"Unha democracia non se pode construír sobre o silencio"

A Declaración de Vilaboa berra contra o esquecemento e exixe a restauración da memoria no 80 aniversario do golpe de estado fascista.

Illa de San Simón e Ría de Vigo_Turgalicia
photo_camera Illa de San Simón e Ría de Vigo [Turgalicia]

Acarón da ría de Vigo, "a maior foxa común de Galiza", do "Lazareto, 'a illa dos amores para a morte confiscada'" e da "estrada que construíron centos de presos da illa con man de obra escrava", as Asociacións para a recuperación da memoria histórica asinaron a Declaración de Vilaboa. Un documento que após 40 anos da morte do ditador Francisco Franco e a piques de se cumprir 80 do golpe de estado fascista, recolle 10 reclamacións, a comezar por rachar o silencio sobre o que que din "non se pode construír" unha "democracia digna de tal nome". 

"Dicímolo alto e forte", sinalan en referencia ao aniversario do inicio da represión que terá lugar en 2016 e polo que reivindican "a aprobación dunha política pública da memoria de carácter estatal e por parte do goberno galego" para a que coidan "de interese" como "punto de partida" as "recomendacións do informe do relator da ONU para os dereitos humanos, Pablo de Greiff". A comezar, insisten, polo respecto aos principios de "verdade, xustiza, reparación e non repetición". 

Aliás, exixen "aos gobernos municipais e as deputacións" a incorporación da memoria histórica ás súas políticas de goberno e que a Xunta devolva o carácter de illa da memoria a San Simón informando nas visitas guiadas "con amplitude sobre o seu pasado como cárcere", "como corredor da morte" e "sobre as sacas das que foron vítimas ducias de de militantes republicanos". 

Reclaman a recuperación de San Simón como Illa da Memoria e a creación dunha rede de Lugares da Memoria na Galiza 

Asemade, reclaman a "reactivación do proxecto Nomes e Voces" e piden á maxistratura que "non apare a fascistas, integrantes activos da ditadura franquista aínda vivos" para favorecer "o seu xulgamento no noso territorio, así como a colaboración co proceso xudicial aberto desde a Arxentina contra o réxime franquista". 

Demandan unha "decidida política de cara a facilitar o acceso aos arquivos que albergan documentación relacionada coa represión" e a "desaparición da simboloxía franquista e de todo tipo de elementos que lembren a Ditadura e sexan ofensivos para as vítimas". 

Así como a creación dunha Rede galega de Lugares da Memoria, sinalizados mediante unha imaxe e simboloxía común. 

Comentarios