A Deputación de Pontevedra tamén honrará os seus cargos represaliados

O pasado xullo foi a Deputación da Coruña quen o fixo e agora é a de Pontevedra quen acomete esta débeda histórica. 

osorio_tafall_representante_ONU
photo_camera Bibiano Fernández Osorio-Tafall, presidente da Deputación de Pontevedra en 1931 e logo exiliado en México, onde foi alto funcionario da ONU [Imaxe: Culturagalega.org]

Será este sábado 12 de novembro no Pazo provincial, nun acto no que participarán familiares das vítimas, asociacións de Memoria Histórica e representantes dos concellos da provincia. Colocarase unha placa en referencia ao papel dos edificios provinciais durante a represión, lembrando que o Edificio Administrativo foi cárcere e que no Pazo Provincial se celebraban os consellos de guerra, e homenaxearase a dous funcionarios e a cinco presidentes represaliados.

"Para respectar hai que lembrar, e para reparar hai que coñecer" afirmou o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, durante a presentación do acto institucional de Reparación da Memoria Histórica que se celebrará o vindeiro sábado no Pazo provincial, coincidindo co día exacto do 80 aniversario do fusilamento en Campañó de dous presidentes e un membro da comisión xestora da Deputación de Pontevedra -12 de novembro de 1936-. 

O acto terá lugar o sábado 12 de novembro, día exacto do 80 aniversario do fusilamento en Campañó de dous presidentes e un membro da comisión xestora da Deputación de Pontevedra 

No mesmo día tamén se honrarán tres presidentes máis e o asesor xurídico que tamén sufriron represión por defender as súas posicións democráticas. Leal fixo fincapé en que "se trata dun acto de reparación e de xustiza para coas persoas desta institución que padeceron a barbarie do fascismo, que foron represaliados, xulgados, encarcerados, torturados, e mesmo asasinados". Os cinco presidentes que se honrarán no acto son Bibiano Fernández Osorio-Tafall, Amancio Caamaño Cimadevila, Joaquín Maquieira Fernández, José Adrio Barreiro, e Maximilano Pérez Pego. Os dous funcionarios son Ramiro Paz Carbajal, membro da comisión xestora, e José García Vidal, asesor xurídico. 

Na presentación, Xosé Leal estivo acompañado por familiares de dúas das vítimas: José Luis Adrio, fillo de José Adrio, e Cubana Fernández, neta de José García Vidal. "A importancia deste tipo de actos non radica só en que sexa un acto de xustiza para coas vítimas, senón en que a Memoria perviva, e que a transmisión que fan os familiares directos continúe nas persoas novas que coñecen a súa historia a través destes actos, para que as xeracións máis novas saiban todo o acontecido en 1936" sinalou o deputado. 

O acto institucional comezará, ás 12:30, coa colocación dunha placa no xardín da Deputación en referencia ao papel que os dous edificios provinciais xogaron durante a represión: o actual Edificio Administrativo foi convertido en cárcere e no Salón de Plenos do Pazo provincial celebrábanse os consellos de guerra contra as persoas represaliadas. Leal definiu a colocación desta placa como "un recordatorio da historia negra que tivo este entorno durante esa época, e na memoria de todas as persoas xulgadas, encarceradas e torturadas nestes dous edificios".

Un dos homenaxeados, Bibiano Osorio-Tafall, exiliouse en México, onde chegou a ser alto cargo da ONU. Logo, na Transición, rexeitou ser presidente da Xunta preautonómica

Posteriormente, no Salón de Plenos desenvolverase un acto de homenaxe no que estarán presentes descendentes das vítimas, representantes dos concellos de toda a provincia, e asociacións de Memoria Histórica. Neste acto intervirá Begoña Caamaño -neta de Amancio Caamaño- no nome dos familiares das vítimas, e a xornalista e escritora Montse Fajardo que fará unha semblanza do que foi a represión na Deputación. "Queremos que o acto inclúa non só aos cargos políticos como cabezas visibles, senón tamén ao funcionariado e aos traballadores que foron destituídos dos seus postos e non puideron seguir desenvolvendo o seu traballo" asegurou o deputado. 

