Denuncian o Concello da Coruña na Fiscalía por "incumprimento reiterado" da Lei de memoria

"Vémonos obrigados por hixiene democrática", salientan desde a CRMH, aludindo aos símbolos franquistas aínda presentes na cidade, nomeadamente as referidas ao ex alcalde e represor na ditadura Sergio Peñamaría de Llano.
Sergio Peñamaría, primeiro pola dereita, entregando a medalla de ouro da Coruña a Pedro Barrié de la Maza en 1962. (Foto: El Pueblo Gallego)
photo_camera Sergio Peñamaría, primeiro pola dereita, entregando a medalla de ouro da Coruña a Pedro Barrié de la Maza en 1962. (Foto: El Pueblo Gallego)

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña vén de presentar unha denuncia ante a Fiscalía da Galiza contra o Concello por "incumprimento reiterado" da retirada de simboloxía franquista; nomeadamente, das distincións de Sergio Peñamaría de Llano, militar e ex alcalde da Coruña, pola súa participación na represión do réxime após o golpe de Estado de 1936.

Así o notificou esta cuarta feira, en rolda de prensa, o presidente desta entidade, Fernando Souto, após entregar no Rexistro municipal unha carta con esta petición "sen resposta até este momento". Na comparecencia estivo acompañado polo membro da asociación Emilio Veiga Rodríguez e a vogal da Asociación de Veciños do barrio do Ventorrillo, Beatriz Gómez Amigo.

"Vémonos obrigados por hixiene democrática", puntualizou Souto. "Non queremos que as xeracións futuras repitan os actos de Peñamaría de Llano, feitos que constatan a súa falta de actitude democrática", insistiu o activista.

Souto instou a Fiscalía a actuar e exixir ao Goberno municipal que cumpra a lei, procedendo á retirada da simboloxía franquista do rueiro corués, así como o retrato do ex rexedor situado no consistorio. "Hai que cumprir e facer cumprir a lei", reiterou.

"Unha ilegalidade democrática"

Veiga, pola súa parte, incidiu en que o "flagrante incumprimento" do Concello da Coruña da Lei de memoria democrática sitúao na "ilegalidade democrática". A norma, salientou, sinala que os crimes de guerra, de lesa humanidade, xenocidio e tortura teñen a consideración de "imprescriptíbeis e non amnistiábeis". "Non hai vontade política", criticou.

Neste senso, Gómez avanzou que "despois desta rúa virán moitas máis en cadea", e lembrou que na actualidade existen na cidade herculina "140 elementos de simboloxía franquista, entre eles 14 rúas". Cuestionados sobre o motivo polo que o Concello non retira a simboloxía franquista, vinculárono a unha cuestión de captación de votos, ao "medo" á campaña electoral.

"Inhumana represión"

Entre outras cuestións, no seu discurso aludiron ao historial de "sanguenta e inhumana represión franquista" de Peñamaría de Llano, en concreto na comarca de Valdeorras, como tenente ao mando do I Terzo de III Bandeira da Lexión. A partir dos anos 40, formou parte como fiscal nos consellos de guerra realizados na ditadura, solicitando penas de morte en procesos realizados sen ningún tipo de garantías xurídicas.

Comentarios