Alén de retirar os títulos de honra a Franco

A Deputación da Coruña homenaxeará os alcaldes fusilados

Lembrará 17 rexedores da provincia e o presidente da propia institución provincial paseados e fusilados após o levantamento fascista.

CastelaoApós 80 anos do golpe militar continúan a retirárselle, aínda hoxe, os títulos honoríficos ao xeneral fascista que liderou o levantamento contra a II República e se proclamou xefe de estado nunha ditadura que se prolongaría durante catro décadas (1939-1975), Francisco Franco. 

Coincidindo co cabodano do golpe de estado de 1936, a Deputación de Pontevedra e máis a da Coruña iniciaron a retirada dos recoñecementos acumulados polo ditador nestas institucións, un proceso que desde a aprobación en 2008 da Lei para a Recuperación da Memoria Histórica, foi desenvolvéndose, ora ben, aos poucos. 

Con anterioridade a Deputación Provincial de Lugo en 2012 xa fixera o propio con Franco --nomeado presidente de honra da institución en 1944-- e coa Falange, á que lle fora concedida a Medalla de Ouro para a Sección Femenina, o Frente de Juventudes e Pilar Primo de Rivera. 

Xuntos aos gobernos provinciais, tamén distintos concellos foron revogando os recoñecementos institucionais acumulados por Franco. Entre eles Ferrol --localidade natal do ditador-- (2008), Pontevedra (2015), San Sadurniño (2015), Lugo (2015) ou Ourense (2016). 

A Deputación da Coruña lembra que o golpe militar foi na Galiza a "orixe dunha cruenta e brutal represión que se materializou no asasinato de máis de 5 mil persoas"

Porén, a Deputación da Coruña decidiu desenvolver con carácter previo un acto de homenaxe aos representantes institucionais asasinados despois da sublevación militar e fascista do 18 de xullo de 1936. Data que desde o goberno provincial sinalan como a orixe en Galiza dunha “cruenta e brutal represión, que se materializou no asasinato de máis de 5.000 persoas e noutras múltiples formas de violencia física”. 

A este respeito, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, a nacionalista Goretti Sanmartín, declarou: "Francisco Franco non é merecente de  honores xa que é responsábel directo da brutal represión que se iniciou co golpe militar que el encabezou.  A senrazón é que unha institución continúe mantendo as honras a persoa que é responsábel do asasinato de quen foi o seu presidente e vicepresidente, López Bouza e Ánxel Casal. A Deputación vaille retirar as distincións ao tempo que homenaxeará as vítimas das corporacións locais na vontade de recuperarmos a nosa memoria histórica”

Neste senso, o 28 de xullo --un dia antes da sesión plenaria na que se aprobará a retirada dos títulos honoríficos a Franco-- desde a corporación coruñesa lembrarán unha parte das vítimas desa violencia, a que atinxiu a alcaldes dos concellos da Coruña, concelleiros e concelleiras e membros da Deputación. 

No concreto serán 17 persoas que ostentaban a alcaldía das súas respectivas localidades. No libro Os borbóns: unha monarquía escandalosa. A herdanza do franquismo, Manuel Monge repasa as súas biografías que acontinuación detallamos. 