Eis a listaxe de homenaxeados: 

Bibiano Fernández Osorio-Tafall. Presidente da Deputación en 1931. (Salcedo, 1902) Doutor en Ciencias Naturais, foi secretario da Misión Biolóxica de Galiza. Militante da ORGA, foi elixido alcalde de Pontevedra con 28 anos e posteriormente presidente da Deputación en 1931. Defensor do Estatuto de Autonomía, en 1932 presidiu a Asemblea de Municipios na que se debateu o proxecto para dito Estatuto. Foi elixido deputado nas Cortes Españolas, onde o sorprendeu o golpe fascista, permanecendo en Madrid. Exíliase en México, onde que pasou  a ocupar distintos cargos na ONU, chegando a ser o funcionario galego de máis alto rango, e participando en distintos procesos de paz en El Congo e Chipre. Tras a Transición, foi proposto polo Presidente Suarez para facerse cargo da Xunta preautonómica, cargo que declinou. Finou en México no ano 1990.

Amancio Caamaño Cimadevila. Presidente en 1931-1932. (Negreira, 1894) Licenciado en Medicina e Veterinaria, instalouse en Pontevedra no ano 1922 chegando a ser director do Hospital Provincial de Pontevedra. Militante da Federación Republicana Galega, foi elixido presidente da Deputación en maio de 1931 ocupando o cargo ata agosto de 1932. Posteriormente foi Gobernador Civil de Pontevedra ata febreiro de 1936. Detido e encarcerado,  é xulgado e fusilado o 12 de novembro na estrada de Campañó, ao seu paso por Poio.

Joaquín Maquieira Fernández. Presidente en 1933-1934. Farmacéutico de profesión, na súa botica organizaba parladoiros onde se reunían, entre outros, Castelao, Sánchez Cantón ou Losada Diéguez. En 1936 foi designado membro do Consello Provincial de Pontevedra mentres militaba en Izquierda Republicana. Tras a sublevación militar foi detido e encarcerado na Illa de San Simón, e tras pagar unha multa é posto en liberdade e exíliase en Uruguai.

José Adrio Barreiro. Presidente en 1936. (Pontevedra, 1910) De profesión avogado, foi Gobernador Civil de Ourense no ano 1933 e presidente da Deputación de Pontevedra do 19 ao 26 de marzo de 1936. Tras o golpe fascista foi posto en prisión e posteriormente  procesado e fusilado na estrada de Campañó o fatídico 12 de novembro de 1936. 

Maximiliano Pérez Pego. Presidente en 1936. (Pontevedra,1902) Xornalista de profesión, militou na ORGA e en Acción Republicana, e foi presidente do Comité Provincial da Autonomía. Foi elixido presidente da Deputación o 26 de marzo, cargo que desempeñaba cando se produciu o golpe fascista. Posteriormente foi detido e xulgado. O xuízo non chegou a rematarse xa que enfermou no cárcere, finando o 31 de xaneiro de 1937.

Ramiro Paz Carbajal. Comisión Xestora de 1936. (Pontevedra, 1891). Formouse como tipógrafo. Militante da Agrupación Socialista de Pontevedra, ocupou distintos cargos como o de Concelleiro en Pontevedra, membro do Comité Provincial da Fronte Popular ou membro da Comisión Xestora da Deputación en 1936. Foi no exercicio deste cargo cando foi detido o 20 de xullo de 1936, e recluído na prisión militar que se estableceu na escola normal de Pontevedra. Foi xulgado e fusilado o 12 de novembro na estrada de Campañó.

José García Vidal. Asesor Xurídico en 1936. (Cotobade, 1885). Doutor en Dereito pola USC. Vinculado ao catolicismo e ao conservadurismo, entrou como asesor xurídico da Deputación durante a presidencia de Daniel de la Sota, durante a ditadura de Primo de Rivera. Participou na fundación da Misión Biolóxica e da Caixa de Aforros Provincial de Pontevedra. Durante a II República colaborou como asesor na elaboración do Estatuto de Autonomía. Participou no xuízo sumarísimo a Alexandre Bóveda como principal testemuña da defensa, o que lle custou o seu posto na Deputación. Finou en Pontevedra en 1969.