha nova forma de ollar a Galiza, pondo o país no centro sen pecharse a ningunha das correntes de fóra que puidese contribuír ao seu avance. Coa recuperación, oitenta e seis anos despois, deste número até o de agora inédito, Nós Diario quere recoller simbolicamente aquel legado e erixirse en herdeiro da súa misión: inaugurar un novo ollar sobre a Galiza do século XXI, unha nova mirada sobre o seu futuro”. 

Unha cultura propia, en sintonía con Europa, para participar da modernidade

Nós nace o 30 de outubro de 1920, o día en que sae do prelo en Ourense Nós, Boletín mensual da cultura galega. Foron Vicente Risco, Castelao, Ramón Cabanillas e Antón Lousada Diéguez os que, uns meses antes, imaxinaran a publicación dunha revista monolingüe sobre cultura galega. O nome, idea de Castelao, provén da páxina que, desde dous anos antes, viña publicando o xornal coruñés El Noroeste, con cabeceira debuxada por Castelao.

A partir de aquel número -e pasando por varias épocas nas que se editaría, sucesivamente, en Pontevedra, A Coruña e, finalmente, en Santiago- a revista ilustra o empeño por crear unha cultura propia que estea en liña co resto das culturas europeas, e que participase no debate sobre a modernidade cos argumentos  característicos do noso pobo. 

Comentarios