mércores 19/05/21

A Deputación insiste na memoria histórica como eixo dos usos de Meirás

Malia a última polémica desta semana coa familia Franco -que pediu á Xustiza poder retirar o antes posíbel os bens que están dentro do pazo- e as críticas e preocupación polo posíbel “espolio” chegadas desde distintos ámbitos, a institución coruñesa segue a traballar nas iniciativas a pór en marcha no complexo.

Protesta ás portas do pazo de Meirás. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
Protesta ás portas do pazo de Meirás. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

A xunta de portavoces da Deputación da Coruña acordou hoxe remitir á comisión técnica sobre os futuros usos do pazo de Meirás, un manifesto que insta a empregalo para a recuperación da memoria histórica.

O grupo, integrado quer polas propias Administracións públicas, quer por especialistas, recibirá o documento 'Por un pazo de Meirás dedicado á memoria' que foi promovido por Montse Fajardo, María Xosé Bravo e Marta Dacosta.

A idea é que nos debates sobre as futuras actividades que acollerá o complexo situado no municipio de Sada se incorpore o informe.

Segundo avanzan fontes da Deputación, o texto ten “un punto de partida feminista” e reclama que Meirás sexa un centro “dedicado á memoria antifranquista”. Alúdese á loita feminista, mais sen que esta se utilice “de maneira interesada para impedir o uso como espazo referente da memoria”.

De momento, o manifesto xa conta coa sinatura de apoio de 1.600 particulares e representantes de entidades.

“Cremos que é o momento de mudar o seu significado e convertelo no símbolo da restitución da memoria das vítimas e da loita emprendida pola sociedade civil para acabar coa impunidade”, destaca o propio documento.

Ademais, alude ás mulleres que padeceron a represión como foi o caso “das propias labregas de Meirás en 1933, cando foron desposuídas das súas terras para maior gloria da familia Franco”.

Este novo paso de cara ao futuro do complexo coincide no tempo coa solicitude, por parte do avogado da familia do ditador, de que se lles permita a retirada dos bens mobles con urxencia. De feito, o letrado asegurou que os achegados tamén pensan levar os elementos baixo a protección BIC por considerar que lles pertencen.

comentarios