Deputación denunciará a Fundación Francisco Franco de se producir apoloxía do franquismo no Pazo de Meirás

Goretti Sanmartín:  “Tivemos a ben retirar as honras [a Franco] que aínda tiña de fillo predilecto, porque nós, as honras, dámosllas a unha Xeración Perdida polo xenocidio que el mesmo encabezou”.

A vicepresidenta, Goretti Sanmartín, anunciou que a Deputación da Coruña denunciará a Fundación Francisco Franco de se comprobar que fai apoloxía do franquismo no Pazo de Meirás, cuxas visitas xestiona por vontade da familia Franco, propietaria desta patrimonio.

Sanmartín lembrou que a Deputación retirou o pasado ano as honras a Francisco Franco. A vicepresidenta fixo estas declaracións na inauguración da Feira do Libro da Coruña onde lembrou José María Eirís, libreiro na rúa San Nicolás asasinado en 1937 no Campo da Rata da Coruña, hai agora oitenta anos. “Cando se cumpren oitenta anos do seu asasinato, desde a Deputación da Coruña queremos facer un claro alegato para a recuperación a súa memoria, da memoria de tantas vítimas do franquismo aínda silenciadas”, dixo, ao tempo que invocou a Lei da Memoria Histórica para reclamar que se impida que a Fundación Francisco Franco siga eloxiando o réxime ditatorial no Pazo de Meirás.

“Tivemos a ben retirar as honras que aínda tiña de fillo predilecto, porque nós, as honras, dámosllas a unha Xeración Perdida polo xenocidio que el mesmo encabezou”, dixo, botando man do título do proxecto da Deputación da Coruña de recuperación da memoria histórica ao tempo que anunciou o compromiso de presentar unha denuncia se a Fundación incumpre a Lei da Memoria Histórica facendo apoloxía do franquismo no Pazo de Meirás.

Comentarios