A Deputación de Lugo demanda ao PP que destitúa o alcalde de Baralla

O PP negouse unha vez máis a rehabilitar ás vítimas do franquismo mais os votos do BNG e o PSOE permitiron que fose aprobada a moción que honra a memoria de quen padeceu o terror franquista. 

pleno da deputación de Lugo
photo_camera pleno da deputación de Lugo

En tres ocasións, o PP negouse a rachar co pasado. Lembroullo o deputado provincial do BNG, Antonio Veiga, que celebrou, no entanto, que a Deputación de Lugo tivese aprobado cos votos do PSOE a declaración que, ao seu ver, é un “acto de xustiza e dignidade, honrando a memoria daqueles que padeceron o terror franquista por defenderen unha sociedade xusta, igualitaria e democrática”. 

A Deputación de Lugo dirixirase tamén ao presidente do PP na Galiza, Núñez Feijóo, para lle demandar que destitúa dos seus cargos de alcalde de Baralla e deputado provincial a Manuel González Capón despois das súas declaracións nas que defendía que as vítimas da represión “algo farían”. Ducias de persoas seguiron o pleno portando faixas coa lenda “fascismo nunca máis” e a bandeira que se ideou nas protestas do Prestige, a bandeira sobre fondo negro. 

O PP negouse a apoiar a moción presentada polos nacionalistas de rehabilitación das vítimas do franquismo ao que Antonio Veiga respondeu que “o Partido Popular non está en condicións de expedir certificados de democracia tras as posicións que mantén desde sempre nesta institución sobre o franquismo”. Ao seu ver, actitudes como as do alcalde de Baralla non son actos illados e mesmo ao presidente da Xunta lle parece “un chiste o Arriba España”. 

Comentarios