  • Juan Manuel Vidal García. Alcalde de Arzúa. (Izquierda Republicana). Tiña 50 anos, industrial de profesión. Foi eleito concelleiro en 1924 durante a ditadura de Primo de Rivera e presidente da agrupación local de IR. Era rexedor en Arzúa desde 1932. Após o levantamento militar fuxiu da localidade. Foi prendido e paseado en Compostela en setembro de 1936. 
  • Tomás López da Torre. Alcalde de Betanzos e deputado provincial. (PSOE). Tiña 36 anos e era avogado. Formara parte das corporacións municipais entre 1925 e 1929, durante a ditadura de Primo de Rivera. Foi fusilado, após un Consello de Guerra, o 1 de outubro de 1936. 
  • José María Novo Rogríguez, alcumado 'O Ánimas'. Concelleiro de Betanzos por Izquierda Republicana. Foi paseado o 29 de xullo de 1936. 
  • Álvaro Puentes Antón, alcumado 'O coxo'. Alcalde de Cabanas por Unión Republicana. Fuxiu após o levantamento fascista ás Fragas do Eume onde morreu nun enfrontamento coa Garda Civil que se infiltrara entre os fuxidos, o 27 de setembro de 1940. 
  • Manuel Fernández Freijeiro. Alcalde de Cedeira por Izquierda Republicana. Era militar retirado pola Lei Azaña. Tiña 60 anos cando foi condenado por rebelión militar a pena de morte e executado o 18 de decembro de 1936. 
  • Alfredo Suárez Ferrín. Alcalde da Coruña por Unión Republicana. Era industrial e profesor mercantil, propietario da Ferretaría Ferrín Hermanos e dunha fábrica de caldos. Foi fusilado o 31 de xullo de 1936 após un Consello de Guerra. 
  • Ramón Souto González, alcumado 'O Meiriño'. Alcalde de Fene polo PSOE. Era carpinteiro e tiña 36 anos. Foi paseado o 16 de agosto de 1936 e fusilado no Castelo de Santo Felipe, en Ferrol. 
  • Xaime Quintanilla Martínez. Alcalde de Ferrol (PSOE). Foi fusilado o 17 de agosto de 1936 tamén no castelo de Santo Felipe. 
  • Cipriano Fernández Brage. Alcalde de Fisterra por Izquierda Radical. Era radiotelegrafista. Foi paseado e atopado nun pozo da Castellana, en Aranga, o 5 de novembro de 1936. 
  • Jesús Castaño Galdo. Alcalde de Mañón por Izquierda Radical. Era labrego e tiña 33 anos. Estivo fuxido e agochado na súa casa. Foi condenado a pena de morte e fusilado o 16 de abril de 1937 no castelo de San Felipe en Ferrol. 
  • Pablo Rico Monfero. Alcalde de Monfero por Izquierda Radical. Tiña 63 anos e era tesoureiro da Sociedade de Agricultores. Foi paseado o 19 de agosto de 1936. 
  • Juan Prieto Balsa, alcumado 'O Escacho'. Alcalde de Mugardos polo PCE. Era peón de 33 anos, participou en 1931 na creación do Sindicato de Mariñeiros, Pescadores e demais oficios de Mugardos (CNT), secretario de Radio Comunista. Foi paseado en Ombre (Pontedeume) o 24 de xullo de 1936. 
  • Antonio Fernández Pita. Alcalde de Sada pola Organización Republicana Galega Autónoma (ORGA). Tiña 48 anos. Foi concelleiro desde 1931. Foi xondenado após un Consello de Guerra por rebelión militar a morte e multa de 100 mil pesetas. Foi executado o 27 de novembro de 1937. 
  • Alejandro Porto Leis. Alcalde de Serantes --pertencente a Ferrol desde 1941-- por Izquierda Republicana. Era electicista en Bazán e tiña 49 anos. Foi elixido alcalde en 1931 e en 1933 publicara o libro de poemas Intemperancias poéticas. Agochouse coa axuda de 3 amigos até o 31 de xaneiro de 1938 día no que foi detido cando ía ao médico. Foi paseado xunto cos tres homes que o agochaban o 3 de febreiro de 1938 nos arredores da praia de Valdoviño. A súa historia foi recollida no documental 'O segredo da Frouxeira', dirixido por Xosé Abad. 
  • Alfonso de Cal Fernández. Foi alcalde de Valdoviño por Unión Republicana e executado o 9 de novembro de 1937. 

Presidente e vicepresidente da Deputación

  • Ánxel Casal. Alcalde de Compostela e vicepresidente da Deputación da Coruña polo Partido Galeguista (PG). Estivo fuxido en Arzúa. Foi paseado o 19 de agosto en Cacheiras (Concello de Teo). A súa imprenta, 'Nós' foi obxecto de subasta pública. 
  • José López Bouza. Presidente da Deputación da Coruña por Izquierda Republicana. Traballou como funcionario no Concello de Ferrol e foi xefe de Negociado de Augas. Dixiriu varias publicacións obreiras e foi concelleiro de Ferrol. Foi condenado en Consello de Guerra a trinta anos de cadea que non cumpriu pois foi paseado e fusilado o 30 de agosto no cemiterio de Canido. 

Comentarios