A Deputación da Coruña despoxa Franco dos títulos honoríficos aos 80 anos do seu golpe de estado

O que fora Xefe de Estado da ditadura mantiña os títulos de Fillo predilecto da Provincia da Coruña e Presidente de honra da Deputación, entre outras distincións. A decisión foi adoptada por unanimidade.

represaliados_franquismo_060 (2)

Francisco Franco fica sen títulos honoríficos da Deputación da Coruña. Nin Fillo predilecto na provincia coruñesa nin presidente de honra da entidade provincial. Nada. Ficou despoxado esta sexta feira dos títulos que aínda mantiña, 80 anos despois do seu golpe de estado. Retiráronselle os 'recoñecementos', ademais, un día despois de que a Deputación homenaxeara as corporacións municipais que foron vítimas da represión franquista. Por unanimidade, esta sexta feira, o pleno provincial aprobou iniciar os trámites para a retirada dos honores e distincións á persoa que encabezou o golpe militar e se converteu no Xefe do Estado da ditadura durante case corenta anos. A declaración demanda tamén a aplicación "dunha auténtica política pública da memoria que permita o coñecemento da verdade histórica, a reparación e rehabilitación das vítimas, o exercicio da xustiza e a suspensión da fenda e das feridas físicas e morais causadas polo levantamento militar e a ditadura".

O texto aprobado lembra que xa o 30 de decembro de 2015, o pleno da Deputación aprobou unha moción de condena e o rexeitamento, sen paliativos, do golpe de Estado de xullo de 1936. “A Deputación da Coruña reitera, asemade, a importancia de proseguir coas accións dirixidas a recuperar e dignificar a memoria das vítimas da represión exercida despois do golpe militar de 1936, ao réxime ditatorial consecuencia deste golpe de estado e aos crimes e represión exercidos sobre as persoas vencidas”, engade a declaración que remata declarando a vontade de “eliminar, suprimir e anular todas as honras e distincións concedidas polo Deputación Provincial da Coruña a Francisco Franco Baamonde”.

Títulos

O pleno da Deputación do 15 de xullo de 1939 outorgoulle ao golpista o título de Fillo predilecto da Provincia. Catro anos despois o ditador ía sumar a medalla do ex-combatente galego, proposta de creación do galardón aprobada na sesión do día 31 de agosto de 1943 e o nomeamento de Presidente de honra ao que o pleno daría o visto bo o 15 de febreiro de 1944, título que sería ratificado o día 15 de xullo de 1945.

Comentarios