A Deputación instará a Patrimonio Nacional a que recupere para o público o Pazo de Meirás

A idea básica é que o Pazo de Meirás sempre foi un ben público, de titularidade estatal, e que a familia Franco tentou apropiarse del de forma fraudulenta por medio dun contrato "ficticio". A Xunta pro Devolución reuniuse esta quinta feira na Coruña e acordou pór en marcha o proceso conducente a que Patrimonio Nacional se faga cargo do imóbel.

meirás 2
photo_camera Un momento da apresentación perante a imprensa

Patrimonio Nacional é o organismo estatal dependente de Presidencia -no actual organigrama da Moncloa, da vicepresidenta Soraya Sáenz de Santamaría- que se ocupa de coidar dos bens históricos de titularidade estatal postos ao servizo da Casa Real, isto é, da xefatura do Estado. Durante a ditadura o PN tiña ao seu cargo os bens dos que facía uso Francisco Franco.

De acordo co informe xurídico realizado polo profesor da UDC Xabier Ferreira, o pazo de Meirás, previamente espoliado, foi entregado en 1938 a Franco na súa calidade de xefe de Estado, e non como particular. Así constaría nun telegrama enviado polo gobernador da Coruña a Serrano Súñez, naquela altura número dous do réxime.

En 1940 o Estado promulgou a Lei de Patrimonio Nacional e Franco ocupouse persoalmente de que na relación de bens adscritos a este non figurase o Pazo de Meirás. En 1941 completou a xogada ao escriturar edificio e finca e poñelos ao seu nome. Pagou un baixo prezo, 85 mil pesetas da época. É un contrato fraudulento, explicou Xabier Ferreira, porque simulaba unha transacción entre uns particulares que xa posuían o ben -a familia do tirano- e unha parte vendedora que a efeitos prácticos xa non eran donos da propiedade. Ese "negocio ficticio" é susceptíbel de ser anulado.

Esa é a base argumental que vai levar á Deputación a instar a Patrimonio Nacional a que inicie accións para, vía a anulación do contrato, recuperar a titularidade do ben. Así o decidiron as integrantes da Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás, que tamén deu vía libre a manter reunións cos grupos do Parlamento galego e representantes doutras institucións.

A Xunta pro Devolución coñeceu esta quinta feira o informe xurídico e un estudo histórico elaborado polo profesor da USC Emilio Grandío. Apreséntarono perante a imprensa o presidente da Deputación, Valentín González Formoso; a vicepresidenta, Goretti Sanmartín; Xabier Ferreira e o propio Emilio Grandío.

O titular da Deputación puxo en valor que os informes son produto de "moitos meses de traballo e de colaboración coa Xunta pro Devolución" e mostrou a súa convicción de que "grazas ás conclusións que se desprenden dos informes se abre unha porta á esperanza para devolver un BIC ao dominio público". 

Por súa parte, Goretti Sanmartín xulgou os informes como "sólidos e rigurosos" . "Debe coñecerse a verdade do acontecido, os estudos deixan patente que hai vías legais para recuperar o pazo para a sociedade".

Canto ao informe histórico, Emilio Grandío -coautor do traballo con Manuel Pérez, como el membro do grupo de investigación Hispona da USC- afirmou que a natureza da transmisión do ben decorre dun contexto "no que non había representación democrática senón que a representatividade era a vitoria militar". Nese marco histórico existía "unha confusión sobre aquilo que era de dominio público ou privado".

Comentarios