A Deputación esixe accións legais do Goberno español para recuperar Meirás

“Patrimonio Nacional debe iniciar de maneira urxente o proceso xurídico para recuperar o Pazo de Meirás como ben público”. Así reza a comunicación que a Deputación da Coruña vén de remtir ao Goberno español. Concretamente a Patrimonio e á nova Dirección Xeral de Memoria Histórica.
 

Meiras
photo_camera O Pazo de Meirás, en Sada. Foto: cedida.

A vicepresidenta do ente provincial, Goretti Sanmartín, asina a misiva e lembra que, despois da morte da filla do ditador o pasado decembro, “hai indicios de que a familia Franco quere vender o pazo. Antes de que aconteza é preciso activar a vía xurídica para recuperalo”.

A Deputación da Coruña lembra ao Executivo de Pedro Sánchez que posúe un informe xurídico que abre a posibilidade da vía xudicial de reintegración de Meirás ao demostrar que pasou a mans de Franco a través dunha compra-venda ficticia. O documento elaborouno a Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás.

“Estamos en disposición de argumentar documentalmente este feito para darlle consistencia á reclamación xudicial e mesmo hai nova documentación”, asegura Sanmartín. Segundo a número 2 do ente provincial, a comisión constituída no Parlamento de Galiza “confirma a viabilidade desta liña de traballo para recuperar Meirás”.

As conclusións da Xunta pro Devolución indican que a compra do pazo foi, no seu día, simulada, e que houbo desvío de fondos desde Patrimonio Nacional “para o mantemento do inmoble, para subministrar alimentos e outros enseres”.

A Dirección Xeral da Memoria Histórica, creada polo Goberno español, diríxea Fernando Martínez López. “Queremos que o Pazo de Meirás estea incluído na axenda inmediata do novo organismo”, conclúe Goretti Sanmartín.

Comentarios