A Deputación da Coruña homenaxeará alcaldes e concelleiros represaliados

Alcaldes e membros das corporacións municipais que padeceron a represión despois do golpe militar de 1936, do que se cumpre 80 aniversario, serán protagonistas dunha homenaxe da Deputación da Coruña que se desenvolverá o vindeiro día 28 de xullo ás 12 da mañá.
 

alcaldes
photo_camera De esquerda a dereita, Suárez Ferrín (alcalde da Coruña), Ánxel Casal (Compostela) e Xaime Quintanilla (Ferrol)

En 1936 José López Bouza como presidente e Ánxel Casal como vicepresidente estaban á fronte do goberno da Deputación da Coruña. Os dous foron asasinados despois do golpe militar de 1936. Coma eles, alcaldes de máis de vinte localidades -entre eles os das tres cidades, Alfredo Suárez Ferrín da Coruña, Xaime Quintanilla de Ferrol e Ánxel Casal de Santiago- e concelleiros e concelleiras das corporacións municipais padeceron a represión, en boa medida, polo seu compromiso no cargo público e pola defensa da legalidade institucional quebrantada polos golpistas. Serán os nomes protagonistas da homenaxe que a Deputación da Coruña tributará o vindeiro día 28 de xullo, no mes en que se cumpre o oitenta aniversario do golpe militar que deu inicio á represión.
 
“A ditadura supuxo tamén unha forte lousa sobre a memoria e, desta maneira, silenciáronse os nomes daquelas persoas que defenderon a legalidade mesmo a costa das súas propias vidas. Oitenta anos despois, continuamos a ter unha débeda de recoñecemento e homenaxe coas vítimas da represión e tamén con todas as resistentes á opresión franquista”, defende a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, nunha carta que foi remitida a alcaldes e alcaldesas da Coruña en que convida a participar na homenaxe e solicita tamén que, desde os gobernos municipais, fagan partícipes da convocatoria a todos os grupos municipais e persoas vinculadas aos cargos políticos represaliados.
 
No acto, desde a Deputación lembraremos homes e mulleres que padeceron distintos tipos de represión, principalmente a que se saldou con resultado de morte, que foron concelleiros e concelleiras ou alcaldes/esas das corporacións municipais anteriores a 1936. Na carta remitida por Goretti Sanmartín aos gobernos municipais solicítase tamén colaboración para completar a listaxe de persoas represaliadas das corporacións, na que está a traballar a Deputación. “Estamos a completar a listaxe de concelleiros e concelleiras represaliados mais toda a información, en especial a que chega das propias localidades, é de especial interese para nós co fin de contribuír á recuperación da memoria tamén dos nosos concellos”, anota na carta que xa teñen na súa man alcaldes e alcaldesas dos noventa e tres concellos da provincia.
 

Comentarios